Suárez e o Estatuto: De Galicia como escusa a Galicia como problema

Suárez veraneaba na finca da Atlántida, no Grove, onde hoxe se ofician vodas Dominio Público Praza Pública

Os medios de comunicación énchense dende este domingo de retratos da figura de Adolfo Suárez e de narracións, amables e edulcoradas as máis delas, sobre a súa acción de goberno entre 1976 e 1981. Suárez foi un político con luces e sombras e seguramente representa mellor que ninguén esa transición política pola que un réxime ditatorial se transformou nun democrático "de la ley a la ley", seguindo os propios procedementos normativos da ditadura, e sen modificar tampouco a distribución de poder económico e empresarial existente no franquismo e os privilexios cos que nel contaban grupos coma a xerarquía católica. E representa mellor que ninguén, ademais, a evolución interna que amplos sectores da sociedade española levaron a cabo, pasando nun prazo moi breve de aceptar e defender o franquismo e as súas institucións e legalidade, a aceptar e defender un modelo democrático equiparable ao dos restantes países de Europa Occidental. Pode que non sempre por firmes convicións e valores, senón máis ben por pragmatismo e pola certeza de que tamén serían os beneficiados no novo réxime.

Suárez foi un político con luces e sombras e seguramente representa mellor que ninguén esa transición política pola que un réxime dictatorial se transformou nun democrático "de la ley a la ley"

Adolfo Suárez tivo tamén unha relación moi próxima con Galicia, un dos grandes caladoiros de voto de UCD (en 1977 obtivo 20 dos 27 escanos posibles), e onde o daquela presidente do Goberno adoitaba pasar parte das súas vacacións de verán, concretamente no chalé da Atlántida, no Grove. Suárez tivo así mesmo unha participación importante en certos momentos do proceso de redacción e aprobación do actual Estatuto de Autonomía, aínda que as súas referencias públicas ao autogoberno galego foron escasas. Suárez, home discreto e dialogante, levou a cabo intervencións concretas e sobre todo en ámbitos privados, que foron determinando o camiño da autonomía de Galicia.

Suárez, home discreto e dialogante, levou a cabo intervencións concretas e sobre todo en ámbitos privados, que foron determinando o camiño da autonomía de Galicia

Suárez, ao igual que a meirande parte da UCD, non cría no autogoberno. Porén, dende o comezo do seu goberno tivo quen enfrontar unha reivindicación absolutamente maioritaria en Catalunya a prol da recuperación inmediata da súa autonomía, e tamén unha presión moi forte igualmente en Euskadi, sumada ao problema do terrorismo. Iso moveuno a reinstaurar a Generalitat o 29 de setembro de 1977, dúas semanas despois dunha masiva Diada que reuniu máis de millón e medio de persoas nas rúas, e máis dun ano antes da aprobación da Constitución. O punto partida das preautonomías foi a Operación Tarradellas, unha intelixente xogada de Suárez consistente no restablecemento da Generalitat na figura do seu presidente no exilio. A medida efectuouse a través dun Decreto-Lei baseado no Artigo 13 da lei de Cortes franquista, e ademais de constituír un efectivo acto simbólico, servía de contrapeso ao poder da esquerda (PSC-PSOE e PSUC) na Asemblea de Parlamentarios catalá. Despois chegou a preautonomía vasca, e a galega aínda se faría agardar até comezos de 1978, coincidindo coas concedidas ao País Valenciano e a Aragón.

O mesmo proceso seguiu a redacción e aprobación dos respectivos estatutos de autonomía. Na primavera de 1979 os textos catalán e vasco estaban xa listos para a súa votación en referendo (foron aprobados ese verán), mentres que o galego aínda non comezara a súa redacción. A presión das forzas políticas galegas (mesmo do sector máis galeguista da UCD) acelerou o proceso e a Comisión dos 16 elaborou un proxecto de estatuto á altura dos textos cataláns e vasco. Este proxecto foi recortado en parte pola UCD na Asemblea de Parlamentarios, mais chegou case íntegro ao seu debate no Congreso, xa no outono.

 

O papel de Suárez na aldraxe

Porén, unha vez que os problemas catalán e vasco foron solucionados, coa aprobación dos seus respectivos Estatutos, o Goberno de Suárez (co apoio editorial da prensa da capital do Estado e dalgúns sectores do PSOE) decidiu que chegara o momento de racionalizar o proceso autonómico. E a Galicia, como terceira e derradeira nacionalidade histórica, tocáballe o papel de chibo expiatorio, de exemplo limitador para os restantes territorios. A prensa galega fixo popular a denominación de aldraxe para condensar estes agravios. "Tenlle medo Suárez ás autonomías. De aí que se dese a orde da paralización total do tren autonómico. Non poderían tampouco dar luz verde ao vagón de Galicia, porque terían que aturar o berro dos demais que van enganchados a este", escribía xa en 1978 Luís Álvarez Pousa na súa crónica política en La Voz de Galicia.

Así, en outubro e novembro o texto chegou á Comisión Constitucional do Congreso, onde necesitaba do apoio da UCD e o PSOE para ser aprobado. O consenso ao que se chegara en Galicia e os precedentes catalán e vasco auguraban unha resolución rápida. Pero o conto foi outro. As modificacións que efectuou a Comisión Constitucional nos meses de outubro e novembro de 1979 afectaron a temas fundamentais do Estatuto, coma as competencias ou a organización territorial. A transformación máis importante foi a coñecida como Disposición Transitoria terceira (nun comezo, artigo 32.4), que definía a delimitación unilateral por lei das Cortes Xerais nas materias competenciais compartidas, e eliminaba a iniciativa do Parlamento autónomo para a súa cesión, tendo que agardar á vontade (mesmo sine die) do Congreso. É dicir, na práctica, o Estatuto nacía sen competencias, estaba baleiro.

A súa autoridade planeaba sobre os debates, pero ao igual que facía noutras cuestións, delegou a dirección das negociacións en persoas de confianza, como Abril Martorell ou Pérez Llorca

A día de hoxe aínda se descoñece o papel concreto que Adolfo Suárez tivo neste recorte. Pódese dicir que a súa autoridade planeaba sobre os debates, pero ao igual que facía noutras cuestións, delegou a dirección das negociacións en persoas de confianza, como Abril Martorell ou Pérez Llorca. A noite do 21 ao 22, a Comisión Constitucional aprobou cos devanditos recortes o Estatuto co voto a favor da UCD e en contra de PSOE e PCE e a ausencia de AP, vascos e cataláns. Durante as semanas anteriores especulárase coa existencia dun pacto entre UCD e o PSOE, entre Abril Martorell e Alfonso Guerra, para recortar o Estatuto galego e para que unha vez concedido o autogoberno a Catalunya e Euskadi, Galicia fose o tapón e o exemplo para o resto de territorios, o primeiro dos estatutos de segundo nivel. UCD faríao en Galicia, onde era moi maioritara, e o PSOE en Andalucía. Porén, ao final os ucedeos ficaron sós. A UCD galega, que aínda que mantiña unha posición crítica acatou a disciplina de voto do seu partido, apostaba por aprobar o Estatuto (segundo Meilán, de non aprobarse, Galicia tería que agardar cinco anos) e modificalo no propio Parlamento Galego.

A solución non contentaba a case ninguén en Galicia. Contaba coa oposición clara do PSdeG-PSOE, dos partidos que formaban Unidade Galega (POG, PSG e PG) e do PCG, e non xeraba un grande entusiasmo nin sequera da UCD de Suárez. Entre novembro e decembro celebráranse ademais masivas manifestacións contra a aldraxe, vixilias nos concellos e encerros de representantes públicos. Se o proxecto aprobado era votado en referendo obtería moi poucos votos a favor e probablemente sería rexeitado. Galicia pasara a ser algo máis que un instrumento, unha escusa para limitar o autogoberno a Catalunya e Euskadi. Galicia era xa un problema, un territorio clave que UCD non se podía permitir perder. É a partir dese momento cando Suárez adopta un papel máis protagonista.

 

Un Estatuto desbloqueado no Grove

A lea na que UCD metera o Estatuto galego foi pouco a pouco, ao longo de 1980, desfacéndose, co establecemento dos primeiros contactos entre os centristas e algúns representantes do PSdeG-PSOE, do PG e tamén da intelectualidade galeguista encabezada por Ramón Piñeiro

Na fin de ano de 1979 Adolfo Suárez afirmou publicamente que "se repararán las injusticias cometidas en Galicia durante siglos”, prometendo que "la autonomía gallega no será inferior a la catalana o vasca" e recoñecía que “acaso por nuestra parte se ha cometido errores psicológicos de presentación, al tratar de ordenar racionalmente las transferencias de competencias a Galicia, pero esto no debe dar pié a interpretar el estatuto con criterios restrictivos”. A súa toma de postura, en realidade a primeira que levaba a cabo en todo o proceso, foi ben recibida pola prensa galega e por UCD. Tamén por Ramón Piñeiro, que destacou que “Suárez convírteste no fiador moral de que Galicia terá os mesmos niveles de que Catalunya i Euskadi”. O 4 de xaneiro El Ideal Gallego publicou un editorial titulado "Disyuntiva ante el Estatuto”, no que afirmaba que as declaracións do presidente do Goberno sobre o Estatuto de Autonomía para Galicia constituían un feito importante no proceso político galego pois “elevan la cuestión gallega a categoría de problema de Estado” e que “las protestas contra el Estatuto, elaborado de forma que muchos han coincidido en calificar de aldraxante para el pueblo gallego han dado sus frutos y han servido al menos para abrir los ojos del Gobierno". O xornal tamén aseguraba que “Nos queda la impresión de que hubiera sido muy positivo que la intervención del presidente Suárez se hubiera producido antes”.

A lea na que UCD metera o Estatuto galego foi pouco a pouco, ao longo de 1980, desfacéndose, co establecemento dos primeiros contactos entre os centristas e algúns representantes do PSdeG-PSOE, do PG e tamén da intelectualidade galeguista encabezada por Ramón Piñeiro e organizada no colectivo Realidade Galega. Porén, en paralelo, o propio presidente Suárez iniciaba unha crise de liderado, nun marco de grave crise económica e de esfaelamento da UCD, que o levaría a dimitir en febreiro de 1981. Neste contexto, o presidente pasou o mes da agosto no Grove, e alí aproveitou para establecer diversos contactos, sobre todo cos seus propios compañeiros de partido, para falar do Estatuto galego.

O 6 de agosto El Ideal Gallego dedicáballe un editorial titulado “Suárez debe hablar en Galicia”, no que afirmaba que “debe traslucirse en algún tipo de declaración o de pronunciamiento que despeje ciertas incógnitas. Ya hemos dicho que la moderación no debía entenderse como coartada para seguir marginando a esta región, sino al contrario para premiar su actitud de serenidad”. O mesmo Quesada, debuxou unha viñeta sobre o tema, colocando un paisano que lle dicía a Suárez: “La cosa está clara: si quiere salir con la cabeza alta tiene que elevar el techo”.

O 21 de agosto Suárez reuniuse cos principais líderes de UCD en Galicia, unha tensa xuntanza na que José Luis Meilán e Antonio Rosón, lle demandaron xestos e concesións sobre o Estatuto

O 21 de agosto Suárez reuniuse cos principais líderes de UCD en Galicia, unha tensa xuntanza na que José Luis Meilán e Antonio Rosón, lle demandaron xestos e concesións sobre o Estatuto para obter unha mellor imaxe pública e, segundo as crónicas políticas publicadas nesa semana, mesmo ameazaron con desentenderse do tema se non se consideraban as súas opinións. Froito desas xuntanzas, con Suárez xa moi debilitado, a UCD accedeu a modificar o texto a través das conversas que deron lugar ao Pacto do Hostal, no que participaron AP, PSOE, UCD, PCG e PG. Non era o texto dos 16 pero si que se eliminaron unha parte importante dos motivos de crítica. Despois aínda veu un referendo cunha abstención do 70%. Veu tamén o café para todos e tamén a LOHAPA despois do 23F como intento de limitar o Estado Autonómico. Pero ese foi outro conto, un no que Suárez xa non era protagonista e tampouco o pazo da Atlántida, hoxe un lugar coñecido sobre todo por acoller numerosas vodas.

Adolfo Suárez con Francisco Fernández Ordóñez CC-BY Wildebeast1
Suárez veraneaba na finca da Atlántida, no Grove, onde hoxe se ofician vodas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.