Multiplícanse os contactos para estruturar o "novo proxecto común"

Coloquio entre Encontro Irmandiño, Máis Galiza e Espazo Ecogaleguista CC-BY-SA Praza Pública

Efervescencia de contactos para estruturar o que xa se dá en chamar "novo proxecto común", a posible alianza de forzas escindidas do BNG e outras previamente alleas para formar un "novo referente" político orientado a abranguer un amplo espectro, do galeguismo ao nacionalismo. Estes son algúns dos principios básicos que representantes do Encontro Irmandiño, Máis Galiza, Acción Galega -grupo rexistrado como partido político dende hai poucos días- e tamén o Espazo Ecogaleguista teñen sobre a mesa en xuntanzas que se veñen multiplicando nas últimas semanas mentres, paralelamente, continúan as asembleas abertas, auspiciadas esencialmente polos irmandiños pero nas que participan tamén integrantes doutros colectivos e persoas a título individual, e encontros de dirixentes das diversas formacións, xuntos ou por separado, con militantes e simpatizantes en diferentes comarcas.

A conciliación destas dúas dinámicas, a de asembleas abertas e contactos entre colectivos xa estruturados, semella ser un dos retos máis inmediatos dos membros da posible unión. Fontes dos diversos colectivos consultadas por Praza coinciden en sinalar que, dos participantes nas conversas, o EI é o máis partidario de que sexan esas asembleas as que piloten o proceso, coas vindeiras eleccións no horizonte pero sen que os comicios "condicionen" unha posible nova organización, que o propio Xosé Manuel Beiras ten considerado que debera ser "de afiliación individual" e construída "dende abaixo". Mentres, +G e as persoas agrupadas en torno a Acción Galega apostan por facer compatibles ambos procesos tendo en conta, en todo caso, que o proxecto "só ten unha oportunidade" e esta pasa, entre outros aspectos, por concorrer ás eleccións e lograr representación parlamentaria.

En calquera caso, estas dúas visións non impiden que o proceso avance, segundo as fontes consultadas, no organizativo pero tamén no programático, o ámbito que consideran esencial e no que a priori o obxectivo é facer confluír visións socialdemócratas, outras orientadas ao considerado centro político e as asentadas máis cara á esquerda, todas elas, iso si, coincidentes na consideración de Galicia como nación, especifícase dende un dos colectivos. Nesta liña, das xuntanzas da pasada semana tería saído a conformación de dous grupos de traballo, un centrado na estrutura e outro no eido de propostas e programas. Estes encontros multilaterais conviven, non obstante, con outros de tipo bilateral que poderían simplificar o mapa de siglas internas. 

A procura de "principios comúns" entre todos os actores deste proceso prodúcese mentres, á marxe das asembleas abertas, as declaracións públicas son de relativo optimismo. Así, nos últimos días a Comisión Executiva Nacional de +G considerou "moi positivas"  as conversas "mantidas con outros grupos de cara á materialización dunha plataforma político-electoral co obxectivo de concorrer ás vindeiras eleccións nacionais galegas". Do mesmo xeito, dende os Ecogaleguistas observouse  como "urxente" que os diversos colectivos asuman un "compromiso público" orientado ás próximas eleccións. Ese carácter público será o que teña o vindeiro día 24 un coloquio organizado polo Movemento Estudantil Universitario na facultade de Ciencias Políticas de Santiago, e no que intervirán Martiño Noriega (EI), Xoán Bascuas (+G), Xoán Hermida (Ecogaleguistas) e Rafa Cuiña (Acción Galega).

Coloquio entre Encontro Irmandiño, Máis Galiza e Espazo Ecogaleguista CC-BY-SA Praza Pública
Comparecencia do Consello Político Nacional de Máis Galiza CC-BY-SA Merixo
Chus Bóo, nun acto público de Ecogaleguistas © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.