Ana Miranda ve nas críticas ao pacto con Bildu "unha escusa" para non falar de corrupción

Ana Miranda, no Nueva Economía Forum © Nueva Economía Forum

"As críticas ao BNG pola súa coalición con Bildu son unha escusa para que non se fale de corrupción, da operación Pokemon, da alternancia dos grandes no poder ou do propio traballo do Bloque". Así o asegura a candidata da formación nacionalista á Eurocámara, Ana Miranda, que volveu defender o acordo coa coalición abertzale de cara ás eleccións como a maneira de que os nacionalistas galegos acaden "presenza" no Parlamento comunitario.

"As críticas ao BNG pola súa coalición con Bildu son unha escusa para que non se fale de corrupción", di Miranda

No almorzo organizado por Nueva Economía Forum, Miranda mostrouse convencida de que o BNG obterá representación na Eurocámara e non dubidou en asegurar que as coalicións de cara aos comicios europeos "son instrumentais". "Non temos nada que ocultar", asegurou, tras apelar á "apertura mental" e a non poñer o foco en debates que só intentan "que non se fale" do "traballo" do Bloque. "Ao final, non nos van poder calar", insistiu antes de censurar as críticas. "Son manipulacións e parvadas", dixo, logo de insistir en que a circunscrición electoral única do Estado obriga as formacións nacionalistas a "ir nun paquete para competir coas grandes forzas".  "Facemos coalicións para poder ter representación", dixo.

Na súa intervención, Miranda fixo un repaso do seu labor como europarlamentaria e destacou o "compromiso leal" que o BNG ten con Galicia desde as institucións europeas, logo de destacar o traballo en defensa de sectores como o naval, a pesca ou o agrogandeiro. “Dos 54 grupos que hai, fomos o quinto máis activo... E iso estando só ano e medio no Parlamento", dixo para reivindicar o traballo do Bloque na Eurocámara.

Miranda lamenta que as eleccións europeas "non esperten entusiasmo" pero comprende o "euroescepticismo"

Non obstante, Ana Miranda lamentou que as vindeiras eleccións do 25 de maio "non esperten entusiasmo na cidadanía" e o feito de que poidan estar "marcadas pola abstención". Para ela, esta posibilidade é "un problema", máis aínda no caso de Galicia, porque quen sairían beneficiados desa baixa participación serían "os intereses dos grandes lobbys financeiros", mentres se prexudicaría o sector produtivo. Aínda así, ve "comprensible" o clima de "enorme euroescepticismo" porque, di, o modelo da UE "é o problema en lugar da solución".

Ademais, defendeu os procesos independentistas que se están a desenvolver en Cataluña e Escocia como "exemplos vivos de democracia". Do mesmo xeito, defendeu o "dereito a decidir" nunha Unión Europea que, segundo a candidata nacionalista, "non recoñece a diversidade interna dos pobos".

"O que ocorre en Escocia ou Cataluña é un exercicio pleno de democracia e unha das cuestións máis vangardistas nos procesos de liberación nacional do último século", asegurou Miranda, tras reparar no feito de que o proceso catalán "conseguise aglutinar  moitos cidadáns que queren votar". "Que hai máis democrático que iso?", preguntouse.

Finalmente, preguntada sobre a candidatura de Lida Senra, cabeza de lista de Anova, Ana Miranda limitouse a asegurar que respecta "profundamente" os candidatos de todas as forzas políticas e que, no caso de Senra, coincidiron anteriormente nos seus respectivos labores como cargos públicos.

Ana Miranda, no Nueva Economía Forum © Nueva Economía Forum

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.