"Cañete é o señor que puido usar a PAC para manter postos de traballo e non o fixo"

Encontro de Senra coa prensa, flanqueada por Beiras e Díaz CC-BY-NC-SA AGE

Labrega fronte a ministro de Agricultura. Non foron poucas as ocasións nas que, como máxima responsable do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra lle puxo voz ás reivindicacións do agro galego fronte ás políticas do Goberno central para o sector. A actual conxuntura política sitúaa de novo nunha tesitura semellante, aínda que desta volta como candidata de AGE ás eleccións europeas, as mesmas para as que o PP designou como cabeza de cartel a Miguel Arias Cañete, unha elección que para Senra "pon de manifesto a política que quere facer o PP" dende a UE.

No marco da súa primeira comparecencia pública como candidata Senra deixou entrever que a decisión de Rajoy non é, en absoluto, unha mala nova para Alternativa. Nun contexto no que os populares terán a Francisco Millán Mon como referente en Galicia a candidata de AGE destaca que Cañete é, por exemplo, "o señor que puido utilizar a Política Agraria Común", negociada recentemente, "para manter postos de traballo" no rural, pero "non o fixo". Del, sinala, dependía "por exemplo, primar as fincas de ata 30 hectáreas" nas axudas comunitarias e "renunciou totalmente a facelo".

Cañete, di, Senra, puido "primar as fincas de ata 30 hectáreas e renunciou a facelo"

Senra sitúa tamén o aínda ministro como responsable de que "2.600 grandes empresas agrícolas" estean a cobrar da Unión "o mesmo que 500.000 labregos e labregas no Estado español". "Iso -di- dános un pouco por onde vai ir o seu papel e o seu traballo na UE". Neste contexto, di, ela tentará centrar a campaña "no que nos xogamos en Europa, en todas as políticas que teñen qeu ver cos nosos sectores de produción" ou "cos nosos dereitos, como o dereito á alimentación". "Outro reto -afirma- é situar a nosa nación na alianza dos pobos agredidos".

Beiras defende a "congruencia" da coalición

Beiras cre que a "alternativa" a Cañete no PP sería "un chimpancé"

A vinte e catro horas da presentación oficial como candidata, cun acto público en Vigo, Senra estivo flanqueada ante a prensa por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz. Coas siglas de AGE de fondo Beiras, que ironiza con que a "alternativa" a Cañete sería "un chimpancé", defende a "congruencia" da coalición. "Tanto Anova como AGE no seu conxunto, creada para traspasar fronteiras dentro da esquerda rupturista, levamos predicado que o motor está na sociedade". De aí, asegura, veu a elección de Senra, a quen define como "a María Castaña do século XXI", a quen lle corresponderá contribuír a crear "un primeiro furado no castelo kafkiano da troika, para introducir pobo galego no proceso de remuda da UE".

Díaz, pola súa banda, sitúa a candidata como referente "na loita pola emancipación da muller e pola emancipación do pobo galego e a loita contra os poderosos". "AGE ten unha grandísima sorte por poder contar con Lidia" nun proceso electoral que, ao seu xuízo, é a "oportunidade de acabar co bipartidismo rampante". "Deámoslle un golpe á troika" e, de paso, apela, "un golpe directo a Feijóo derrotando ao PP".

Encontro de Senra coa prensa, flanqueada por Beiras e Díaz CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.