Pachi Vázquez acentúa o seu perfil de alternativa de goberno no seu regreso a Ourense

Pachi Vázquez, este xoves en Ourense CC-BY M. Carballada

O secretario xeral socialista regresou a Ourense trala vitoria no congreso de Compostela. Dende a sede socialista de Ribeira de Canedo, controlada por afíns a Vázquez, todo se preparou con esmero para que o retorno fose un éxito. Convidouse aos representantes públicos da provincia e cargos ourensáns da formación. De feito, un dos principais críticos de Vázquez, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, asistiu e situouse a carón do secretario xeral e todo transcorreu nun ambiente de cordialidade a pesar dos enfrontamentos protagonizados nos últimos meses.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, asume en primeira persoa a ofensiva programática e ideolóxica do seu partido trala celebración do último congreso. O líder socialista quere pechar definitivamente as feridas do último conclave da formación e presentarse perante a opinión pública como unha alternativa de goberno ao PP.

A nova consigna dos socialistas é que o PSdeG-PSOE é un partido de goberno e que xa pasou o tempo de ocupar espazo nos medios de comunicación por liortas internas

A nova consigna dos socialistas é que o PSdeG-PSOE é un partido de goberno e que xa pasou o tempo de ocupar espazo nos medios de comunicación por liortas internas. Nas sedes do PSOE galego repítese con convencemento “sabemos gobernar”, coa intención de que a cidadanía reciba a mensaxe. De aí que os congresos provinciais estean a ter un perfil máis baixo e os anuncios como o de Caamaño da posibilidade de presentarse ás primarias non sexan vistos como unha ameaza ao liderado de Vázquez.

O propio Vázquez non respondeu a unha soa pregunta sobre a organización e aproveitou para criticar a “incapacidade” dos alcaldes do PP ou “satélites” dos populares como en Os Blancos e Xinzo aos que se dirixiu para dicir “se o alcalde séntese incapaz, o ten que facer e dimitir e deixar presentar a outros”.

Os socialistas están preparando o terreo para esixir responsabilidades ao presidente da Xunta “polo desleixo co que trata ao interior galego”

Porén, e segundo puido saber Praza, os socialistas están preparando o terreo para esixir responsabilidades ao presidente da Xunta “polo desleixo co que trata ao interior galego”. Fontes da dirección socialista non entenden como “non cesa nas súas funcións o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acusado por un delito de malversación de caudais públicos e falsidade documental”. Contrapoñen este exemplo á renuncia do alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e de momento só atopan a explicación de que “Conde Roa é máis incómodo que un delegado acusado de malversar fondos de todos e subvencións europeas”.

Pachi Vázquez, este xoves en Ourense CC-BY M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.