O deputado galego que honra os exiliados republicanos na Arxentina

Jorge Rivas, na presentación do seu proxecto © prensajorgerivas.blogspot.com

Un deputado galego en defensa da memoria republicana e dos exiliados polo fascismo. O parlamentario Jorge Rivas, fillo de emigrantes fisterráns e socialista aliado ao gobernante Frente para la Victoria, presentou este luns un proxecto de lei polo que pretende fixar o 14 de abril como Día Nacional do Exiliado Español en Arxentina. E fíxoo xustamente un 14 de abril, no 83º aniversario da proclamación da II República, nunha emotiva presentación na que aclarou que impulsa a iniciativa "en homenaxe a todos aqueles que se viron obrigados a abandonar a súa patria logo do derrocamento da República e durante a ditadura de Franco e que chegaron aquí en busca dun porvir en liberdade".

Jorge Rivas, deputado fillo de galegos, impulsa un proxecto para fixar o 14 de abril como Día Nacional do Exiliado Español

Tivo que ser a milleiros de quilómetros onde se impulsara un proxecto de lei para homenaxear os republicanos represaliados, medida tan pouco común no Estado español ou en Galicia. Constante apoio tamén da querela arxentina contra os crimes do franquismo, o galego Jorge Rivas estivo acompañado por máis descendentes de galegos e representantes da Agrupación Federico García Lorca. Xunto a eles explicou que a elección do 14 de abril para a presentación deste proxecto pretende lembrar a data "na que se proclamou o nacemento da Segunda República, brutalmente abatida pola dereita reaccionaria" e convidar á reflexión "sobre as terríbeis consecuencias que provoca a ruptura dos procesos democráticos por parte das forzas que se opoñen ao progreso social".

"A República non se frustrou polas súas dificultades e contradicións, senón pola crúa violencia dos poderosos", lembra Rivas

Durante a súa comparecencia nunha sala da Cámara de Deputados, Jorge Rivas recordou que a República mudou en España "a vella e reaccionaria monarquía despois dun gran triunfo electoral dos sectores máis avanzados do país" e alcanzou así unha esperanza "que, no entanto, estaba destinada a frustrarse poucos anos despois". "E non polas dificultades e contradicións propias dese proceso popular transformador que se propoñía reparar inxustizas e atrasos moi arraigados, senón pola crúa violencia dos poderosos", di o deputado socialista, que advertiu na Cámara dunha guerra na que "ao carón de Franco interveu o réxime nazi de Hitler e o fascista de Mussolini".

"Desde 1939, foron milleiros e milleiros de españois os que partiron ao exilio, por razóns de conciencia, ou para salvar as súas vidas, ou porque non podían traballar nin vivir con dignidade nesa desgraciada España. Francia primeiro, e logo México e a Arxentina foron os países que máis exiliados acolleron", lembrou Rivas, que destaca que xa en novembro de 1939 chegaron uns 150.

"Durante todos eses anos de ditadura, caracterizados por unha violenta represión, o franquismo cometeu innumerables crimes de lesa  humanidade que aínda non foron investigados nin sancionados", dixo tamén en clara alusión ao desleixo das autoridades españoles, tanto á hora de investigar como á hora de colaborar coa xustiza arxentina que segue adiante coa querela contra o fascismo en España. Ademais, Jorge Rivas quixo homenaxear tamén exiliados que "fixeron grandes achegas á cultura arxentina" como Rafael Alberti, Manuel de Falla ou Alejandro Casona, ademais dos galegos que fundaron editoriais como Emecé ou Botella al Mar ou aqueles que editaron a revisa De mar a mar.

O parlamentario socialista quixo homenaxear a achega cultural dos galegos que se instalaron na Arxentina

"Non fai falta subliñar que, máis alá das celebridades mencionadas, o continxente de persoas que chegou á nosa terra logo de 1939 integrouse plenamente na sociedade arxentina, que os recibiu con solidariedade e espírito fraternal", dixo Rivas. "É en homenaxe a todos aqueles inmigrantes españois que se viron obrigados a abandonar a súa terra en busca dun mellor porvir, e co obxecto de non esquecer as desgrazas que ocasiona a un pobo unha guerra entre irmáns, así como para convidar á reflexión sobre as consecuencias que leva a rutpura dos procesos democráticas e a perda dos valores constitucionais, que propoñemos instituír como Día Nacional do Exiliado Español á data da proclamación do último goberno democrático antes do estoupido da Guerra Civil", rematou o deputado, que é "optimista" de cara a que se logre a instauración desta data homenaxe ao ser acompañado na presentación do proxecto por "varios deputados de varias formacións políticas".

Jorge Rivas, avogado socialista, foi reelixido como candidato do Frente para la Victoria, partido que apoia a presidenta Cristina Kirchner. Fillo de emigrantes de Fisterra, a súa figura é moi recoñecida e admirada entre a clase política arxentina. En 2007, sendo vicexefe do Gabinete de Ministros, sufriu un ataque na súa vivenda que lle provocaron lesións que o deixaron tetrapléxico. Malia as súas dificultades -é incapaz de moverse e fala a través dun sofisticado sistema desde a súa cadeira de rodas-  reincorporouse ao seu escano menos de dous anos despois do percance. Desde alí segue a defender causas xustas e continúa a ser admirado por simpatizantes e compañeiros.

Jorge Rivas, na presentación do seu proxecto © prensajorgerivas.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.