O BNG reivindícase como única vía para que Galicia "estea" no Parlamento Europeo

Ana Miranda intervén ante Vence e Carril CC-BY-SA BNG

"Se o Bloque está, Galiza está". Como nos últimos procesos electorais, o BNG elixiu o formato da convención nacional para tensar o músculo da súa tropa no medio dun relaxadísimo ou case inexistente panorama preelectoral cara aos comicios europeos do 25 de maio. A formación frontista encheu con folgura o milleiro de localidades do compostelán Auditorio de Galicia para, en horario de sesión vermú dominical, presentar nunha mestura de festa e mitin as súas credenciais para recuncar cun escano en Bruxelas e Estrasburgo. "Fomos a voz de Galiza en Europa" e "a maioría dos galegos e galegas sabe do noso traballo", di a candidata, Ana Miranda. "Só resta traducir ese recoñecemento nun gran apoio electoral", proclama

Con medio ollo posto nos demais actos preelectorais da xornada e poñendo a ferver as redes sociais -o encontro chegou a ser trending topic en Twitter, destacaron- militancia e dirixentes dispuxéronse a autoinfundirse folgos para a contenda. A empresa é calquera cousa menos doada: "zouparlle á troika e levantar o ánimo deste país", resume o portavoz nacional, Xavier Vence, quen saíu ao escenario ao son da nova sintonía da formación frontista, a cal se revelou máis efectiva nun acto de gran formato do que algúns dos presentes agardaban. 

O líder do Bloque marca o reto de "zouparlle á troika e levantárlle o ánimo ao país"

Darlle unha malleira de votos "á troika" e "poñer unha alternativa para romper de verdade coa hiperglobalizacón neoliberal", en palabras de Vence, son as intencións que leva un BNG que, di Miranda, "non representa o pobo, é pobo", concretamente, unha "Galiza rebelde e rabuda". "Os partidos estatais, incluídos os que se din da esquerda rupturista, hoxe defenden Galiza, mañá Murcia e pasado, Andalucía". "Nós, só a Galiza", dende a esquerda, "sen ligazóns paternalistas" e sen necesidade de expedir "carnés de galeguismo", proclama Mirada. Abonda coa "coherencia de país". E nesa "defensa de Galiza comémoslles as papas ao PP e ao PSOE".

Miranda: "Os partidos estatais hoxe defenden Galiza, mañá Murcia e pasado, Andalucía"

Os Tres trebóns de Xurxo Souto foron a banda sonora ao vivo dun acto no que Miranda contrapuxo o seu traballo na UE e antes o de Camilo Nogueira, presente no escenario como membro da candidatura, co dos que teñen que "chamar a Rajoy, a Rubalcaba ou a Cayo Lara para saber se toca defender  pobo galego". A pesca, as preferentes, o agro ou as situacións foron nestes anos as preocupacións do BNG en Europa, as mesmas nas que as demais forzas, asegura, ían "a remolque". Porque "o BNG defende os galegos e galegas, vótennos ou non nos voten", resume.

Unhas eleccións "vitais"

Entre lembranzas ás mobilizacións do nacionalismo político e sindical contra os efectos da entrada do Estado Español na antiga Comunidade Económica Europea o BNG pon o acento en que procura apoios para estar na UE e, unha vez alí, tentar mudala "sen intermediarios". "Nós queremos outra Europa -sinala Vence- e iso empeza pola soberanía", por iso "a nosa coalición se chama Os pobos deciden". Para o líder do Bloque as eleccións europeas son vitais "paro proxecto nacional" pero tamén, admite, para o propio BNG. Por iso apela a "mobilizar a todo mundo". O 25-M, agrega Miranda, debe ser "a primeira vitoria do BNG" logrando "que as urnas se enchan coa papeleta do Bloque, que pon BNG".

Vence subliña que o Bloque non "perde o norte falando de alianzas dos pobos do sur"

O escritor Suso de Toro, a militante feminista Victoria Louro, o afectado polas preferentes Xesús Domínguez, a xornalista Olalla Rodil ou a estudante Alba Castanedo foron algunhas das persoas encargadas de representar a composición da candidatura do "equipo da casa", o que, non "perde o norte" a falar de "alianzas dos pobos do sur", di Vence. Mentres o candidato do PP advirte de que apoiar forzas minoritarias é "desperdiciar" votos a candidata do Bloque identifica outro "desperdicio": "votarlle a forzas estatais que marxinan e ignoran sistematicamente o noso país". Ao remate do encontro a dirección nacionalista confesábase "cargada de enerxía positiva". "Imos gañar con ilusión e vontade", asegura Miranda.

Ana Miranda, nun momento do encontro do BNG CC-BY-SA BNG
Auditorio de Galicia ateigado no encontro do BNG CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.