O vento de Syriza sopra en Galicia

Imaxe do acto político de AGE, este domingo en Compostela Dominio Público Praza Pública

Nas últimas eleccións autonómicas, AGE fixo bandeira de ser a Syriza galega. E puxo en práctica a metáfora cun moi lembrado mitin na Coruña na que contou coa participación dun dos líderes desta coalición grega de esquerdas e que funcionou como catalizador de toda a campaña das autonómicas. Agora, de novo, busca repetir o efecto, e lanzar a Alternativa Galega de Esquerdas en Europa, con Lidia Senra como candidata, co acto que este domingo protagonizou Alexis Tsipras en Compostela, xunto con Lidia Senra, Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz, Willy Meyer (número un da candidatura da Esquerda Plural no Estado español) e José Soeiro (dirixente do Bloco de Esquerdas). Un acto no que por dúas veces se cantou o Grândola, vila morena.

Tsipras é, ademais, o candidato oficial da esquerda europea a presidir a Comisión, un referente que mesmo conseguiu impulsar un chisco a desnortada esquerda italiana e que serve como bandeira de enganche ás esquerdas de España e Portugal. Nesta guerra de guerrillas, de resistencias, na que virou a política dos países do sur de Europa dende os primeiros embates da troica, a oposición do pobo grego, unha sociedade espoliada e ao borde dun cambio de paradigma, deveu un símbolo de todas as loitas. A coalición de esquerdas liderada por Alexis Tsipras apareceu da nada e estivo a piques de obter a vitoria nas eleccións de 2012. Agora, para estas eleccións europeas que semellan un pulso directo coas imposicións da troica e unha antesala de novas eleccións internas en todos os países, Syriza está en disposición, segundo as enquisas, de ser a forza máis votada. Será ese o momento das batallas decisivas, de tomar decisións que poñan ao descuberto a xestión do poder no continente.

"Syriza vai ser primeira forza en Grecia. E a nosa vitoria vai ser un exemplo para toda Europa, vai traer un novo vento a toda Europa. En vez da Europa do medo, defendemos a Europa da solidariedade"

Tsipras falou en grego, traducido ao galego, ante un auditorio ateigado e entusiasta. E destacou, unha vez máis, o carácter que estas eleccións adquiriron de combate directo contra a troica e as súas políticas de austeridade e recorte aplicadas, sobre todo, no sur de Europa. "Syriza vai ser primeira forza en Grecia" -dixo- "e a nosa vitoria vai ser un exemplo para toda Europa, vai traer un novo vento a toda Europa. En vez da Europa do medo, defendemos a Europa da solidariedade. En vez da Europa dos bancos, a Europa dos pobos. Non cremos na Europa de Merkel e dos banco, imos mudala por outra Europa". Tsipras salientou a importancia dos comicios do 25 de maio: "xa non se trata de elixir entre unha ou outra forza política, nestas eleccións votamos pola nosa propia supervivencia. Europa está ante unha encrucillada histórica: ou continua polo camiño da pobreza e da austeridade, ou muda para o camiño do progreso e da democracia". "O dilema nestas eleccións é austeridade ou democracia", concluíu.

"Grecia é unha cobaia. Non foi un castigo, foi un exemplo para que os demais pobos permanezan de xeonllos"

Afirmou que as "bárbaras" políticas aplicadas "teñen un propósito: redución da democracia". E sinalou que "Grecia é unha cobaia. Non foi un castigo, foi un exemplo para que os demais pobos permanezan de xeonllos", advertindo ao tempo de que "esta débeda non a crearon os pobos e polo tanto os pobos non a van pagar". Para Tsipras, o obxectivo principal é "reconstruír Europa" e "reconquistar o dereito ao traballo", en referencia ás "inaceptables" taxas de desemprego no sur de Europa. Tamén se referiu aos intentos do PP de eliminar o dereito ao aborto, sinalando que "España con Rajoy está a volver atrás 35 anos atrás con este ataque reaccionario aos dereitos da muller".

O líder grego concluíu que "o neoliberalismo non é invencible" e que "a esquerda pode ser a gran sorpresa nestas eleccións", destacando que "vai ser o maio sa esquerda, o maio da esperanza". Por ese motivo pediu o apoio para a súa candidatura, "unha candidatura que une Europa, une todos estes pobos que sofren a austeridade e esas política barbaras do neoliberalismo, unha candidatura para dicir basta, para dicir nunca máis". "Este encontro demostra o grande ascenso que vai ter a esquerda en Galicia. Nestas eleccions vostedes van demostrar que son a Syriza de Galicia", despediuse.

Lidia Senra dedicou boa parte da súa intervención a exhortar a que "a defensa dos bens comuns" estea no primeiro plano das loitas e dos debates políticos

Pola súa banda, Lidia Senra chamou a aplicar un "espirito de fraternidade e dignidade para tecer alianza de iguais entre as esquerdas de Europa". "Levamos en Europa bastante tempo", afirmou respondendo ás palabras de Núñez Feijoo nas que acusou a AGE de ser antieuropeísta. "Pero non cremos nesta UE. Por iso queremos construír outra". "O avance da esquerda rupturista será un gran atranco para a troica" -engadiu- "Vai sendo hora de que o medo cambie de bando".

Senra dedicou boa parte da súa intervención a exhortar a que "a defensa dos bens comúns" estea no primeiro plano das loitas e dos debates políticos. Falou da privatización da auga, xa en marcha en Galicia, e das sementes. Falou da espoliación da propiedade da terra en beneficio dos grandes propietarios, da megaminaría que ameaza Galicia, ou da continuidade "irresponsable" dun sistema económico baseado no petróleo, a poucas décadas de esgotarse. Falou tamén da pobreza, que "non é casualidade, é consecuencia das actuais políticas". "En Galicia hai nais e pais que non teñen recursos para alimentar os seus fillos e fillas", engadiu. Falou da falta de traballo no país, e dos cen mil mozos e mozas galegas que se viron obrigadas a emigrar nos últimos anos, e chamou a empregar o Parlamento europeo como "caixa de resonancia das reivindicacións do noso pobo".

 

"Vai ser un maio de morte para a troica e un maio de voda para todos nós"

"O pobo galego está sendo a vangarda desa loita emancipadora contra ese Cuarto Reich sen Wehrmacht, contra esa Europa antieuropeísta, dese exercicio de dignidade sen o cal non somos nós mesmos"

"Maio longo, maio longo, todo cuberto de rosas, para algúns telas de morte, para outros telas de vodas". Xosé Manuel Beiras comezou a súa intervención citando a Rosalía, e recollendo as palabras de Tsipras sobre o maio da esperanza: "Vai ser un maio de morte para a troica e un maio de voda para todos nós". Beiras destacou que "Galicia está a ingresar nesta internacional dos pobos europeos agredidos, a internacional da periferia europea, dende as fisterras atlánticas até o Peloponeso, do Samos galego á illa grega de Samos. O pobo galego está sendo a vangarda desa loita emancipadora contra ese Cuarto Reich sen Wehrmacht, contra esa Europa antieuropeísta, dese exercicio de dignidade sen o cal non somos nós mesmos". "A liberdade só se conquista, nunca se regalou" -sinalou- "Podemos perder batallas pero non a guerra, porque está en xogo a supervivencia".  

O líder de AGE avogou por practicar un "nacionalismo internacionalista" e centrado na loita das maiorías sociais: "todos os procesos de autodeterminación do pobo galego, dende os irmandiños, o Rexurdimento, os Mártires de Carral, os maquis, a loita obreira contra o franquismo ou a loita labrega, sempre foron un proceso de loita social. A maioría social da que se fala agora sempre foi a estratexia das nosas loitas". 

"O Parlamento europeo ten que ser o lugar no que retroalimentemos o proceso de emancipación do pobo galego e de todos os pobos de Europa, o lugar dende o cal practiquemos a veracidade e o irrespeto"

Beiras sinalou a necesidade de levar a cabo "crebas democráticas" en Galicia, o Estado español e en Europa, "para sermos cidadans e que non nos confinen en súbditos e despois en escravos". "Que máis congruente que elixir a Lidia Senra?" -preguntouse- "a lider que nunca deixou de practicar a humildade, a muller que nunca quixo ser outra cousa que muller libre, igual e labrega que aínda exerce". Beiras concluíu afirmando que "pode que o Parlamento europeo non serva para moito", pero dicindo que "ten que ser o lugar no que "retroalimentemos o proceso de emancipación do pobo galego e de todos os pobos de Europa, o lugar dende o cal practiquemos a veracidade e o irrespeto".

 

"Queremos ser esa dinamita que estoupe o bipartidismo inane"

Díaz cualificou a Núñez Feijoo de "satélite da troica en Galicia" e preguntouse "que diferenza hai entre PP e PSOE?"

Na súa intervención, Yolanda Diaz foi moi crítica con "esta Europa insoportable para as clases traballadoras e os pobos de Europa" e fixo un chamamento aos pobos do sur para "dende a nosa diversidade construír unha alternativa. Ser pobo" e "reunir forzas en defensa das nosas vidas", en referencia ao apelo de Tsipras sobre a importancia destas eleccións para a propia supervivencia de moitos e moitas. A vicevoceira de AGE subliñou que "na loita social non hai milagres. Hai traballo e pedagoxía", e lembrou outra cita do líder de Syriza na que afirmaba que a esquerda "só perderá se non hai unidade"

Díaz cualificou a Núñez Feijoo de "satélite da troica en Galicia" e preguntouse "que diferenza hai entre PP e PSOE?", aludindo ao seu voto conxunto na meirande parte das leis, dos tratados europeos, na reforma laboral ou na reforma constitucional. "A actual crise do capitalismo necesita dunha dinamiteira" -concluíu- "AGE queremos ser esa dinamita que estoupe o bipartidismo inane".

 

"A socialdemocracia é un problema, porque nos deixaron sós"

Meyer pediu que as eleccións europeas sexan a culminación do ciclo de maobilizacións en marcha dende o comezo da crise, para avanzar "cara a un proceso constituínte"

Willy Meyer, número un da candidatura da Esquerda Plural, definiu esta unión de forzas como "a candidatura confrontada co BCE e a troica" e pediu que as eleccións europeas sexan a culminación do ciclo de mobilizacións en marcha dende o comezo da crise, para avanzar "cara a un proceso constituínte". Avogou por "outra Europa", cun BCE e unha moeda controlada polos poderes democráticos, por unha auditoría da débeda a partir da cal se decida "non pagar a débeda produto da especulación". E tamén por outra política exterior: "dáme vergoña o que está a suceder en Ucraína, e que a UE estea a apoiar un golpe de Estado".

Meyer denunciou que "os gobernos e os parlamentos xa non teñen capacidade de decisión" e afirmou que "levamos combatendo en Europa dende 1848. Levamos 166 anos loitando por poñer a economía ao servizo da política". "Observamos con verdadeiro pesar como a socialdemocracia arriou todas as bandeiras da política social e da esquerda. A socialdemocracia é un problema, porque nos deixaron sós", dixo, ao tempo que sinalou que "a troica presenta dous candidatos en España: Elena Valenciano e Arias Cañete". 

"E a nosa hora de axustar contas. O 25 de maio non podemos desaproveitar esta oportunidade, na que o voto do pobre vale o mesmo que o voto do rico"

Finalmente, o portugués José Soeiro, despois de facer unha referencia ao 40 aniversario do 25 de abril, denunciou que "a austeridade non resolveu problema ningún, empobreceu a democracia e foi unha política de roubo organizado". "E a nosa hora de axustar contas. O 25 de maio non podemos desaproveitar esta oportunidade, na que o voto do pobre vale o mesmo que o voto do rico", dixo. "O 25 de maio "hai unha esquerda que se vai levantar, unha esquerda que se vai poñer en pé. No 25 de maio o pobo é quen máis ordena", concluíu.

Imaxe do acto político de AGE, este domingo en Compostela Dominio Público Praza Pública
Ao remate do acto cantouse o 'Grândola, Vila Morena' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.