O test para saber a quen votar nas europeas

Campaña institucional das eleccións europeas © Parlamento Europeo

En tres semanas as urnas estarán abertas e a cidadanía, chamada a elixir a composición do Parlamento Europeo para os vindeiros cinco anos. Segundo as enquisas feitas públicas ata o momento tanto en Galicia como no resto do Estado o clima preelectoral é practicamente nulo; as eleccións europeas seguen, en xeral, sen interesar o groso da cidadanía e a abstención pode ser a gran gañadora dos comicios. A esta gran bolsa de abstención súmase outro factor: a indecisión. Para un e outro colectivo pode ser de axuda EUvox, unha aplicación informática deseñada por expertos de todo o continente para "axudar a cidadanía a elixir o partido político que mellor se axuste ás súas preferencias" mediante un test.

Desenvolvido sobre a base da experiencia de Kieskompas e PreferenceMatcher, dúas organizacións con experiencia no deseño deste tipo de ferramentas, e patrocinado pola propia Eurocámara, o equipo de EUvox recompilaron as principais bases programáticas das formacións políticas da Unión e combináronas con cuestións relativas "ás institucións europeas, á crise económica e ao proceos de europeización". A estas engadiron preguntas sobre temas específicos de cada territorio para "asegurar que os votantes poden atopar moitos temas que son relevantes para a súa vida cotiá".

O cuestionario, dispoñible en galego, formula cuestións sobre a UE e outras relativas á política de cada territorio

Para elaborar o cuestionario, dispoñible en galego, EUvox posicionou a cada unha das candidaturas que se presentan o 25-M a respecto de cada tema. A través das respostas, a aplicación sitúa a quen realiza o test nun eixo de maior ou menor proximidade a respecto das diferentes organizacións políticas. Non se trata, especifican, de "dar un consello de votación" concreto, senón de amosar "que partidos están preto dos seus puntos de vista e cales representan representan menos o seu perfil político". "Os usuarios -abondan- poden analizar a súa posición de diferentes formas, de xeito que poidan decidir por si mesmos o que consideren máis axeitado".

O obxectivo é amosar que partido está máis próximo de cada persoa e obter unha base de datos que será de uso libre

Ademais de "axudar a millóns de persoas para elixir o partido que está máis próximo das súas preferencias" o equipo de investigadores que impulsan EUvox tentan tamén obter un gran caudal de información "sobre a opinión pública, o comportamento electoral, a dinámica da campaña ou a participación política". "Por primeira vez na historia será posible facelo de xeito sistemático a nivel europeo", destacan. Estes datos, xunto ás principais posicións dos partidos, servirán para "xerar varias bases de datos moi útiles" para "analizar o comportamento político da cidadanía" e estarán dispoñibles para quen os queira reutilizar tras a súa presentación, no mes de setembro en Glasgow.

Captura da aplicación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.