O PP, á baixa pero próximo á vitoria nun mar de abstención europea

Electorado agardando para votar nun colexio electoral de Lugo CC-BY-SA Merixo

Unha vitoria no entorno do 30% dos votos, do 40% no caso galego, no medio dunha enorme marea de abstención. Ás portas da campaña para as eleccións europeas do vindeiro día 25 este é o panorama que debuxan as enquisas publicadas nas últimas semanas para todo o Estado e a única que, cando menos polo momento, analizou o escenario electoral en Galicia. Ante os comicios que menos paixóns adoitan espertar na cidadanía se os inquéritos se ratifican o 25-M nas urnas os populares poderían volver presumir dun triunfo malia perder votos e escanos, o mesmo que lle acontecería ao PSOE.

As primeiras enquisas, elaboradas por Metroscopia e difundidas en xaneiro polo diario El País, suxerían a posibilidade de que o PSOE podería ser a primeira forza política nestes comicios, con arredor do 28% dos votos fronte a algo máis do 26% dun PP que aínda non tiña candidato. Un mes máis tarde, en febreiro, o inquérito de Gad 3 para ABC situaba o PP en cabeza cun 31,3% e dáballe ao PSOE un 29,2%. O diario monárquico deixaba a IU nun 11,1% fronte ao 14,5 que lle outorgaba Metroscopia e consideraba que a coalición na que se integra CxG xunto a CiU e PNV lograría un 5% dos votos. ABC foi o primeiro en repartir escanos con 20 para o PP (4 menos que hai cinco anos) e 18 para o PSOE (5 menos). A coalición da Esquerda Plural tería 7.

Xa no mes de marzo difundiuse unha nova edición da enquisa de Metroscopia para El País, que mantiña e mesmo ampliaba a vantaxe do PSOE, cun 29% dos votos fronte a un 25,7% do PP. Neste caso a Esquerda Plural baixaba un chisco, ata o 14,1%. O groso dos estudos difundidos ata o momento chegou en abril e chegaron dende dous xornais do ámbito conservador: El Mundo (Sigma Dos) e ABC. En ambos casos o escenario que formulan é dunha vitoria do PP no entorno do 33% dos votos, co PSOE en segundo lugar entre o 28% e o 32% dos votos. A de El Mundo foi a primeira enquisa que consideraba a coalición na que participa o BNG, co 2,3% dos votos do Estado.

A pasada fin de semana e este luns chegaba unha nova vaga de enquisas e a primeira para Galicia. No ámbito do Estado El Mundo prognosticou de novo unha vitoria do PP co 34% dos votos e entre 21 e 22 escanos. O PSOE, segundo este estudo, lograría entre 18 e 19 escanos e a coalicición na que se integra Anova, 5 escanos. Nunha nova entrega de Metroscopia para El País o PSOE volve estar en cabeza, co 32% dos votos e o PP de segundo, co 31%. Mentres, unha enquisa de Demoscopia debuxa un escenario co PP en cabeza pero só 19 escanos, por 18 do PSOE, 7 da Esquerda Plural, 2 da coalición de CxG e 1 da do BNG.

No caso da enquisa cinguida ao ámbito galego, elaborada para La Voz de Galicia pola súa empresa demoscópica, Sondaxe, o prognóstico é dunha vitoria do PP en Galicia por máis do 40% dos votos, co PSdeG como segunda forza (29,7%) e AGEe como terceira (9,7%). O BNG quedaría co 6,4% dos votos e UPyD o 0,7%, di o estudo, que sitúa baixo a etiqueta de "outros" un 6% dos votos. Á marxe da distribución entre as candidaturas o dato máis rechamante dos ofrecidos por Sondaxe é o da abstención, que se achegaría ao 60%, e o da indecisión, con máis dun terzo do censo descoñecendo se vai votar ou non.

Millán Mon, referente do PPdeG no 25-M © PPdeG
Conferencia do candidato do PSdeG, José Blanco CC-BY-NC-SA PSdeG
Acto preelectoral do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Lidia Senra, con Beiras CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.