A obriga de solicitar o voto provoca unha abstención histórica da emigración o 25M

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Os emigrantes galegos votarán menos ca nunca nas vindeiras eleccións europeas. A instauración do voto rogado -a obrigatoriedade de solicitalo antes para poder exercelo- fará descender a mínimos históricos a participación nos comicios do próximo 25 de maio. Tanto, que menos de tres de cada cen residentes galegos no exterior elixirán os seus representantes na Eurocámara. Será unha abstención de máis do 97% na diáspora, unha cifra máis elevada aínda que as das últimas eleccións autonómicas e onde xa se evidenciara que a masiva participación co anterior sistema descende a mínimos en canto se implementan medidas de control.

Dos 421.833 galegos que están inscritos no censo electoral de residentes ausentes (CERA), unicamente 12.763 solicitaron o voto

E as cifras poden ser peores. Dos 421.833 galegos que están inscritos no censo electoral de residentes ausentes (CERA), unicamente 12.763 solicitaron o voto, segundo os datos do INE actualizados a 5 de maio. Tan só no caso de que todos eles optasen finalmente por exercer o seu dereito, ben por correo ou ben acudindo aos consulados onde poden facelo, a participación sería do 3,02%. No entanto, e tendo en conta que nas últimas eleccións autonómicas menos da metade dos residentes no exterior que solicitaron o voto acabaron exercéndoo, a participación vai camiño de ser ínfima.

Por provincias, tan só o 2,9% dos residentes no exterior da Coruña solicitaron exercer o seu voto, fronte ao 3% dos de Lugo, o 2,6% dos de Ourense ou o 3,5% dos de Pontevedra.

Tampouco son moito mellores as expectativas a nivel estatal, xa que do máis de 1,72 millóns de emigrantes inscritos no censo exterior, tan só 70.972 cubriron a solicitude para exercer o seu voto nas eleccións europeas, o 4,11% do total. Sería, e tamén no caso de que todos acabasen exercendo o seu dereito, un descenso de máis de 100.000 persoas con respecto á participación dos comicios europeos de hai cinco anos.

Os datos para este 25M veñen confirmar a espectacular caída da participación dos emigrantes nos comicios tras a implantación do voto rogado

Os datos veñen a confirmar a espectacular caída da participación da diáspora nos diferentes comicios desde que en 2011 PP, PSOE e CiU pactaran o cambio de sistema para instaurar o voto rogado, xusto o mesmo que, menos de tres anos despois, tanto estes partidos como a práctica maioría do Congreso pretenden botar abaixo para volver ao do pasado. A necesidade de dar maiores garantías e de dificultar a fraude que tantas veces se deu nos comicios galegos, argumentos empregados daquela para modificar o método de voto na emigración, desapareceron logo ante a evidencia de que un maior control acaba por facer baixar masivamente a participación.

Nas últimas eleccións autonómicas, a abstención no exterior superou o 96%; nestas europeas superará o 97%

No caso galego, a instauración do control legal á votación no exterior fixo caer a mínimos históricos a participacion nas eleccións autónomicas de 2012. Dos 30.524 electores do CERA que solicitaran a documentación só 12.954 dun total de case 400.000 votantes rexistrados na diáspora completaron o trámite, o que supuxo unha abstención do 96,05%, sendo a metade dos sufraxios para o PP. Nos anteriores comicios autonómicos emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, sobre un 600% máis dos que o fixeran. A comparación das porcentaxes de participación tampouco deixaban lugar a dúbidas: o 3,2% de 2012 fronte ao 30,3% de 2009.

Ademais, e xa nos comicios xerais de 2011, as primeiras nas que controlaba o voto emigrante, foron pouco máis de 16.000 os residentes galegos no estranxeiro que elixiron os seus representantes, un 4,21%. Nas anteriores eleccións europeas, aínda co sistema antigo, a participación tampouco foi moi alta, pero en Galicia alcanzou máis do 16% e unha cifra que case multiplica por cinco os solicitantes de voto actuais. O 25 de maio, como moito, quedará no 3%, trece puntos menos que en 2009.

A masiva abstención entre os emigrantes tras o control legal fixo que PP e PSOE negocien xa a volta ao antigo sistema

Pero o sistema de voto rogado ten os días contados. O pasado 11 de marzo, PP e PSOE valéronse do Parlamento galego para dar marcha atrás na lei electoral. O Congreso aprobou daquela a toma en consideración da proposta que o Parlamento galego lle presentou para volver reformar o sistema de voto emigrante co fin de facilitar o voto en urna, pero que agora será "o punto de apoio" para tamén suprimir o voto rogado que se instaurara hai tan só dous anos. PP e PSOE -co apoio de todas as forzas políticas agás o BNG- decidiron botar abaixo a reforma legal que eles mesmos propuxeran e impulsaran valéndose dunha proposición de hai case seis anos e logo de que a lei electorral xa fora reformada. A masiva abstención fíxolles cambiar de opinión.

Naquela sesión, o BNG quedara só na defensa do sistema actual. A súa voceira, Olaia Fernández Davila, dixera estar "preocupada polas razóns que teñen os grupos que agora votan a favor" e recordoulles aos parlamentarios -en especial aos que descoñecen a realidade da diáspora e os comicios autonómicos- que a normativa actual "impide a fraude". "Esa que non percibiron nin viviron como o fixemos nós, esa que permitía que votasen persoas inscritas no CERA que xa estaban mortas ou que chegaran centos de sobres coa mesma letra e a mesma dirección ás urnas", advertira tras defender tamén o sufraxio en urna, pero non aquel sistema que permitía aos inscritos no CERA recibir na casa a documentación electoral sen comprobacións previas de identidade e sen nin sequera confirmar que o elector seguía vivo.

Agora, son varios os colectivos de emigrantes que piden tamén a eliminación do voto rogado, ao consideralo un sistema que dificulta moito que poidan exercer o seu dereito desde o estranxeiro. No entanto, reclaman que se establezan urnas non consulados e un maior control que está por ver se acaba por realizarse.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.