O BNG denuncia a asignación do mesmo espazo electoral nos medios públicos que á Falange

Cartaz electoral do BNG en 2009 © http://www.archivoelectoral.org/

O BNG non se presentou ás eleccións europeas de 2009. Iso é o que o afirma a Xunta Electoral, que vén de facer pública a distribución dos espazos electorais nos medios públicos galegos, TVG, RG e desconexións territoriais de RNE e TVE, e na que a formación nacionalista sae moi mal parada, con unicamente dez minutos sumados ao longo de toda a campaña electoral, o mesmo tempo que listas coma Partido Animalista, Partido dos Piratas, a Falange Española de las JONS, Democracia Nacional, Partido X ou Movimento Corriente Roja.

A diferenza de Galicia, o criterio seguido polas xuntas electorais de Euskadi ou Catalunya foi o de computarlles a estas formacións o número de votos obtidos en 2009 no seu territorio

Isto é así porque a Xunta Electoral parte do criterio de que o BNG non se presentou ás eleccións europeas en 2009 e que, polo tanto, nin obtivo votos, nin obtivo representación. Obviamente o Bloque si participou neses comicios, formando coalición con ERC, Aralar ou Eusko Alkartasuna e obtendo en Galicia 103.000 votos, un 9,08% dos sufraxios galegos. A diferenza de Galicia, o criterio seguido polas xuntas electorais de Euskadi ou Catalunya foi o de computarlles a estas formacións o número de votos obtidos en 2009 no seu territorio, calculando en función deses votos o tempo correspondente nos medios públicos. Cos 103 mil votos obtidos polo BNG en 2009, a formación debería contar con 30 minutos para os seus espazos electorais, o triple do asignado.

O BNG anunciou xa a presentación dun recurso ante a Xunta Electoral Central, ante o que considera unha “auténtica declaración de guerra” que vulnera os principios democráticos e a legalidade vixente e que representa un “caso insólito” dentro do Estado español. “Non imos quedar calados ante esta decisión inxusta, antidemocrática e ilegal da Xunta Electoral Provincial, cuxa actuación é parcial e amosa animadversión, que só se entende se hai unha vontade explícita e deliberada de excluírnos da contenda electoral", sinalou o portavoz nacional no BNG, Xavier Vence.

“A opción política de 103.000 galegos e galegas nas eleccións europeas non pode ser considerada igual que calquera partido que se lle poda ocorrer a calquera individuo ou grupo, ata agora inexistente ou sen presenza no país”, afirmou Vence

“A opción política de 103.000 galegos e galegas nas eleccións europeas non pode ser considerada igual que calquera partido que se lle poda ocorrer a calquera individuo ou grupo, ata agora inexistente ou sen presenza no país”, afirmou Vence. “É un atentado aos dereitos da cidadanía e a democracia, porque intentan silenciar a unha parte moi significativa dos electores e electoras deste país. Non somos o mesmo que o Partido dos Piratas, que o Partido X, que o Movemento Corriente Roja, ou que a Falange".

Cartaz electoral do BNG en 2009 © http://www.archivoelectoral.org/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.