BNG e AGE claman contra os "poderosos" e o "desleixo" de PP e PSOE con Galicia

Ana Miranda, ante o estaleiro Navantia © Delmi Álvarez

BNG e AGE comezan a campaña reivindicándose como a verdadeira voz de Galicia e das clases populares en Europa fronte ao "desleixo" do PP e do PSOE e fronte aos "poderosos" que "desde Bruxelas piden que baixen os salarios". Ana Miranda, candidata do Bloque ás eleccións do vindeiro 25 de maio, centrouse, na súa visita aos estaleiros de Navantia en Ferrol, en denunciar que o Goberno central tan só enviou unha "consulta informal" e non "unha notificación oficial" sobre o financiamento do reclamado dique flotante, tal e como recolle unha resposta da Comisión Europea que mostrou a nacionalista.

Ana Miranda exemplifica coa resposta de Almunia ao Goberno central sobre o dique flotante "o desleixo político" da Administración

Miranda mostrou unha misiva do pasado 28 de abril do comisario da Competencia, Joaquín Almunia, na que se indica que "a carta das autoridades españolas é unha consulta informa e non unha notificación oficial dun plan de concesión dunha axuda estatal". A candidata do BNG empregou este exemplo -que o Goberno de Rajoy e a Xunta de Feijóo tan só fixeran unha "consulta informal"- para demostrar que "forma parte do seu desleixo político", ademais de censurar tamén a falta de resposta por parte do socialista Almunia á información recibida. "O dique está varado ent erra por culpa de Madrid e de Bruxelas", dixo, tras reclamar a súa "construción inmediata".

Ademais, Miranda tamén acusou a Feijóo de "vender Galicia por un prato de lentellas" e de "aceptar as migallas mentres o bolo o comen outros". Así, aludiu ao barco anunciado para a Armada para construír en Navantia, que suporá "un millón de horas de traballo" fronte ás "cinco veces máis de horas que supón o gaseiro que a SEPI anunciou para os estaleiros de Cádiz este xoves. "O anuncio de Feijóo é electoralista e non soluciona a falta de traballo, que tería que se resolver co levantamento do vento á construción naval civil", engadiu.

"Feijóo vende Galicia por un prato de lentellas mentres outros comen o bolo", denuncia a candidata do Bloque tras o anuncio do barco para Navantia

"É indecente que se dea esmola e estas migallas en vez de apoiar o sector", insistiu Miranda, que ve "unha culpabilidade de hai moito tempo de PP e de PSOE" na dramática situación do sector naval en Galicia.

Por outra banda, a vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, reivindicou a Lidia Senra, candidata desta formación en Galicia, como a que "vai loitar contra os poderosos, eses senvergoñas que desde Bruxelas sin que nos teñen que baixar os salarios". Malia que di acoller con "absoluta prudencia" a enquisa do CIS que lle dá representación á ex dirixente do SLG na Eurocámara, a número dous de AGE cre que o inquérito reflicte "que máis que nunca as urnas están abertas", pero que tamén marca "tendencia" sobre o ascenso da "esquerda plural".

Yolanda Díaz (AGE) cre que a enquisa do CIS demostra a "tendencia á alza da esquerda unitaria europea"

"As sondaxes demostran que a esquerda unitaria europea ten unha tendencia á alza", engadiu Díaz nunha comparecencia xunto ao voceiro do grupo municipal de EU no Concello da Coruña, e amosou a súa "satisfacción" polas expectativas e que definiu a Lidia Senra como "unha muller loitadora, que representa o pobo galego e que ten claro que vai loitar contra os poderosos". 

Ana Miranda, ante o estaleiro Navantia © Delmi Álvarez

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.