O Goberno de Feijóo non sumou ningunha nova competencia para Galicia en tres anos

Comisión bilateral Galicia-Estado, aínda co Goberno de Zapatero © Xunta

"O Goberno vaille dar continuidade ás demandas competenciais que, co apoio unánime desta cámara, o Goberno bipartito presentou perante a Administración do Estado na pasada lexislatura". Alberto Núñez Feijóo expresaba deste xeito durante o seu discurso de investidura o roteiro que seguiría o seu Executivo no que a desenvolvemento do autogoberno se refire. Á marxe dunha posible reforma do Estatuto de Autonomía, que tamén prometeu, Feijóo comprometíase a seguir defendendo a axenda de traspasos que reclamara o Executivo de PSdeG e BNG ante o gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero. A permanente tensión entre a Xunta do PP e o Goberno central do PSOE mantivo nun bloqueo case total as transferencias de competencias ata o punto de que, tres anos despois e xa cun presidente conservador en La Moncloa, Galicia acumula o período máis improdutivo no eido competencial de toda a historia autonómica. Segundo os rexistros estatais, Galicia non sumou unha soa parcela de autogoberno dende o ano 2009.

Para atopar un período tan pouco frutífero neste ámbito cómpre remontarse aos primeiros anos da pasada década, no que o bloqueo dos traspasos non foi tan intenso como o actual e presentou a diferenza fundamental de que os gobernos galego e central estiveron dirixidos polo PP en todo momento. Con José María Aznar instalado no centralismo que lle permitía a súa maioría absoluta entre os anos 2000 e 2003 Galicia recibiu unha única competencia nun escenario no que ao xacobinismo do PP madrileño cómpre sumarlle o distanciamento entre Manuel Fraga e o daquela líder dos populares españois a causa da xestión da catástrofe do Prestige. Tan só no ano electoral de 2004, xa con Rajoy como candidato, o gabinete conservador cedeu tres competencias máis, un escasísimo balance que contrastou notablemente co primeiro mandato do PP. Condicionado por CiU e o PNV Aznar abriu a man do autogoberno e enviou a Galicia 30 traspasos en catro anos, os cales se sumaban aos 15 dos últimos anos de Felipe González.

Para atopar un período tan pouco frutífero cómpre remontarse á segunda lexislatura de Aznar en La Moncloa

Quince foron tamén as transferencias que chegaron a Galicia durante o mandato do bipartito, que defendía que esa cifra chegase ás 70. Polo tanto, atendendo ás palabras de Feijóo na súa investidura, no seu mandato tentaría lograr 55. Non obstante, a actual Xunta e o máximo responsable das relacións co Estado, Alfonso Rueda, estableceron unha axenda de prioridades composta pola concreción de tres traspasos  -museos, bibliotecas e arquivos estatais, bolsas de estudo e Inspección de Traballo- pactados en 2008 co Estado polo daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a suma de dez competencias máis. Ese paquete pendente está composto pola titularidade das autoestradas AP-9 e AP-53, obras hidráulicas, dominio público hidráulico, ordenación pesqueira, meteoroloxía, investigación oceanográfica, titulacións e tarxetas naútico-pesqueiras, inspección e vixilancia pesqueira, ordenación do dominio público marítimo-terrestre e persoal de Xustiza. Polo momento, con ningún dos gobernos estatais cos que conviviu a actual Xunta se produciu avance ningún.

A oportunidade perdida das competencias de tráfico

Ademais da seca no referido ás transferencias polo conduto ordinario, isto é, pola vía da negociación entre gobernos no seo da comisión bilateral Galicia-Estado, o episodio máis sonoro de transferencias frustradas na presente lexislatura autonómica produciuse o 7 de setembro de 2010 no Congreso dos Deputados. Nesa xornada a Cámara Baixa debatía a proposición de lei remitida tres anos antes polo Parlamento de Galicia que, por unanimidade, aprobou reclamar o traspaso das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria, o que ademais de trasladarlle a responsabilidade á Xunta traería consigo o despregamento do corpo policial propio, como marca a Lei de Policía de Galicia de 2007.

O PSOE rexeitou en Madrid o traspaso de Tráfico por non ser "conveniente" e o PP abstívose por non consideralo "oportuno"

Naquela sesión parlamentaria Pedro Puy, polo PP, Xoaquín Fernández Leiceaga, polo PSdeG, e Anxo Quintana, polo BNG, defenderon ante os deputados a conveniencia de que Galicia contase cunha competencia que, por exemplo, xa exercen Catalunya e Euskadi. Pero a unanimidade acadada en Galicia non valeu en Madrid. O PSOE considerou, a través dun deputado catalán, que a operación non era "necesaria" nin "conveniente". Dada a maioría simple coa que contaban os socialistas, o apoio dos populares tería sido determinante para lograr a aprobación, pero optaron pola abstención. Tiñan "simpatía" pola proposta pero non era "oportuna", argumentaba. Así as cousas, tan só os inquilinos de 25 escanos deron o seu visto e prace á transferencia e Galicia quedou sen nova competencia.

Tras este fracaso os populares, só dende Galicia, seguiron a insistir na necesidade de "desbloquear" os traspasos tanto no tráfico como noutros ámbitos pola vía do artigo 150.2 da Constitución, que permite que unha autonomía reciba competencias que non están contidas no seu Estatuto se así o acorda co Goberno central. Pero o Estado non era receptivo e, a través do daquela secretario de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, instaba á Xunta a elaborar un novo texto estatutario, que puxese o autogoberno galego ao nivel da maior parte de comunidades para así poder reanudar as conversas. Segundo Feijóo, esa suxestión non era máis ca un "insulto á intelixencia".

Tras toda esta peripecia o equipo de Feijóo está xa na recta final do mandato. A menos dun ano das eleccións, Rueda asegura que mantén a súa "actitude firme, comprometida e realista co avance do autogoberno" porque "redunda na mellora da xestión pública". Nesta liña, o conselleiro da Preisdencia afirma que "lle trasladará ao novo Goberno de Madrid a posición que mantivo dende sempre", baseada "nun maior autogoberno desde a responsabilidade e a lealdade". Así e todo, dado o pouco tempo que queda e o actual contexto estatal, centrado no control férreo do déficit, todo semella indicar que esta lexislatura podería deixar en branco a súa páxina de autogoberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.