Os partidos centran as súas mensaxes na defensa do sector pesqueiro

Un barco de pesca en Corcubión CC-BY-SA Greenpeace España

Concidencia de mensaxes e temas tratados na campaña electoral a dúas semanas exactas da celebración das eleccións do vindeiro 25 maio. Os candidatos de AGE, BNG e CxG centraron parte das súas intervencións este domingo na situación e reivindicación do sector pesqueiro e marisqueiro galego. 

 

Lidia Senra, en Ribeira

Senra: “Iremos a Europa facer políticas que respecten a soberanía alimentaria, exercendo o dereito do pobo galego a decidir sobre as nosas políticas pesqueiras e agrícolas, sobre a nosa alimentación, que é a base da vida"

Lidia Senra, candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, participou na mañá de hoxe nun acto político en Ribeira acompañada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, e os membros de Anova e Esquerda Unida da localidade Manoel Santos e Pablo Axeitos. “Nós temos claro que queremos unha política pesqueira na Unión Europea que permita potenciar e soster a pesca e o marisqueo, que proporcione uns dereitos de pesca xustos, que prime o emprego”, reivindicou Senra, “pero tamén unha política que impida que sigan a ocupar o mar con recheos de cemento que destrúen o marisqueo”. “Iremos a Europa facer políticas que respecten a soberanía alimentaria, exercendo o dereito do pobo galego a decidir sobre as nosas políticas pesqueiras e agrícolas, sobre a nosa alimentación, que é a base da vida”, salientou.

Ademais, Lidia Senra respostou as recentes declaracións de José Blanco, candidato do PSdeG-PSOE aludindo á necesidade de crear un lobby galego en Europa. Ante isto Senra preguntouse: “un lobby para quen e para qué? Para abrir máis as fronteiras e que o dono de Inditex poida fabricar barato noutras partes do mundo e vender caro onde a xente inda ten diñeiro para comprar?”. E concluíu que “a nós ese lobby non nos vale, a nós válenos a unión coa xente que é coma nós, para defender conxuntamente os nosos dereitos”. Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE no Parlamento, afirmou que despois de máis de vinte anos na UE, o balance é que “a Galiza labrega e a Galiza mariñeira foron sometidas a un proceso sistemático de exterminio" e engadiu que antes da entrada na CEE “o pulmón do desenvolvemento da Galiza estivo no mar”.

 

Ana Miranda, en Cangas

A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, acusou dende Cangas ao candidato do PP, o exministro Miguel Arias Cañete, de ser o “culpable” do desguace da frota cefalopodeira galega, a maioría da comarca do Morrazo, por tela deixado fóra do acordo da UE con Mauritania. Miranda pediu que os galegos voten para “mandar ao desguace a Arias Cañete e ao PP”. Ana Miranda denunciou que, como consecuencia deste acordo, 24 barcos galegos e 400 mariñeiros quedaron amarrados en terra “por culpa da incompetencia dos Gobernos español e galego, encabezados polo exministro de Pesca, Arias Cañete”, que “non foron capaces de presionar á Comisión Europea para que incluíra a frota cefalopodeira galega".

Miranda acusou a Cañete, de ser o “culpable” do desguace da frota cefalopodeira galega, a maioría da comarca do Morrazo, por tela deixado fóra do acordo da UE con Mauritania

Miranda defendeu que “Galiza é unha potencia pesqueira e ten que ser respectada, porque ten dereito a pescar e a poder producir” e denunciou as políticas levadas a cabo pola Unión Europea, que incentivaron “o cese da actividade pesqueira e o desguace dos barcos”. “Esta Europa de mercaderes non quere que os barcos galegos vaian pescar, non quere que vaian ao mar, prefire que vaian á chatarra”, criticou. “Isto provoca paro, pobreza, emigración, miseria”, dixo a candidata do Bloque. “Galiza non quere subsidios, quere que lle deixen pescar e que lle deixen producir”, engadiu.

 

Paulo Carlos López, en Noia

O candidato de Compromiso por Galicia ao Parlamento Europeo, Paulo Carlos López, defendeu este domingo en Muros e Noia unha etiquetaxe específica para as conservas de peixe e marisco a nivel europeo nas que se idenfique claramente a orixe dos produtos. “Trátase de que o consumidor coñeza a orixe do produto e que os nosos mariscadores, en especial os produtores de mexillón, poidan defender o seus produtos fronte á competencia desleal doutros países”, afirmou.

López defendeu unha etiquetaxe específica para as conservas de peixe e marisco a nivel europeo nas que se idenfique claramente a orixe dos produtos

Neste senso, criticou “as posturas como as do Partido Popular que na pasada lexislatura se opuxo no Parlamento Europeo a esta medida tan necesaria para defender os produtos da nosa industria conserveira e dos nosos mariscadores fronte á competencia desleal doutros países”. López tamén defendeu que “a definición de pesca artesán non empregue o criterio de eslora, senón fórmulas alternativas coma a selectividade das artes, o respecto ambiental e a participación familiar”. De igual xeito, López afirmou que CxG tamén pedirá que “se incremente o control das importacións de peixe e produtos da pesca de terceiros países procedentes da pesca ilegal con vantaxes baseadas na falta de respecto ao medio ambiente, a sanidade e o dumping social”.

 

José Blanco, en Vilagarcía

Pola súa banda, José Blanco, candidato do PSdeG-PSOE, participou nun mitin en Vilagarcia de Arousa, onde acusou a Alberto Núñez Feijoo de ser "un pirómano disfrazado de bombeiro" que "arrasa co Estado de Benestar" ao recortar salarios, bolsas e dependencia. Blanco pediu o voto para a lista socialista "para cambiar a vida da xente" e destacou que "contra os apóstolos da austeridade temos o purgatorio das urnas".

Intervención de Lidia Senra © AGE
Ana Miranda, no mitin celebrado en Cangas © BNG
Paulo Carlos López, en Noia © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.