UPyD xustifica estar sobrerrepresentada nos medios na necesidade de "facer xustiza"

Ana Miranda, Xavier Vence e outros cargos do BNG protestan contra a "censura" CC-BY-SA BNG

A teima de UPyD contra o nacionalismo galego, vasco ou catalán segue a afectar a campaña electoral do BNG en Galicia. A Xunta Electoral Central rexeitou o recurso do Bloque contra unha asignación de espazos electorais gratuítos que o equiparaba a Falange e a outras formacións irrelevantes no país. Considera este organismo que o BNG non se presentou ás anteriores eleccións europeas e non ten en conta os seus máis de 103.000 votos por térense conseguido nunha coalición diferente á actual. Así, conta con dez minutos en total fronte aos quince minutos de UPyD e co mesmo tempo que Partido Animalista, Partido dos Piratas, Democracia Nacional, Partido X ou Movimento Corriente Roja.

UPyD teima en que a cobertura informativa do BNG sexa a dun partido extraparlamentario

Pouco despois, o partido rosa solicitou á Xunta Electoral da Coruña para que suprimise a cobertura informativa que a CRTVG realiza do BNG, e que en principio se axusta de forma proporcional aos votos obtidos na anterior convocatoria electoral. A formación liderada por Rosa Díez quería que se seguise o criterio seguido para a asignación dos espazos electorais gratuítos. Na actualidade, a CRTVG dedica 27 segundos diarios a informar sobre a candidatura de Ana Miranda (fronte aos 150 segundos do PP, os 105 do PSdeG e os 14 de AGE), e UPyD quería que se reducise a cero.

Como a Xunta Electoral da Coruña non lle deu a razón no seu primeiro recurso, UPyD presentou outro ante a Xunta Electoral Central no que Ana Miranda, candidata do BNG, ve un empeño en “amordazar e borrar” a formación nacionalista. “Estamos ante un ataque antidemocrático perpetrado por esta alianza, por esta entente, por este dúo que forman a Xunta Electoral con UPyD, esa nova falanxe rosa. Pero non nos van calar”, denunciou.

"Gracias a UPyD les han quitado lo que no les correspondía. Ajo y agua", dixo UPyD tras o recorte de tempo electoral a Bildu

Pero UPyD ten claro o seu obxectivo e, se cadra, o seu obxectivo ía moito máis aló. "Los de Bildu están mintiendo. Gracias a UPyD, les han quitado lo que no les correspondía. Nosotros no nos callamos. Ajo y agua", asegurou o voceiro da formación en Euskadi na súa conta de Twitter. A formación abertzale tamén viu reducidos os seus espazos gratuítos nos medios públicos a unha terceira parte tras un recurso idéntico do partido maxenta.

A Xunta Electoral Central (XEC) decidiu que os temos atribuíbles á coalición Europa dos Pobos de 2009, na que participaban Aralar, EA e BNG, eran indivisibles e atribuíaos na súa totalidade a ERC, que foi quen a liderou. UPyD centrouse nesta decisión e a XEC deulle a razón. Pouco despois, o partido que lidera Rosa Díez tamén intentou recorrer a cobertura de información electoral na EiTB (televisión pública vasca), pero foille rexeitado ao ser presentada a reclamación fóra de prazo, segundo informa Naiz.

O caso é que UPyD presume da súa sobrerrepresentación nos espazos gratuítos electorais con respecto a formacións como o BNG ou Bildu e intenta que isto tamén se produza na cobertura electoral dos medios públicos. A formación maxenta conseguiu 14.418 votos nas pasadas eleccións europeas en Galicia, fronte aos 103.724 do Bloque. No País Vasco, EA e Aralar, que se uniron para a candidatura Europa dos Pobos, obtiveran 41.140 sufraxios ante os 10.963 de UPyD.

"Tras denuncia de UPyD, Bildu se queda sin espacios electorales gratuitos. PP ha pretendido que cediéramos pero no hemos cedido", xustificou Gorka Maneiro en Twitter o recurso do seu partido, que abrangueu ao nacionalismo galego e vasco. "Frente a la pasividad, la pereza, el conservadurismo y la inacción del resto de partidos políticos, UPyD no da una batalla por perdida", insistiu o voceiro do partido, que asume a súa loita contra a difusión da mensaxe do mundo abertzale, o que acaba levando por diante tamén o espazo de propaganda e información electoral que afecta ao BNG.

UPyD xustificou en Galicia os seus recursos contra os espazos do BNG en que pretende "que se faga xustiza"

"Desde UPyD non pretendemos silenciar a ninguén, só que se faga xustiza", argumentou o pasado mércores Maite Pagaza, número dous do partido rosa, durante unha visita electoral a Galicia na que xustificou os diferentes recursos ante a Xunta Electoral que ningún outro partido levou a cabo.

Ana Miranda, Xavier Vence e outros cargos do BNG protestan contra a "censura" CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.