O machismo de Cañete sacode a campaña electoral

Mariano Rajoy e Arias Cañete, nun mitin © PP

"O debate entre un home e unha muller é complicado, porque se fas un abuso de superioridade intelectual parece que es un machista que está acurralando unha muller indefensa". Con esta frase, o candidato do PP ao Parlamento Europeo, Miguel Arias Cañete, sacudiu a campaña electoral. E sacudiuna cunha declaración machista cara a Elena Valenciano, candidata socialista coa que o pasado xoves compartiu debate. E fíxoas para xustificar, segundo o seu parecer, o que todos cualifican como derrota nunha confrontación que tivo escasa audiencia e da que ningún saíu ben parado. Unha por cuestións puramente políticas e de argumentos. O ex ministro popular, por moito máis.

Feijóo non quixo cualificar as palabras de Cañete porque asegura que non viu o debate electoral

En todo o Estado foron moitas as voces que pediron unha rectificación de Arias Cañete e que censuraron con dureza as súas palabras. En Galicia, tamén. Agás desde o PP e desde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se negou a cualificar as declaracións do seu compañeiro de partido. "Non as coñezo porque non vin ese debate", reitorou en varias ocasións ante as preguntas dos xornalistas.

As machistas palabras de Cañete únense á información adiantada por Praza, que revelou que o referente galego do PP ás europeas, Francisco Millán Mon, opúxose en 2012 aos puntos do informe anual sobre a política da UE para os dereitos humanos que se referían a aspectos como saúde reprodutiva, liberdade de elección no ámbito sexual ou rexeitamento á mutilación xenital. Tanto o candidato galego como un deputado madrileño alegaran daquela no nome do PP español que esas eran "cuestións sensibles que pertencen á conciencia individual".

José Blanco, Ana Miranda e Lidia Senra cualifican a Cañete de "machista" e dubidan da súa lexitimidade para ocupar un cargo público

Arias Cañete insistiu nas desafortunadas apreciacións de cara ás mulleres. Desde Galicia, o galego e ex ministro José Blanco, candidato á Eurocámara polo PSOE, cualificou o líder popular de "machista rancio" polas súas palabras e cre que estas "demostran que é un mal perdedor". "Iso as mulleres vano ter en conta á hora de exercer o seu voto o 25 de maio", asegurou.

A candidata do Bloque aos comicios, Ana Miranda, respondeu a través da súa conta de Twitter a Cañete. "É un machista. É tempo de feminismo. Votar ao BNG é votar contra os machistas", asegurou. Pola súa banda, Olalla Rodil, número tres na lista nacionalista, cre que as palabras sacaron "a verdadeira faciana de Cañete despois da pantomima do debate". “Esas son as formas e a verdadeira ideoloxía do PP que pretenden unha sociedade patriarcal e con clases sociais ben diferenciadas nas que as mulleres non teñamos presenza, nin opinión, nin dereitos”, dixo nun acto no Saviñao.

Ademais, Lidia Senra, candidata de AGE ao Parlamento Europeo, cualificou de "machista puro e duro" a Cañete, que cre que "con esa dose de machismo non debera aspirar a un cargo público". A preguntas dos xornalistas logo da presentación de do decálogo Unha Lingua para a Unión!, a candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa amosouse “indignada”. “Tanto que xa non me sei expresar”, engadiu.

Para Senra é intolerábel que un cargo público, ou que aspira a el, “teña esa desfachatez, esa cara dura, cando sabe que na Unión Europea segue a haber discriminación da muller” en todos os ámbitos. "Aínda máis nun intre en que se recrudece a violencia machista", engadiu.

Mariano Rajoy e Arias Cañete, nun mitin © PP
Mariano Rajoy e Arias Cañete, nun mitin © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.