BNG e AGE reivindican a lingua e reclaman máis galego en Galicia e na UE

CC-BY-SA Praza Pública

A lingua galega foi hoxe a protagonista na campaña electoral de cara ás eleccións europeas. A cabeza de lista do BNG á Eurocámara, Ana Miranda, participou na manifestación de Queremos Galego en Vigo e felicitou “a todas as persoas que falan galego, tanto en Galiza como fóra”, porque, dixo, “a mellor homenaxe que se lle pode facer ao noso idioma é falalo todos os días do ano”. “O día de hoxe é un día de festa para todas e todos os que lle queremos ao noso idioma, pero é tamén un día de reivindicación para reclamar promoción e apoio á nosa lingua por parte das administracións que teñen a obriga de facelo”, asegurou. Pola súa banda, Lidia Senra, candidata de AGE, acudiu á marcha de Compostela "como unha cidadá máis" e puxo de manifesto a necesidade de "continuar loitando contra os ataques á lingua impulsados polo PP". Ademais, comprometeuse a traballar polo idioma desde a UE, onde loitará polo cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias como "punto de partida para que haxa unha carta de dereitos lingüísticos de obrigado cumprimento en Europa”.

Ana Miranda e Lidia Senra cargaron contra a política lingüística da Xunta por "levar anos buscando o desprestixio do idioma"

Ana Miranda criticou as “políticas linguicidas” da Xunta de Feijóo que “levan anos buscando a invisibilización e desprestixio do noso idioma, por moito que hoxe fagan declaracións protocolarias baleiras de contido”. Ademais, denunciou que asistimos nos últimos anos "a unha planificación por parte do PP para extirpar o galego desta sociedade e homoxeneizar lingüisticamente todo o territorio español”. “Queren roubarnos o futuro, como persoas e como país, incluído un dos nosos sinais de identidade máis xenuínos: a lingua, o noso idioma”, protestou.

Na mesma liña se manifestou Lidia Senra, que cre que o 17 de maio o protagonismo "é dos milleiros de galegas e galegos que saímos á rúa para demostrar que non imos consentir máis ataques á nosa lingua e que non pareremos ata lograr o recoñecemento do galego como lingua oficial en todos os ámbitos”. O portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, tamén presente na mobilización, denunciou o “etnocídio lingüístico” que está a levar a cabo o goberno galego e que "busca arrasar coa identidade propia de Galiza como pobo".

Beiras denunciou o "etnocidio lingüístico" por parte da Xunta e criticou o xuízo contra os rapaces que se manifestaron contra Galicia Bilingüe

Ademais, Beiras amosou a súa indignación ante a “aberrante condena que están a pedir para uns rapaces e rapazas que o único delito que cometeron foi defender o galego fronte á campaña de exterminio orquestrada polo goberno galego e Galicia Bilingüie, asociación que debería ser ilegalizada”.

Ana Miranda, candidata do BNG, tamén quixo lembrar o último episodio polémico de Feijóo con respecto ao galego e á cultura do país. "É unha vergoña que o presidente de Galiza non saiba que a obra principal de Rosalía de Castro, a que pon data ao Día das Letras Galegas é Cantares Gallegos, algo que sabe a miña filla de dez anos ou calquera escolar deste país”, dixo.

A candidata do BNG rematou pedindo “máis galego en Galiza e tamén en Europa”, onde o Bloque leva xa empregando “con total normalidade” o idioma galego nas súas intervencións no Parlamento Europeo desde 1999, primeiro con Camilo Nogueira e nos últimos anos con Ana Miranda. A candidata nacionalista, que fala seis idiomas, explicou que fala galego no Parlamento Europeo “porque é o idioma proletario do meu pobo, símbolo de identidade de Galiza”. Outros, dixo en referencia aos eurodeputados “teoricamente galegos” do PP e do PSOE, non o fan, “avergóñanse da nosa lingua e mesmo nos critican aos do Bloque por falar galego en Bruxelas, mentres recibimos, paradoxicamente, o recoñecemento de deputados doutros países por facelo”, dixo.

Miranda anunciou que pedirá que a UE recoñeza a lingua galega como oficial para o seu uso no Parlamento

Ana Miranda tamén anunciou que pedirá que a UE recoñeza a lingua galega como oficial para o seu uso no Parlamento, na Comisión Europea e no resto de institucións comunitarias. “A nosa lingua é unha lingua europea e universal e así debe ser recoñecida, en igualdade de condicións ao resto das linguas da UE”, dixo.

O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, insistiu pola súa banda en reclamar “que a Xunta de Galiza cumpra coa súa obriga legal, como lle marca o propio Estatuto de Autonomía, que é a de promover o uso do idioma galego en todos os ámbitos da sociedade como idioma propio do noso país”. Neste sentido, reclamou a Feijóo o fomento do galego como idioma principal en ámbitos da administración pública como a Xustiza, onde aínda se atopa “completamente relegado”.

AGE, pola súa banda, presentou o venres o decálogo Unha Lingua para a Unión! unha sorte de manifesto programático que se marca como obxectivos “a igualdade real de dereitos” para que ningunha nena nin neno teña que sufrir nunca máis discriminación algunha por empregar o seu idioma propio. Un decálogo que pretende facer do galego unha lingua normalizada en todos os ámbitos e para a relación de todas e todos as galegas e galegos co mundo.

Ana Miranda, na manifestación de Queremos Galego © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.