Feijóo propón que se inicien "políticas de concertación" entre PP e PSOE

Feijóo, con Romay Beccaría, entre outros, antes da súa intervención © Nueva Economía Forum

Núñez Feijóo aposta por que se establezan "políticas de concertación" en ámbitos como o da sanidade entre PP e PSOE. O xefe do Executivo galego foi máis aló e propuxo incluso que sexa o ex presidente do Goberno central, Felipe González o que "presida unha gran proposta da viabilidade do sistema sanitario público".

Feijóo avoga por "políticas de concertación" entre PP e PSOE e aposta por comezar coa sanidade

O presidente galego fixo esta reflexión logo de cualificar de "polémica" a proposta do ex líder socialista de que o PP e o PSOE formasen unha gran coalición de goberno. “Estase falando de gobernos de concentración. A algúns partidos non lles parece ben, pero eu creo que debemos acordar políticas de concertación en materia sanitaria polo impacto que ten esta no financiamento autonómico e nos intereses dos cidadáns. Por isto, deberiamos concertar a política sanitaria", asegurou nun almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum e no que exerceu de presentador do director da Organización Nacional de Transplantes (ONT), Rafael Matesanz, que asegurou que "calquera forma de medicina privada é máis cara cá pública".

"Existe unha fórmula máis factible e próxima e menos polémica", insistiu Feijóo nunha das súas primeiras aparicións públicas na xira que prevé para esta semana polo Estado respecto da posible colaboración entre populares e socialistas. Segundo di, deberíanse aplicar "políticas de concertación" en sectores onde "a realidade exclúe por si mesma a confrontación partidaria". "A sanidade sería un campo idóneo para esta imprescindible experiencia" debido ao peso que ten "no financiamento do Estado autonómico" e á importancia que ten a saúde para "os intereses de calquera cidadán".

O presidente da Xunta pide "concertar políticas en sectores onde a realidade exclúe por si mesma a confrontación política"

Ademais, o presidente da Xunta cre que o Informe Abril de 1991, que avaliaba o sistema sanitario público e suxería medidas para reformalo, é "un antecedente válido", e Felipe González podería ser, coa "súa experiencia e o seu sentido de Estado, unha das persoas máis axeitadas para presidir unha gran proposta da viabilidade do sistema sanitario público en España". E nese proxecto "proporíalle que contase con Rafael Matesanz", engadiu.

Cando se lle preguntou se estaría disposto a participar, o director da ONT contestou que ten por costume "non apostar sobre futuribles", aínda que agregou que sempre que se lle requiriu para algo en España, deu unha "resposta positiva".

Por outra banda, o presidente galego defendeu a súa proposta tras explicar que o sistema sanitario público español enfróntase a "novos retos" porque se dan "novas realidades", como son o envellecemento da poboación e as variacións no modelo de atención a certas enfermidades. Así, afirmou que a proliferación do cancro require tratamentos cada vez máis personalizados que "esixen recursos e modos novos, tanto de xestión como de financiamento".

"Constatalo non é de dereitas nin de esquerdas, constatalo é unha evidencia, e afrontalo tampouco debería ser de dereitas nin de esquerdas, senón unha tarefa irrenunciable", manifestou, afirmando que "non hai connotación ideolóxica" ao dicir que en comunidades do noroeste español como Galicia, Asturias, Castela e León ou Cantabria hai "un severo déficit de financiamento sanitario".

Feijóo cre que a sanidade debe ser "o eixo fundamental" do sistema de financiamento autonómico

Ao seu entender, estes datos "obrigan a expor que a sanidade debería ser o eixo fundamental" do sistema de financiamento autonómico -que vai ser revisado- tendo en conta de que, segundo lembrou, a maioría das comunidades autónomas dedican máis do 40% do seu orzamento á sanidade.

Do mesmo xeito, subliñou a necesidade de que a sanidade española quede "á marxe dos avatares políticos", seguindo o exemplo da ONT e do seu director, que "sempre antepuxo o interese xeral a calquera outra cousa". "Esa é a forma de loitar para garantir o futuro do sistema sanitario público", asegurou.

Núñez Feijóo, en Nueva Economía Fórum © Nueva Economía Forum

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.