A xira electoral de Feijóo e a discreta campaña de Paula Prado

Feijóo, este luns nun mitin con Sánchez-Camacho © PP

No ano 2007 Alberto Núñez Feijóo levaba apenas un ano na presidencia do PPdeG e, ademais de facerlle oposición ao Goberno de coalición de PSdeG, o seu principal reto era ser coñecido pola cidadanía tras substituír a Manuel Fraga á fronte do partido. Cadrando coa campaña das eleccións municipais dese ano e os seus meses previos Feijóo iniciou unha xira concello a concello para facer callar o seu perfil alén de ser 'o que está no sitio de Fraga'. Dende ese momento todas as campañas dos conservadores galegos, xa fosen en autonómicas, xerais, municipais ou europeas, estiveron protagonizadas por Feijóo de xeito case omnipresente, mesmo por diante dos candidatos en cada proceso. A carreira electoral destas europeas tamén comezou así, pero a dinámica mudou nesta segunda semana de campaña, cunha ausencia case total.

Este luns, cadrando co xuízo a sete dos trece membros do goberno municipal de Santiago por presunta prevaricación, o presidente da Xunta puxo rumbo a Madrid. Despois de participar alí nun acto no que desenterrou a súa idea de reeditar o Informe Abril baixo o mando de Felipe González puxo rumbo directo a Catalunya. Xa en territorio catalán Feijóo protagonizou un xantar-coloquio con "representantes de todas as casas rexionais" en Lleida e, xusto a continuación, participou nun mitin a carón da líder do PP catalán, Alicia Sánchez-Camacho, que non aforrou eloxios e chegou a desexar que "os cataláns tivésemos un presidente como Feijóo.

Tras múltiples campañas sendo omnipresente Feijóo acude esta semana a Madrid, Catalunya, Andalucía e Euskadi

Unha vez rematada a xira catalá e sen previo paso por Galicia a persoal caravana electoral do líder da dereita galega marchou cara a Andalucía. Alí comezou o día cun almorzo de partido con empresarios en Valverde del Camino para, a continuación, trasladarse a Sevilla para participar nun xantar informativo organizado polo xornal El Mundo. En ambos actos Feijóo comparte escena co líder do PP andaluz, Juan Manuel Moreno, a quen tamén acompaña a unha xuntanza con militantes conservadores en Dos Hermanas.

O mércores será o día do fugaz regreso do presidente a Galicia, concretamente a Compostela, punto quente na política galega e case sobrevoado polos populares no que vai de campaña. Na capital o presidente compartirá mitin no salón dun hotel coa ministra de Emprego, Fátima Báñez. Ambos convocan aos seus a unha hora pouco habitual para un acto destas características entre semana, as seis e media da tarde. Acto seguido Feijóo trasladarase a outro mitin en Vilagarcía e o xoves, día da reunión semanal do Consello da Xunta, o PP avanza que participará en actos electorais co PP vasco en Euskadi.

Prado reaparece discretamente

Prado reaparecerá xunto a Feijóo nun acto en Santiago no que tamén participará Fátima Báñez

O devandito mitin de Feijóo e Báñez será tamén o escenario para a reaparición nun acto xunto ao presidente da voceira do partido e directora de campaña en Galicia, Paula Prado. Silente tras a publicación do informe de Vixilancia Aduaneira sobre ela incluído no sumario da Operación Pokémon, Prado participa nesta campaña en actos de perfil baixo afastados, na medida do posible, dos focos dos principais meidos de comunicación. Así, por exemplo, o pasado día 17 a número tres do partido do Goberno realizou un percorrido electoral por un mercado no Porto do Son, ao día seguinte fixo algo semellante en Cee e este luns participou nun mitin en Pontecaldelas.

Nos vindeiros días a axenda electoral dos populares prevé que Prado asista a tres mitins ademais de ao de Santiago: un en Mos, este martes, outro en Ribeira, o mércores, e un terceiro en Celanova o xoves. Ademais, percorrerá o mercadiño da Pobra do Caramiñal durante a mañá do mércores. Segundo declarou Alfonso Rueda ao presentar os plans de campaña a voceira ía ser vista "en moitos actos" ata o 25 de maio.

Feijóo, nun mitin con Rajoy en 2008 © PP
Prado, no mitin de Pontecaldelas © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.