"É compatible ser nacionalista e sumar forzas coa esquerda que quere unha nova UE"

Senra, con Beiras nun acto de campaña CC-BY-SA AGEe

Lidia Senra (A Pobra do Brollón, 1958), ten a axenda inzada de citas. Curtida nas mil batallas do sindicalismo agrario, no que é referente tanto a nivel galego como internacional, admite que unha campaña electoral "é diferente a todo o que levo feito" aínda que só "na posta en escena", porque "no fondo" trátase de "contactar coas persoas", algo que lle é calquera cousa menos "alleo". Elixida no referendo interno de Anova, Senra subliña que é "nacionalista" pero non "militante" de ningunha das organizacións de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, coalición que defende con vehemencia como vía para que "o pobo galego estea" na alianza da "esquerda rupturista" na UE.

Que tal leva a campaña?
O ritmo é bastante intenso, o que pasa é que andar por todo o país e contactar coa xente dáche moita enerxía para seguir adiante e para tentar poñer en marcha a nosa proposta, que ao cabo non deixa de ser levar as loitas da cidadanía ao espazo do Parlamento Europeo e convertelo na caixa de resoancia das propostas e loitas da cidadanía organizada deste país. Contactar coas persoas e coñecer as loitas é importante e, aínda que moi agotador, quedas con que aprendeches moito e paga a pena.

Pero, nótase que hai campaña? Polo ambiente na rúa semella o contrario...

"Hai un intento por apagar a campaña; canto menos nos preocupemos, máis doado é para o bipartidismo manterse no poder"

Hai dúas cousas: por unha banda a nosa propia campaña e os actos, cunha participación importante; está habendo unha campaña francamente bonita e agradable, de calor. A nivel xeral percíbese que houbo un intento moi grande por apagar a campaña, tanto por parte dos grandes medios, que non teñen unha cobertura de campaña, como co acordo da Xunta Electoral estatal que impide que unha institución como o Parlamento Europeo utilice a palabra “vota” na campaña institucional. Está claro que houbo un intento de que a cidadanía non se preocupe por Europa, porque canto menos nos preocupemos máis doado é que o bipartidismo, o PP e o PSOE e os seus socios europeos, se manteñan no poder e fagan as políticas neoliberais que tanta dor lle causan á xente.

Dende ámbitos do nacionalismo alleos a Anova repróchanlles as alianzas con forzas estatais, nomeadamente con Esquerda Unida. Por que consideran compatible esa unión co nacionalismo?
Dende a situación na que estamos vivindo, de auténtica emerxencia nacional. O noso país está vivindo un empobrecemento xeralizado, estamos perdendo os sectores produtivos, a industria, estamos co sector naval agoniante, estamos cuns niveis de pobreza e exclusión social e pobreza alarmantes, cun nivel de paro insoportable; estamos expulsando o futuro do país, que é a nosa mocidade, ou condenándoa a vivir como traballadores pobres. Estamos nunha situación na que se están privatizando os servizos públicos, onde o dereito á sanidade xa non é universal, onde se está deteriorando o ensino a pasos axigantados, onde os servizos sociais públicos están tocados... Nesa situación cómpre sumar e é compatible ser nacionalista con sumar forzas con Esquerda Unida para loitar contra as políticas que están acordando maioritariamente os dous grandes partidos, que votaron o mesmo o 70% das ocasións no último período do Parlamento Europeo. Cómpre que a esquerda que queremos romper con iso, que queremos constituír unha nova UE, nos unamos, que nos fagamos fortes e sumemos. Non é a hora de dividir, senón a de sumar, e para nós e tan compatible a nivel galego como a nivel europeo.

Que acollida tivo o ideario de Anova en Esquerda Unida a nivel federal?

"Na coalición estatal só temos dous compromisos: votar a Tsipras e integrarnos no grupo da esquerda rupturista"

Nós imos ir construír alternativas. AGEe só ten dous compromisos por asinar a coalición estatal: votar a Alexis Tsipras como candidato que presenta toda a esquerda rupturista europea para presidente da Comisión e  integrarnos nese grupo da esquerda rupturista europea, que temos claro que queremos participar nela, construíla e que o pobo galego participe nesa alianza no marco das institucións europeas. Polo tanto aí non hai ningún problema. Con respecto ao Estado non temos ningún compromiso máis. As decisións que imos levar a esa alianza van ser as decisións que tomemos aquí como AGEe, aí non temos ningún problema. Imos levar as decisións libre e soberanamente, os nosos acordos teñen soberanía.

No seu programa reclaman a oficialidade do galego normativo nas institucións da UE. Por que o consideran fundamental?
Porque nós pensamos que todos os pobos temos dereito a vivir no noso idioma, no noso caso o galego. Pensamos que non pode ser discriminadas as persoas que vivimos na Galiza; o pobo galego non pode ser discriminado e ter polo tanto unha condición de inferioridade a respecto das linguas doutros pobos da UE, que si son recoñecidas como linguas oficiais. Queremos que se elabore a carta dos dereitos lingüísticos para garantir a igualdade de todos os pobos da UE e recoñecer o idioma galego como oficial para ter plenos dereitos.

Mentres iso non acontece ou se non chega a acontecer, aproveitarán a vía da lusofonía para expresárense?
Efectivamente, tentaremos expresarnos en galego e facernos entender da mellor forma.

No mesmo programa apostan pola renda básica universal. Hai quen di que iso é pagar por non traballar e que é economicamente inviable...

"A renda básica é posible con vontade política e se non se quere condenar seres humanos á miseria"

O que é intolerable é chegar a unha situación de pobreza e exclusión de tal magnitude cando hai moitos cartos, por exemplo nos paraísos fiscais, e ademais os cartos públicos se lles están dando ás grandes sempresas e por outra banda, segundo datos da propia Comisión Europea, a corrupción custa 120.000 millóns en Europa ao ano. Cartos hai, polo que non é de recibo someter á poboación, no noso caso 636.000 familias, á pobreza e á exclusión social. É necesario e urxente establecer esa renda básica que lle garanta a dignidade a todo ser humano. É fundamental e é posible se se ten vontade política e non se quere condenar seres humanos á miseria.

As enquisas din que a poboación ve as institucións europeas moi afastadas. É posible mellorar a vida da xente co sistema da actual UE?
Nós estamos dicindo que esta Unión Europea non serve, hai que rompela e crear unha nova, que responda aos intereses da cidadanía e os poña por diante dos do capital. Falamos da falta de democracia destas institucións, que tamén hai que cambialas e substituílas totalmente por outras que sexan democráticas. Neste sentido, mentres estamos nun debate electoral falando de como queremos que sexa a UE, a Comisón Europea, que non ten lexitimidade democrática porque os dous grandes partidos se encargaron de que o Parlamento non teña a competencia de elixila, está negociando un tratado de libre comercio entre a UE e os Estados Unidos que vai afondar na precariedade laboral, na destrución da agricultura e da pesca e na privatización dos servizos públicos, que pretenden que sexa irreversible. É intolerable que a Comisión estea negociando unha cláusula para salvagardar as corporacións transnacionais, para que no caso de que un goberno lexitimamente elixido lles impida asentarse no seu territorio ou as levante porque causan danos, os orzamentos públicos teñan que indemizar esa gran empresa polo que supostamente edeixa de gañar. Iso é intolerable e é entregar as soberanía dos pobos ás grandes corporacións. 

Entre as críticas a ese tratado vostedes poñen o acento nos alimentos transxénicos. Rexéitanos en todo caso ou só cando os controlen as grandes corporacións?

"Estamos totalmente en contra dos tranxénicos, non achegan nada e son un negocio a costa da sáude"

Nós estamos totalmente en conta dos transxénicos. Os transxénicos non achegan nada, son un gran negocio á costa da saúde das persoas, do medio ambiente e de seguir destruíndo os labregos e labregas en todo o mundo. O único que fan é meternos máis problemas dos que xa temos. Estamos totalemnte en contra deles e o tratado de libre comercio vai tentar abrilles as cancelas definitivamente para que na UE as empresas transnacionais dos EUA campen ás súas anchas, destruíndo a agricultura labrega e poñendo nas nosas mesas non só produtos alimenticios producidos con transxénicos, senón tamén con hormonas que en Europa están prohibidas. Vulneran ademais o principio de precaución, que na UE existe mentres que nos Estados Unidos todo é bo ata que a cidadanía demostre que é perigoso. Aquí as empresas aínda teñen que demostrar que algo non é nocivo antes de poñelo no mercado. As persoas somos as cobaias e cando empecemos a morrer, demostrarase que algo non vai ben.

Sen saírmos do agro: Levou unha alegría ao saber que o señor Cañete era o candidato do PP?
Dende o comezo entendemos que o PP escolleu o candidato que mellor representa os seus intereses, un señor que leva defendendo como ningúen os intereses dos grandes negocios no ámbito agrario e tamén no ámbito da política en xeral. É unha persoa que non merece estar nas institucións públicas por atreverse a cualificarnos ás mulleres como seres menos intelixentes, esa mensaxe que tanto dano nos ten feito de que as mulleres somos inferiores. Non levamos loitado tanto para que veña un señor que pretende ser comisario a dicir semellantes barbaridades e a estar en sitios onde se teñen que elaborar políticas para garantir a igualdade das mulleres ou para erradicar a violencia machista, da que son vítimas un un terzo das mulleresda UE. Señores coma este pouco van facer para erradicar esta situación, máis ben van favorecer o contrario.

"Cañete non pode estar onde se teñen que elaborar políticas para erradicar a violencia machista"

O machismo de Cañete afectaralle ao PP nas urnas?
Non o sei, verémolo o día 25.

E os casos de presunta corrupción?
Parécenos totalmente intolerable e nós pensamos que medidas para loitar contra corrupción son imprescindibles no ámbito do Parlamento Europeo, e aí é fundamental a transparencia á hora da contratación pública e tamén anular os procesos de privatización, que son o caldo de cultivo para esas prácticas. Cómpre tamén a partcipación da cidadanía para dedicir como se empregan os cartos públicos.

Atendendo á maior parte das enquisas vostede será eurodeputada. Poderá seguir sendo tamén labrega?
Eu son moito de non vender o peixe antes de pescalo. Ata o día 25 preocúpame poñer todas as enerxías neste labor de presentarnos, de presentar as nosas propostas e de animar ao apoio á nosa candidatura. O meu compañeiro e mais eu somos labregos e imos seguir mantendo a nosa actividade agraria. Dedicareille un tempo diferente, pero quen vivimos nunha casa labrega sabemos que os momentos nos que se está alí son para participar da actividade da leira. En todo caso, poderemos falalo na próxima entrevista [ri].

Lidia Senra, candidata de AGEe CC-BY-SA AGEe

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.