A investigación da Pokémon pediu imputar a Negreira por 'enchufes'

Centro Ágora, ao que Aduanas vincula boa parte dos presuntos enchufes © Concello da Coruña

Enchufes a cambio de servizos públicos. Este é, segundo a investigación da causa, un dos esquemas elementais do caso Pokémon, segundo o cal as empresas da presunta trama corrupta tentan facerse con todas as concesións administrativas posibles -de aí o paralelismo co faite con todos dos debuxos animados- e, como contrapartida, compensan persoal e autoridades das entidades públicas con agasallos ou favores. Este xeito de funcionar, tan simple como perverso para os intereses xerais, reproduciuse, segundo o Servizo de Vixilancia Aduaneira -corpo empregado como policía pola xuíza Pilar de Lara-, durante anos no Concello da Coruña, ata o punto de chegar a propoñer a imputación por tráfico de influencias do seu actual alcalde, Carlos Negreira, recomendación que, cando menos de momento, a maxistrada non atendeu.

Nun informe incluído na nova entrega da parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, Aduanas "pretende demostrar" que o máximo responsable da empresa Véndex en Galicia, José María Tutor, presuntamente procura "obter a adxudicación ou renovación de contratos de servizos licitados polo Concello da Coruña" utilizando, "entre outras tretas", enchufes e "recomendacións" en beneficio de "persoas do entorno das autoridadades e empregados públicos". "Trátase de favores que, probablemente, axudan o Grupo Véndex a gañar o resto de empresas competidoras no concurso", sinalan.

Aduanas ve claro que os "favores" axudan a Véndex a "gañar o resto de empresas competidoras" nos concursos públicos

Os funcionarios de Aduanas explícanlle a De Lara que as conversas telefónicas intervidas por orde xudicial permiten "constatar" que "as persoas enchufadas" adoitan ser "parentes ou amigos dos cargos e empregados públicos do Concello". "Os investigadores -sinala o documento- comprobaron que o mellor momento para pedirlle unha recomendación de traballo a José María Tutor é cando se atopa en fase de concurso un servizo público licitado polo Concello, especialmente se este é un servizo de nova creación e hai interese por parte do ente local en que o Grupo Véndex sexa o adxudicatario do mesmo".

É durante as fases de concurso público cando Tutor "recibe un maior número de peticións ou recomendacións. O responsable de Véndex, "sabedor de que ten a posibilidade de contratar traballadores para un emprego estable", continúa Aduanas, "utiliza esa baza para lograr que lle adxudiquen os concursos". Dende o Concello, retratan, cargos e empregados "tamén tratan de seducir a Tutor con algún trato de favor á hora de adxudicar dito concurso ou outro futuro do que formen parte se lles enchufan algunha persoa do seu entorno". Con estas "promesas de traballo para familiares ou amigos" Tutor "pretende tamén influenciar á hora de elaborar pregos ou informes técnicos que, no seu momento, inclinen a balanza" a favor da súa empresa.

O edifició Ágora, no centro das olladas

Vixilancia Aduaneira centra as súas sospeitas de "presunto tráfico de influencias" especialmente nos contratos públicos vinculados ao edificio Ágora, un centro sociocultural polivalente inaugurado en 2012 pero xestado antes da chegada do PP ao goberno municipal. É na anterior etapa de goberno, precisamente, na que Aduanas sitúa a primeira "vaga de enchufes", vinculada ao concurso para o servizo de limpeza do edificio. Tamén vincula o anterior gabinete, concretamente o concelleiro do PSOE José Nogueira, daquela tenente de alcalde, na segunda vaga, a ligada á adxudicación "do servizo de vixilancia e outros servizos de natureza polivalente". A seguinte xeria de enchufes chegaría coa "adxudicación ao grupo Véndex dos servizos integrais de limpeza, conserxaría e mantemento", licitada en 2011 pero resolta, "despois de numerosas transformacións, en agosto de 2012", cando Negreira levaba máis dun ano na Alcaldía.

A investigación atribúelles enchufes a Negreira, ao seu número dous e a un edil socialista

Se na etapa do Goberno de PSOE e BNG Aduanas apunta a Nogueira como referencia para Tutor no Concello co goberno do PP a inestigación indica que as "proposicións para que Tutor contrate a certas persoas" chegan, basicamente, do propio Negreira e, sobre todo, do seu número dous no goberno municipal, o edil Julio Flores. Nesta liña, nas conversas intervidas Tutor amósase consciente da necesidade de favorecer os intereses dos populares pola súa chegada ao poder, mesmo explicándolle a Nogueira que pode atender unha das súas presuntas peticións de enchufe, "pero que canda vaia a concurso ao mellor non lle renovan, que estes [o PP] non son o Bloque, que a estes sóbralles xente".

Véndex "conseguiu parar un concurso"

Sempre segundo a documentación contida no sumario xa existen contactos entre Tutor e Flores "nos últimos días de maio de 2011", isto é, xusto despois de que o PP gañase as municipais na Coruña. Nos meses posteriores, di Aduanas, Tutor chega a "conseguir parar o concurso" do centro Ágora e "abrir un novo prazo de licitación, ao que se presenta coa case total seguridade de que a súa empresa será a que obteña a adxudicación, como finalmente sucedeu". "Para ter esa seguridade", relatan, contrato "persoas presuntamente enchufadas dende o Concello", "prorrogou e mellorou os contratos de persoas xa enchufadas" e "conseguiu a prórriga do contrato menor que ten co Concello cando menos dous meses", o que implicou "a posibilidade de subrogar ese persoal enchufado como paso previo á inclusión do mesmo" no novo concurso.

Negreira asegura que as acusacións son "absolutamente falsas"

Paralelamente ás "propostas de contratación" que os investigadores lle atribúen a Flores e Negreira o responsable de Véndex "concértase" con traballadores municipais, especialmente con un que tería a capacidade de "influír nas persoas máis poderosas do Concello". Unha desas persoas poderosas é Negreira, asegura Vixilancia Aduaneira, que nunha das conversas intervidas detecta que unha funcionaria municipal advirte a Tutor de que "o alcalde lle deu o nome dunha moza" para realizar servizos de "visitas guiadas". "Obviamente, trátase de Carlos Negreira", di o informe, tras cuxa saída á luz o tamén presidente provincial do PP asegurou que esas acusacións son "absolutamente falsas".

Acto de campaña do PP coruñés nas municipais de 2011 CC-BY PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.