Reflexión contra a abstención

Sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Partiu. Tras dúas semanas de campaña no que os esforzos por avivala ou adormecela foron por barrios as formacións políticas colgaron os aparellos da carreira electoral no serán deste venres e non os volverán coller ata dentro de algo menos dun ano, cando toque pasar polas urnas para renovar os concellos. Foron quince días de chamamentos ao voto salferidos de polémicas como a provocada polas declaracións machistas do popular Miguel Arias Cañete ou, en Galicia, as revelacións do sumario da operación Pokémon, cuestións ambas que contribuíron a desviar a atención polo que, segundo as enquisas, interesa máis ben pouco ao groso da cidadanía: Europa.

Malia ese aparente desinterese os candidatos e candidatas pecharon a campaña entre chamadas á participación con argumentos diferentes: dende a necesidade de continuar o labor que se vén desenvolvendo, no caso do PP, ata a aposta por unha Unión Europea con goberno socialdemócrata, no caso dun PSOE en que os de Rajoy e eles mesmos “non son iguais”. "Un proceso constituínte" dende a esquerda e a necesidade de "zouparlle" á troika é un dos argumentos centrais de Alternativa Galega de Esquerda en Europa para chamar ás urnas, mentres que o BNG apela ao "voto que lles doe" para que "Galiza estea" e Compromiso por Galicia pide demostrar nas urnas que  "estamos fartos da corrupción, que estamos fartos dos de sempre, que queremos dignidade na política".

O PP galego elixiu un hotel da Coruña para pechar a campaña. Acompañado polo alcalde da cidade e por Francisco Millán Mon, o seu referente na lista encabezada por Miguel Arias Cañete, Alberto Núñez Feijóo apelou ao voto ao PP para "definir como serán Europa, España, Galicia e A Coruña". Entre referencias á política do PSOE no Goberno central e ás coalicións de AGEe e BNG -"non podo lembrar o que di o Bloque porque falan en euskera, chegouse a proclamar- os conservadores contrapuxeron a "frivolidade" dos socialistas co "compromiso" da dereita para, por exemplo, dotar de carga de traballo os estaleiros. "Xogámonos o que queremos ser os vindeiros cinco anos, os mesmos nos que nos levaron ao rescate", asegurou.

Pola banda socialista o fin de festa tivo Compostela como escenario e a un dos valores á alza do partido, o vasco Eduardo Madina, como convidado. O socialismo, di Madina, naceu “dun berro de indignación” e a socialdemocracia “nunca foi tan necesaria como agora” mentres o PP está “envolto na súa propia propaganda”. Na mesma liña o candidato do PSdeG, José Blanco, apelou a elixir entre “os recortes” ou “unha Europa onde o piar social sexa fundamental”, entre “afondar no sufrimento ou votarlle ao Partido Socialista”. “Non me vou xubilar ao Parlamento Europeo”, advertiu, porque “Galicia non pode perder máis oportunidades” e por iso ao PSOE lle toca “gañar”, vitoria na que tamén confía o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, nun “camiño de cambio” na UE, en Galicia e no Estado no que non precisan estar “mal acompañados” polo PP.

Vigo foi o lugar seleccionado polo BNG para aparcar a caravana electoral nun remate no que Ana Miranda reclamou que "todos os demócratas deste país se rebelen e voten este domingo polo BNG", o voto "que lles doe aos poderosos e aos que manexan este sistema" e, ademais, "un voto contra a troika e os recortes do PP e en favor da democracia e da liberdade de expresión. "Se o Bloque está, Galiza está", reiterou Miranda, como veu facendo ao longo de toda a campaña, nun contexto no que, di “votar aos grandes partidos” implica “votar aos grandes mangantes”. "Demos a cara contigo nas rúas contra os que rouban todo aquilo que che importa. Non te imos deixar tirado. Este domingo non quedes na casa. Rebélate", animou.

A candidata de AGE, Lidia Senra, que pasou parte do derradeiro día da campaña abordando a denuncia da "privatización dos servizos públicos" como exemplo "do mal emprego dos cartos" e do ataque aos dereitos sociais, tamén apela á participación tras unha campaña de "apagón informativo, tanto por parte dos grandes medios como pola decisión da Junta Electoral Central" de prohibir que a Eurocámara chamase ao voto. Nun mitin no coruñés Pazo da Ópera, no que Xosé Manuel Beiras augurou que o 25-M ha ser "o día das rosas para a esquerda social e o do loito para a troika", Senra amosouse convencida de que "podemos acadar a vitoria na loita pola dignidade" e non deixar que "os Cañetes nos devolvan ao tempo das catacumbas".

Dende Ourense o candidato de Compromiso por Galicia, Paulo Carlos López, considerou que o partido conseguiu ser durante a campaña "a forza política máis transparente e cercana á cidadanía", por iso "o domingo estou seguro de que seremos a forza galeguista á alza". CxG, di López, é "o partido da transparencia, da ética e da honestidade" e por iso apela ao voto "de todos os galeguistas, de todos os progresistas" e de "todas as persoas que aman o país".

Unha vez apagados os focos os cabezas de lista pasarán este sábado polo ritual das actividades máis ou menos públicas durante a xornada de reflexión. Millán Mon citou á prensa para amosar un paseo coa súa familia en Pontevedra. "Tanto José Blanco como José Ramón Gómez Besteiro aproveitarán o día para descansar e estar coas súas familias en Lugo", indica o PSdeG, que abonda en que o seu candidato lle dedicará parte do día á súa nai. A nacionalista Ana Miranda ten previsto aproveitar a xornada de reflexión para acudir ao Festival de Cans e Lidia Senra, de AGEe, ao seu posto de verdura na coruñesa Praza de Lugo. Paulo Carlos López, pola súa banda, dedicaralle parte da xornada a "traballar na súa empresa de comunicación".

Mitin de peche de campaña do PP © PPdeG
José Blanco CC-BY-NC-SA PSdeG
Miranda, no mitin de Vigo CC-BY-NC-SA BNG
Senra, no peche de campaña na Coruña CC-BY-NC-SA AGE
Peche de CxG, en Ourense CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.