AGE e BNG responsabilizan o PP da "baixa participación"

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Os primeiros resultados oficiais de escrutinio de voto das eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo comezarán a coñecerse a partir das 23 horas, pero as primeiras estimacións de participación apuntan a un mantemento dos elevados datos de abstención rexistrados nos comicios de 2009. A participación final roldará o 44%, unha cifra aceptable para o Partido Popular, "unha boa nova que lexitima o resultado", e todo o contrario para AGE e BNG, que nas súas primeiras manifestacións públicas, unha vez pechados os colexios electorais, culparon precisamente os populares desta "baixa participación". Pola súa banda, o PSdeG anunciou que denunciará "irregularidades" e "carretaxe de votos" ante a Xunta Electoral de Lugo.

Rueda amosou a "satisfacción" do seu partido por que a participación final se manteña nas cifras de 2009, e porque non se concrete a "baixada histórica" que auguraban algunhas enquisas

Alfonso Rueda, número dous do PPdeG, amosou a "satisfacción" do seu partido por que a participación final se manteña nas cifras de 2009, e porque non se concrete a "baixada histórica" que auguraban algunhas enquisas. "É unha boa nova que lexitima o resultado que se produza, sexa o que sexa", enfadiu Rueda.

Pola contra, Martiño Noriega, un dos coordinadores de campaña de AGE en Europa, lamentou "a baixa participación", que considerou “unha decepción e non deixa de ser un triunfo do sistema e, polo tanto, do bipartidismo, que durante toda a campaña evitou falar dos problemas reais e de como as políticas europeas afectan de xeito directo no día a día da cidadanía”. Noriega sinalou que "é preciso esperar a coñecer os datos do reconto" para comprobar se “a mobilización da esquerda consciente e agredida que si se percibiu nos diferentes actos organizados por AGEe consegue dar un golpe de morte ao bipartidismo e dar entrada a todos aqueles que estamos a ofrecer un modelo alternativo centrado nos dereitos das persoas”. 

De igual xeito, o secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, considerou que o Partido Popular e o PSOE teñen unha "responsabilidade política evidente" na baixa participación destas eleccións ao Parlamento Europeo, debido, en concreto os populares, a que estiveron "empeñados" en imprimir un "perfil baixo" á campaña. Lobeira destacou así mesmo que se pode "afirmar que o BNG gañou" debido ao labor da militancia durante as últimas semanas, á que recoñeceu "o seu traballo" fronte a un "intento de criminalización e silenciamiento" por parte dos medios de comunicación de titularidade pública.

O PSdeG "con toda seguridade" denunciará ante a Xunta Electoral irregularidades na provincia de Lugo

Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, anunciou que o PSdeG "con toda seguridade" denunciará ante a Xunta Electoral irregularidades na provincia de Lugo, onde supostamente apareceron sobres con papeletas do Partido Popular previamente introducidas no seu interios, así como "carretaxe de votos" en varios colexios.

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.