O apoio á Coroa e a Juan Carlos, en descenso durante anos

O rei de España, xunto a Mariano Rajoy © Goberno de España

27 de outubro de 2011. Ese día a Monarquía acadou o seu primeiro suspenso na valoración da cidadanía no barómetro do CIS, 4,89 puntos sobre dez, por debaixo dos medios de comunicación (4,97) ou do Exército (5,65). A valoración e o apoio á institución encarnada por Juan Carlos I levaba anos descendendo; por exemplo, en 1995 era a institución que máis confianza espertaba na poboación, cunha valoración de 7,4 puntos sobre dez, que foi descendendo nos anos seguintes (en 1998 era de 6,72 puntos), pero que se mantivera en niveis moi elevados até hai relativamente pouco.

A valoración e o apoio á institución encarnada por Juan Carlos I levaba anos descendendo; por exemplo, en 1995 era a institución que máis confianza espertaba na poboación, cunha valoración de 7,4 puntos sobre dez

A caída non se detivo aí. A confianza no rei aínda non tocara fondo, e no barómetro do CIS publicado o 3 de maio de 2013 a valoración descendía até os 3,68 puntos, unha redución de máis dun punto, a máis acusada de todas as institución sobre as que o CIS pregunta. Iso si, a Coroa seguía superando á Igrexa (3,56), o Poder Xudicial (3,52), o Goberno (2,42) e os partidos políticos (1,83). Nese barómetro, ademais, a Monarquía aparecía por vez primeira sinalada como un dos principais problemas do país, por diante da sanidade, as hipotecas, a reforma laboral, os nacionalismos ou a violencia machista, aínda que cunha porcentaxe de resposta espontánea baixa (0,9%)

O CIS non preguntou pola Monarquía nos barómetros seguintes á nota de 3,68, a pesar de que nese período coincidiron escándalos que afectaban directamente á institución, coma o Caso Nóos ou a imputación da Infanta Cristina

O CIS non preguntou pola Monarquía nos barómetros seguintes, a pesar de que nese período coincidiron escándalos que afectaban directamente á institución, coma o Caso Nóos ou a imputación da Infanta Cristina. Obviamente, esta omisión motivou as críticas das forzas políticas da esquerda. A pregunta sobre a confianza na Coroa regresou no último barómetro publicado polo CIS, difundido o pasado 6 de maio. Daquela, a súa nota elevouse en catro centésimas, até os 3,72 puntos.

Nese barómetro podía comprobarse ademais que a valoración da Monarquía era máis negativa canto máis novos e novas fosen as entrevistadas. Entre os e as menores de 35 anos, a nota da Coroa era inferior aos tres puntos (2,91 entre 18 e 24 anos; 2,80 entre 25 e 34). A valoración elevábase até os 3,24 puntos entre as persoas de 35-44 anos, e até os 3,67 entre as persoas de 45-54 anos. Aqueles e aquelas que contan entre 55 e 64 anos elevábana até os 4,16 puntos, e só entre os e as maiores de 65 anos a Monarquía acadaba un axustado aprobado: 5,03.

En función do recordo de voto nas eleccións xerais de 2011, eran os votantes do PP os que lle outorgaban á Coroa unha valoración máis alta (5,36), seguidos dos de UPyD (4,30) e PSOE (3,57). As valoracións de IU-ICV (2,2) e CiU (1,90) eran moi inferiores. En fución da autoubicación ideolóxica, a Monarquía acadaba unha mellor valoración entre os situados máis á dereita (valoracións ao redor do 6), e menor entre os situados no extremo esquerdo (valoracións por debaixo de 2).

Ademais do CIS, nos últimos meses publicáronse algunhas outras enquisas sobre a valoración da monarquía, que tamén constataban o forte descenso no apoio cidadán á institución e, sobre todo, á figura do rei Juan Carlos I. Unha das máis recentes é a que difundiu El Mundo en xaneiro. O xornal destacaba que "por vez primeira" a porcentaxe da poboación que apostaba pola opción monárquica de goberno non superaba o 50 por cento. En concreto, segundo a enquisa de Sigma Dos, o 49,9% dos españois e españolas prefería unha Monarquía como forma de Estado (catro puntos menos que o ano anterior), fronte a un 43,3% que a rexeitaba. O apoio á monarquía só era maioritario entre os e as votantes do PP (77,7%), mentres que os do PSOE se atopaban divididos (45,2% a favor, 47,9% en contra), o mesmo que os de UPyD (43,8% a favor, 44,5% en contra), e os de IU apostaban claramente pola República (84,7%).

Segundo a enquisa de Sigma Dos, o 49,9% dos españois e españolas prefería unha Monarquía como forma de Estado (catro puntos menos que o ano anterior), fronte a un 43,3% que a rexeitaba

A enquisa tamén amosaba unha demanda clara a Juan Carlos para que abdicase (62% a favor, 30,2% en contra), maioritaria nos votantes de todos os partidos (aínda que nos do PP apenas por un 49% fronte a un 46%), e máis importante nas xeracións máis novas (78,5% entre os menores de 30 anos). Tan só o 23% dos entrevistados pensaban que Juan Carlos podía "recuperar o prestixio da Monarquía" e a valoración xeral do seu reinado comezaba tamén a resentirse: o 41% consideraba que fora "boa" ou "moi boa", 9 puntos menos que un ano antes e 25 puntos menos que en 2012. A sondaxe preguntaba tamén se o príncipe Felipe sería capaz de recuperar ese "prestixio" perdido. O 56,6% dos entrevistados pensaban que si, con procentaxes máis importantes entre os votantes de PP (73,9%), PSOE (58,5%) e UPyD (53,8%).

O rei de España, xunto a Mariano Rajoy © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.