A Galicia republicana

Recortes da prensa galega de 1931 CC-BY-SA Praza Pública

Martes, 14 de abril de 1931. Dende primeiras horas da mañá circulan rumores de que a inestabilidade política e, sobre todo, os resultados das eleccións municipais ían levar o rei Alfonso XIII a renunciar á coroa de España. A medida que nova se vai estendendo "polas rúas e prazas nótase unha gran efervescencia, véndose numerosos grupos de persoas que circulaban pacificamente", dando "vivas á República". Esta é parte do relato co que un xornal da época daba conta do sucedido en varias cidades galegas coa chegada da II República española, unha etapa con tanta inestabilidade política e ameazas como esperanzas e ilusións pola banda da esquerda, do progresismo e tamén do galeguismo, algunhas das cales volven aflorar coa abdicación de Juan Carlos I.

Cabeceiras como o coruñés El Orzán explicaban ao día seguinte que a proclamación da República chegou en moitos lugares da man dos "funcionarios de Telégrafos", e por iso foron as oficinas de Correos as primeiras dependencias oficiais nas que ondeou a que ía ser bandeira do novo réxime político. No caso coruñés os concelleiros electos por organizacións republicanas accederon ao Pazo de María Pita para, antes de constituír a nova corporación, "romper o retrato do rei, substituíndoo no lugar que ocupaba por unha bandeira republicana". "No balcón -relataba o diario- izáronse as bandeiras republicana e a galega, despois de arrincar desta úitlma a coroa que formaba parte do escudo".

Algo semellante aconteceu en Lugo, onde o Comité Repúblicano emitiu unha nota informando dos acontecementos e apelando á "cordura, orde, sensatez, respecto ás ideas e ás persoas. Sexamos bos republicanos", reclamaba. No Concello lugués foi o médico Rafael de Vega, presidente do Comité, quen proclamou a II República. "Ás nove da noite izábase no Concello primeiramente a bandeira republicana e, a continuación, cubríase coa bandeira galega a coroa real que figuraba no escudo do seu frontispicio", contaba El Progreso. O discurso de De Vega foi "acollido con estrondosos aplausos e unha delirante ovación, que se prolongou bastante tempo, tocando a banda a Marsellesa e o Himno Galego".

O izado das "bandeiras republicana e galega" e a interpretación da Marsellesa e do himno galego repetíronse nas proclamacións

A música, a manifestación e as "bandeiras republicana e galega" foron tamén protagonistas da proclamación en Ourense, onde o retrato de Alfonso XIII foi "arrincado do salón de sesións", destruído e "guindado á rúa mentres a música tocaba A Marsellesa". Na capital ourensá o primeiro discurso foi o do presidente da Federación Republicana, Luís Fábrega, nuns actos ante os que "o comercio pechou as súas portas, déronse moitos vivas á República e disparáronse bombas. Mentres, en Vigo, "os republicanos e as claes obreiras" organizaron "unha manifestación que percorreu as principais rúas", ao remate da que soaron a Marsellesa e o Himno de Riego. En Ferrol, o retrato do rei no salón de sesións do Concello foi substituído polos de Concepción Arenal, Francisco Suárez e Pablo Iglesias.

Manifestación pola república en Vigo © http://federacion.republicanos.info/

A breve República galega

Estas non foron as únicas proclamacións republicanas en Galicia naquel 1931. Apenas dous meses despois, o 27 de xuño, chegou outra República aínda que só por unhas horas: a galega. A paralización das obras do ferrocarril entre Zamora e A Coruña deixaba sen traballo máis de dez mil persoas e impactaba con especial dureza na provincia de Ourense, onde foi ocupada a casa do Concello. Dous días máis tarde, o 29, o presidente da Xunta Revolucionaria, Antón Alonso Ríos, apelaba na Alameda de Compostlea a "facer a nosa revolución por riba de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falla, cariñosamente a Portugal.

En xuño de 1931 proclamouse a República galega, que durou unhas horas

Segundo relatou daquela o xornal El Pueblo Gallego ao rematar este mitin "formouse unha manifestación imponente" que se dirixiu á casa consistorial. Unha vez alí os manifestantes "izaron a bandeira branca e azul no edificio, proclamándose o Estado galego" e dimitindo inmediatamente "todas as autoridades". A revolta, impulsada esencialmente por galeguistas e organizacións obreiras, rematou cando o Goberno central cedeu e accedeu a reiniciar as obras. Dende hai uns anos este episodio da historia do país reivindícase con diversos actos.

Celebración da festa da República galega no antigo apeadeiro de Ordes © Festa da República Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.