Sábado republicano en Galicia

Concentración tras a abdicación do rei en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Non será unha soa, pero serán. Múltiples convocatorias chaman este sábado a cidadanía á mobilización a prol da República ou, máis simplemente, pola esixencia de que se abran as urnas para determinar o vieiro polo que debe transcorrer o futuro político tras a renuncia de Juan Carlos I á Coroa de España. As dúas xuntanzas mantidas nos últimos días por representantes de Anova, EU, CxG, Espazo Ecosocialista, Nós-UP, Causa Galiza e PCPG convocados polo BNG non derivaron nun calendario único de mobilizacións o que non impedirá, en todo caso, que si se celebren actos cívicos ao longo dos próximos días, a comezar por este sábado.

A primeira convocatoria é a do propio Bloque, que chama a rodear simbolicamente o Parlamento ás 12 da mañá co obxectivo de reclamar "un novo proceso constituínte no que se recoñeza o dereito das nacións a decidir". "Non podemos caer na simplificación que fan sectores da dereita e da esquerda españolas, reducindo o dilema a un referendo sobre monarquía ou república", di o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, que lamenta a falta de acordo entre as "forzas políticas que operan en Galiza" e "cuestionan o actual marco constitucional". Ese pacto non chegou, di, "polo obstrucionismo de Esquerda Unida, que tiña como única prioridade a dinámica estatal de IU e só asumía como lema o lanzado polo seu holding desde Madrid e pola actitude seguidista de Anova". Así e todo, afirma, o BNG "non renuncia a que poida acadarse unha ampla convocatoria unitaria a nivel galego".

O BNG reclama un "proceso constituínte no que se recoñeza o dereito das nacións a decidir"

Neste escenario, ademais de chamar a sumarse ao seu propio calendario de mobilizacións o Bloque sinala que tamén vai participar nas manifestacións convocadas pola tarde "acompañado a cidadanía" que participe nelas. Nesas mobilizacións é nas que animan a participar, entre outras forzas, dende Anova, que as enmarca no escenario aberto tras as eleccións europeas do 25 de maio. "A persoas que nestes momentos aspira a reinar enfróntase a unha inmensa crise de lexitimidade que non poderá superar", di a formación que lidera Xosé Manuel Beiras a través dun comunicado no que, ante un "réxime moribundo", expresa a súa aposta por "seguir traballando por unha fronte democrática e popular, tanto en Galiza coma no Estado español e en Europa, para a creba democrática e para un proceso constituínte en todos os niveis".

Anova: "Non son as siglas, é o pobo quen ten que protagonizar o proceso constituínte"

Esa "fronte popular", di Anova, debe ter o seu "eixo de rotación" nos "procesos que van emerxendo no seo da cidadanía". "É este pobo consciente o que debe pilotar o proceso e nós, as organizacións partidarias, acompañar, facilitar, colaborar e ofrecer o noso traballar polo ben común en igualdade", xa que "só así se constrúe a República". Nesta liña, apela "ao pobo galego" a participar en "todas as expresións colectivas de defensa da democracia, do dereito a decidir e, ao cabo, do benestar da maioría socail", a comezar polas "convocatorias múltiples destes sábado". "Non son as siglas, é o pobo quen ten que protagonizar o proceso constituínte", agregan.

EU chama á "construción democrática dun Estado que respecte a vontade dos pobos"

O chamamento á mobilización chega tamén dende Esquerda Unida, que se suma ás reclamacións das concentracións e marchas "convocadas en todo o Estado". "O 70% da poboación non votou esta Constitución española, que muda segundo o interese do bipartidismo que nos goberna baixo as directrices do secuestro de dereitos", argumentan. Por este motivo, din, ten que ser "o pobo quen decida en referendo que modelo de Estado quere, Monarquía ou República" e abrir "un proceso constituínte". "É a hora de que o pobo fale e recupere a soberanía" para "iniciar un proceso que permita a construción democrática dun Estado que respecte a vontade dos pobos", conclúen.

Cartaz da manifestación do sábado pola tarde en Compostela Dominio Público Praza Pública
Convocatoria do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.