Feijóo, exasperado, dispara contra todos tras o colapso de Santiago

Feijóo, nun intre do pleno © Xoán Crespo

Berros por todas as bandas, insultos, golpes nos taboleiros, unha conselleira cualificando de "vómitos" as verbas dunha voceira da oposición antes de encararse con ela ou a presidenta véndose obrigada a forzar a retirada de palabras do titular da Xunta. Foron algúns dos ingredientes que marcaron este mércores a sesión de control ao presidente do Goberno galego quen, visiblemente exasperado, fixo fronte ás preguntas sobre o colapso do Concello de Santiago rebuscando nos problemas presentes ou pasados ligados dalgún xeito coas forzas da oposición para equiparalos co inefable episodio político iniciado en 2011 pola vitoria electoral de Gerardo Conde Roa.

PSdeG, AGE e BNG acudiron ao Parlamento pola, en verbas do socialista José Luis Méndez Romeu "ruína sen precedentes na que se atopa o Concello de Santiago", tamén tras o último capítulo de remuda do alcalde, Ángel Currás, polo conselleiro Agustín Hernández. "Deixou apodrecer a situación ata que o fedor deixou a todos sen respiración", acusou o nacionalista Francisco Jorquera, nun contexto no que a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, ve a cidadanía "farta" de corrupción e ao presidente, "responsable" de todo o acontecido en Compostela, a comezar polo nomeamento de Conde Roa. Todos pedían responsabilidades cara á banda de fronte e o presidente, o que máis.

Feijóo centrou as respostas en esixir as dimisións dos alcaldes de Lugo e Ourense

Como xa acontecera noutras ocasións, Feijóo saltou á cancha decidido a tentar facer esquecer o vivido na capital lanzando acusacións por aspersión e colocando o foco no resto de forzas políticas, especialmente no PSdeG e no Bloque, aos que reta a "dar a cara" como, asegura, el fixo en Compostela e propiciar o cesamento dos alcaldes de Lugo e Ourense, "imputados varias veces". Dende o convencemento de que os sete edís composteláns condenados por prevaricación non son "ningúns delincuentes" o líder da dereita repróchalles aos demais grupos as imputacións xudiciais que hai poucos días non eran para el mesmo motivo dabondo para dimitir. A do PP, defende, é "unha política limpa".

O presidente di non escudarse en "miserias" alleas, aínda que busca problemas do resto de forzas en Ames, Ribeira, Vilalba ou Andalucía

Coa lama impregnando o debate dende o inicio só restaba guindala ao adversario e, nestas condicións, Feijóo decidiu rebuscar nas mesmas "miserias" alleas nas que, afirma, non se vai "escudar". Un concelleiro non electo do PSdeG en Ames ou edís do BNG en Ribeira e Vilalba que tampouco ían na lista. O pagamento do avogado a un edil do Bloque de Monforte por parte do Concello e o omnipresente caso dos ERE en Andalucía serviron para alimentar as respostas presidenciais nun debate que se instalou definitivamente na liorta cando Díaz subliñou que a maior "diferenza" entre os populares e Alternativa "é que eu non teño amigos narcotraficantes e vostede, si". "Os galegos poden coñecer en directo a súa calaña política", retrucou Feijóo, expresión aplaudida con fervor dende as bancadas do Goberno e do PP pero retirada pola presidenta, Pilar Rojo, novamente sobrepasada.

A oposición queda sen saber se "vai facer algo para impedir que se repitan estes sucesos"

Entre acusacións de "transfuguismo" a AGE e reclamacións de dimisión a PSdeG e BNG o presidente dá por "garantida a gobernabilidade" en Santiago cun alcalde, Agustín Hernández que, destaca, foi "membro da lista" do PP en 2011. A oposición queda sen saber se, como preguntou Romeu, "vai facer algo para impedir que se repitan estes sucesos", ou se, pola contra, ironiza Díaz, vai reclamar "que lle poñamos unha medalla" polo xeito en que pechou o conflito. En todo caso, ironiza Jorquera, mentres Feijóo lle segue "desputando a Houdini a condición de mellor escapista da historia" convídao a "rexistrar unha pregunta" para a oposición "e respondereille". Tamén lle fai outro convite: "volva ver o vídeo electoral do PP de Santiago nas pasadas eleccións", anuncio que, ao seu xuízo, foi tornado en "premonición" polos acontecementos que viñeron despois.

Feijóo, nun intre do pleno © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.