0 Gardados para despois

A Xunta xustifica o novo copagamento: os pensionistas toman demasiada medicación

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os maiores de 65 anos precisan máis medicamentos. A conselleira de Sanidade acudía este martes ao Parlamento para facer balance da aplicación do catálogo priorizado de medicamentos de Galicia, pero o novo repagamento sanitario, oficializado na mesma xornada polo Goberno central, condicionou o guión do debate e tamén o da  propia intervención de Rocío Mosquera, que se esforzou en defender o proxecto do gabinete de Mariano Rajoy e rematou quentando aínda máis o sensible debate do futuro dos servizos públicos de saúde. Segundo a máxima responsable da sanidade pública galega o copagamento "disuasorio" é "imprescindible". Esencialmente, porque a cidadanía consome demasiadas menciñas e os pensionistas, máis. Ata o punto de acumularen "auténticos almacéns" de produtos sanitarios nas súas casas.

Malia asegurar que o catálogo galego de medicamentos logrou "conter o gasto farmacéutico" e deixalo en niveis de 2009 Mosquera aínda cre que os pensionistas acoden á farmacia máis do que deberan. Con todo, no canto de afirmalo explicitamente, a conselleira bota man da estatística que analiza cantos dos doentes aos que os médicos lles receitan un fármaco fan caso desa prescrición e acoden á farmacia a retiralo. No caso das persoas "activas", isto é, as non xubiladas, "só o 70%" seguen a recomendación médica e recollen a medicación. Pero os pensionistas, ou o que é o mesmo, os maiores de 65 anos, "retiran o 83%" das receitas que lles prescriben. "Están a retirar moitos máis fármacos os pensionistas que os activos", constata a conselleira. Na súa opinión, a cantidade de fármacos que consomen "debería ser a mesma que a dos activos", de aí a bondade do novo copagamento.

A conselleira atribúelles aos doentes "auténticos almacéns" de medicamentos e di que os pensionistas deben consomer o mesmo que os novos

A implícita acusación de abuso de medicamentos dirixida aos pensionistas é o argumento que Mosquera emprega como base para definir como "imprescindibles" os "cambios estruturais" que chegan dende Madrid. Son a única vía para "manter o sistema sanitario, que segue sendo eficiente", pero cómpre analizar "se o podemos pagar tal e como está". Por iso ve necesario non só o novo copagamento de fármacos, senón tamén o resto de cambios publicados polo Goberno central no BOE deste martes, tales como a confirmación de que a os pacientes tamén terán que facer achegas económicas adicionais nos servizos ortoprotésicos e dietéticos ou nas ambulancias non urxentes.

Para a oposición os argumentos da conselleira son, simplemente, "surrealistas". Porque "surrealista" é, en opinión da nacionalista Ana Luisa Bouza, "eliminar a gratuidade" e dicir que con isto "se garante unha sanidade universal e gratuíta". "Parece unha broma se non fose terrible", di a deputada do BNG, xa que o "incumprimento" da "promesa de blindaxe" trae consigo un gravame para os pensionistas "sen achegar ningunha medida de control da prescrición" por parte dos facultativos. Ademais, este novo "repagamento" supón "unha inxerencia competencial inaceptable para este Parlamento". "Que estarían a dicir se estas medidas as implantase un Goberno que non fose da súa cor?", cuestiona Bouza. A conselleira tampouco convenceu o voceiro do PSdeG, Modesto Pose, convencido de que a única intención do PP, tanto dende Santiago como dende Madrid, é "minar" os sistema sanitario do conxunto do Estado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A CIG alerta dunha "invasión de competencias" en materia sanitaria

"Impóñense medidas sobre materias que son de competencia exclusiva da Xunta". A CIG Saúde instou este martes o Goberno galego a non aceptar a "imposición" do real decreto que modifica o sistema de repagamento farmacéutico no conxunto do Estado. Ademais de censurar o propio contido da medida a central sindical nacionalista lembra o establecemento deste novo copagamento supón unha "invasión de competencias" que vén "conculcar o propio estatuto de Autonomía".

Neste sentido, a CIG explica que se ten dirixido por carta á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e á directora de Recursos Humanos do Sergas, Esperanza Fernández, para expoñerlle a súa posición. A resposta foi un correo electrónico de Fernández, no que a alto cargo indica "que xa estamos analizando as citadas medidas no seu conxunto e, dun xeito específico, as que teñen repercusión na área de recursos humanos e sexan susceptíbeis de tratamento na mesa sectorial".

Así, o sindicato deduce que a consellería "nin sequera tiña coñecemento das medidas que se ditan dende Madrid" e, unha vez coñecidas, "se acatan sen oposición de ningún tipo". "Non entendemos que se adopte unha postura de submisión absoluta aos ditados do goberno central e se faga deixadez de funcións no que respecta ás competencias que, en sanidade ten a Xunta", di a CIG, que censura que o Goberno galego se converta en "monicreque" do central.

CC.OO. denuncia que os sectores máis desfavorecidos fican excluídos da asistencia

Comisións Obreiras denuncia que o decreto "estende o copagamento sanitario a toda a cidadaniá, exclúe da asistencia os sectores máis desfavorecidos e afasta a poboación do dereito á sanidade". No que atinxe ás persoas de orixe estranxeira, a Federación de Sanidade de CC OO de Galicia denuncia a que aquelas cunha situación económica precaria, vítimas da trata de persoas ou aquelas que chegan ao noso país fuxindo de fames e guerras ficarán sen asistencia, agás que precisen tratamento urxente.

Isto será así debido aos requisitos que se lles esixen para a atención, denuncia o sindicato. CC OO alerta de que a medida pode implicar problemas de saúde pública, xa que ao se restrinxir a atención ás situacións graves, podería haber casos de patoloxías como a tuberculose —endémica en moitos países— que se convertesen precisamente en "graves" e se estendesen precisamente pola falta de control ao respecto.

A secretaria xeral da Federación de Sanidade de CC OO de Galicia, Lola González, denuncia que a carteira común de servizos no Estado español, subdividida en básica, complementaria e suplementaria, será "revisada, homoxeneizada e repagada por todos", denuncia. Por exemplo, o transporte sanitario non urxente terá que ser pagado coa nova fórmula de pagamento dos medicamentos. 

No que atinxe á carteira complementaria, será a cargo dos orzamentos de cada comunidade autónoma, non dos estatais, segundo CC.OO. É o caso dos servizos ambulatorios e con aportación do usuario ou usuaria, tales como farmacia, ortoprótese e ditética.