0 Gardados para despois

Pachi Vázquez: "Temos moi próximas as eleccións galegas"

Redacción | @prazapublica

Minutos despois do anuncio de que Alfredo Pérez Rubalcaba se convertía no secretario xeral do PSOE, o secretario xeral del PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, lanzou unha mensaxe de unidade, expresando a súa satisfacción polo resultado, aínda que salientando que "o enorgullecía a candidatura de Carme Chacón", e que “o bo sería que agora todos rememos na mesma dirección".

Vázquez salientou que “temos que abrir o partido, renovar o modelo, incrementar a participación, temos que facer os deberes”, de cara ás eleccións autonómicas de Andalucía e Asturias, mais tamén "a outras eleccións que se están cocendo, en Galicia". O líder dos socialistas galegos afirmou que “todas as mañás que o goberno galego ve que cae o sistema financeiro, que cae o plan eólico, que cae o plan de acuicultura, temos moi próximas unhas eleccións galegas”. 

De cara á conformación da executiva federal do partido, da que espera formar parte -"queda unha longa noite de conversas", dixo-, fixo fincapé en que no PSOE "temos unha gran cultura de incorporación. Hai que recordar que Rubalcaba non votara a Zapatero e aí estaba. E en Galicia o mesmo, dáme igual: delegados de un, delegados de outra. Somos do mesmo partido e tentaremos chegar a esa executiva poñendo os mellores homes e mulleres que poidamos”. En concreto, Vázquez afirmou que se sente "orgulloso" de Francisco Caamaño, "porque eu cando vexo un socialista galego que ten protagonismo, dándoo todo en boa lid, síntome orgulloso".

"Hai unhas eleccións cocéndose en Galicia"

"No PSOE temos unha gran cultura de incorporación"

"Síntome orgulloso de Francisco Caamaño"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.