0 Gardados para despois

A Mineira de Corcoesto revíraselle á Xunta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A única persoa que figura na portada do sitio web de Edgewater, a empresa mineira canadense que aspira a explotar os xacementos auríferos de Corcoesto, é Alberto Núñez Feijóo. "O Goberno galego apoia o proxecto de ouro de Corcoesto", di a compañía para presentar un vídeo con declaracións do presidente a prol do proxecto empresarial. Son palabras da época na que a relación entre o Executivo autonómico -e o PP- e a empresa eran fluídas, incluíndo intercambios de eloxios, ceas e parabéns electorais. Pero esta lúa de mel galego-canadense rematou cando, o pasado marzo, a Xunta deu en frear o proxecto apoiándose en motivos económicos. A postura pública de Edgewater é que "segue traballando co Goberno para desbloquear o potencial do proxecto aurífero". Pero mentres di isto desenvolve unha intensa batalla legal e mediática contra a Xunta.

O inicio da batalla xudicial foi anunciada pola propia Edgewater a través da súa filial galega, Mineira de Corcoesto, xusto despois do veto gobernamental. Co entusiasmo do alcalde de Cabana, José Muíño (PP), contrario á esixencia de maior solvencia financeira por ser un "cambio das regras de xogo", a empresa lanzouse á busca de socios ao tempo que lembraba que a declaración de impacto ambiental da mina está vixente ata 2017. Paralelamente presentou un recurso contra a decisión da Xunta que incluía unha carga política de profundidade: a transcrición dunha conversa atribuída ao director do Igape, Javier Aguilera, segundo a cal o alto cargo de Economía e Industria chegou a "avalar" o proxecto ante potenciais investidores sen sequera "coñecelo".

A compañía revelou conversas con cargos da Xunta e amaga cunha demanda de 20 millóns de euros

Quen era socio pasou a ser inimigo e Edgewater acusa abertamente o gabinete de Alberto Núñez Feijóo de realizar prácticas "discriminatorias". Sempre segundo a empresa "todo o contido da esixencia económica" que non é quen de cumprir "sae da moral do director do Igape e do que el considera, admitindo que é "fodido" e discutible, pero como el é quen informa, pois pon o que quere". Os avogados da transnacional coidan que á paralización da mina lle "falta unha fundamentación xurídica razoable distinta da vontade do seu autor". Por iso, segundo ese mesmo recurso, no caso de non lograr os seus obxectivos mesmo darían en demandar o Executivo para reclamarlle uns 20 millóns de euros, cantidade que tería gastada en realizar estudos e sondaxes en Corcoesto.

Salvemos Cabana censura o "ataque" á Xunta

Mentres a iniciativa que contribuíu a inchar ameaza agora os intereses do Goberno galego e, por extensión, do erario, un dos colectivos máis activos contra a megaminaría, Salvemos Cabana, censura o "ataque" de Edgewater á Xunta e o seu duplo discurso, toda vez que mentres asegura "seguir traballando" co Executivo "ameaza sen paliativos en Galicia con demandar á Xunta". A multinacional mineira, di a plataforma "ataca de maneira flagrante a independencia da decisión tomada de xeito soberano polo Goberno galego".

"A suposta compensación patrimonial que demanda a empresa non ten cabida de ningún tipo, ao non ter cumprido coas esixencias administrativas"

A xuízo de Salvemos Cabana Edgewater semella querer esquecer "que a Xunta lle esixiu multiplicar por 60 os fondos propios, garantindo que podía acometer o 25% do investimento prometido", isto é, algo máis de 100 millóns de euros. O que "non fixo posibles as condicións esixidas" é a "demostrada insolvencia económica da mineira", nun contexto no que Salvemos Cabana ve evidentes as "carencias financeiras da transnacional canadense e da súa filial galega". "A mineira equivócase ao afirmar que se quebrantou o principio de confianza lexítima", abonda o colectivo cidadán, que achama a recordar que "a anulación foi froito do incumprimento dos requisitos" técnicos e financeiros e que "non cabe recurso ao tratarse dunha resolución definitiva e irrevogable". "A suposta compensación patrimonial que demanda a empresa non ten cabida de ningún tipo, ao non ter cumprido coas esixencias administrativas", sinala.

Salvemos Cabana encadra os últimos movemntos de Edgewater nun contexto no que, durante os últimos anos, a situación económica global "fomentou unha situación de burbulla que permitiu que o ouro fose visto como un activo financeiro de referencia", propiciando "un aumento desproporcionado do seu valor" ata o punto de facer "atractiva a nivel económica a reapertura de antigos filóns de moi baixo rendemento", como Corcoesto. "Á vista dos feitos e tras un exame detido do proxecto Salvemos Cabana xa alertou do fin meramente especulativo do proxecto de Edgewater" cuxo "maior obxectivo", afirman, non era outro que "o beneficio dun pequeno grupo de investidores a cambio duns impactos totalmente inasumibles para a comarca de Bergantiños".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.