"O tempo dirá se acertamos ou se isto é un fracaso histórico"

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Merixo

"O tempo dirá se acertamos ou se isto é un fracaso histórico". Deste xeito define o irmandiño Martiño Noriega a amplitude do horizonte que teñen diante de si os colectivos implicados na construción do que se está a dar en chamar "novo proxecto común". Tres días despois de que Máis Galiza, Acción Galega, Espazo Ecogaleguista e o propio Encontro Irmandiño emitisen un comunicado conxunto anunciando a súa intención de "construír unha organización política" un coloquio organizado en Compostela polo Movemento Estudantil Universitario reuniu por primeira vez en público a representantes destes catro grupos. No patio de butacas do salón de graos da Facultade de Políticas os interrogantes eran diversos aínda que é posible sintetizalos en dous: como de ancho pode ser o espectro ideolóxico que acolla esa eventual alianza e de que xeito se organizará. Ou o que é o mesmo, por onde transitan os dous "obradoiros de ideas" que veñen de poñer en marcha mentres, paralelamente, funcionan asembleas e "grupos de base" en diferentes puntos do país.

Cuiña subliña que concorda "cunha altísima porcentaxe" do ideario dos outros tres grupos participantes

O proxecto xa se está a mover aínda que, como acontece coas carrilanas de Esteiro, ilustra Noriega, aínda non é posible coñecer o desenlace. "Corremos o risco de reiterar erros, de reincidir na diagnose ou de administrar os mesmos tratamentos", polo que "cómpre entender que o que temos por diante nos obriga a unha nova maneira de ser e relacionarse". Dende o público reclamouse concreción e quizais un dos máis concretos foi o debutante nestes actos públicos, Rafa Cuiña, quen tamén foi un dos blancos de maiores curiosidades e receos, en función dos interviñentes. En representación de Acción Galega, colectivo constituído en partido o pasado día 12 e cuxa "líder", especifica, é Teresa Táboas, Cuiña amósase confiado en que as "reunións e conversas para sacar adiante unha alternativa ás políticas actuais, tanto ao actual Goberno galego como á oposición" cheguen a bo porto. Na súa opinión, o proceso cristalizará se se apoia "en catro patas": a "xenerosidade" que deixe de lado os "egos", construción "dea baixo cara a arriba", "humildade" e "Galicia como común denominador", algo "básico como galeguistas, nacionalistas", di. Ao tempo, Cuiña explica "que pode pintar" na nova posible nova organización alguén a quen lle di que "tiña que ser un facha e un cacique". "Non me considero un facha e non teño nada que ver cunha concepción caciquil da política, que sempre rexeitei", afirma. El, di, concorda "cunha altísima porcentaxe" dos principios defendidos polos outros relatores en ámbitos como "a defensa do sector público, da sanidade pública" ou o rexeitamento "ao que está pasando co copagamento" ou unha suba das taxas universitarias que, di, deberan ter "as rúas incendiadas".

Na liña de lograr un "acordo de mínimos" expresada por Cuiña concorda tamén o secretario xeral de Máis Galiza, Xoán Bascuas. "Se somos quen de atopar un fío argumental, ninguén terá que renunciar a nada", di, dende unha aposta por que a estrutura que saia destas negociacións e asembleas sexa algo semellante ao dun "partido nacional", ao xeito por exemplo do Scotish National Party. Dende o seu punto de vista ese modelo pode permitir unha "habitación ideolóxica" de "amplo espectro" no que o "fío" de unión pase por elementos como a "defensa do Estado do Benestar" e que, na cuestión identitaria, abranga dende a "aceptación do marco autonómico" ata a  quen aposta "pola república independente galega". Na cuestión puramente organizativa Bascuas ve o proceso encamiñado "cara a un modelo de unidade orgánica", se ben advirte de que "o primeiro para o que temos que estar preparados, para ben ou para mal, é para o vindeiro proceso electoral". "Non digo que sexa o máis transcendente, pero si o máis inmediato".

Bascuas: "Temos que estar preparados para as eleccións, non é o máis transcendente pero si o máis inmediato"

Con ese proceso de "dúas velocidades" concorda tamén Xoán Hermida, representante dos Ecogaleguistas no coloquio. Trátase, di, de definir "como nos presentamos ás eleccións, para que a xente poida elixir unha alternativa" ás actuais tres formacións parlamentarias, mentres se estrutura "un proxecto común de futuro". Dende o rexeitamento a ver "en clave conspirativa" a confluencia de quen "aparentemente non é tan próximo politicamente" Hermida interpreta que en Galicia colle unha formación na que "colla o máximo número de xente posible", situada "na defensa do ben común" que acolla a quen se sitúe "dende a esquerda progresista" ata "a esquerda máis tradicional" e, "no eixo nacional", que "colla dende o galeguismo político ata os sectores soberanistas". Con moito aínda "por definir" a súa aspiración pasa non tanto por atraer "os sectores do BNG que marcharon" senón "a xente desafecta da política" que vaia "confluíndo". Un modelo posible pode ser, por exemplo, di, o de Compromís, "que naceu como coalición e hoxe estase convertendo nun partido a punto de darlle o sorpasso ao Partido Socialista" en Valencia.

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.