0 Gardados para despois

Feijóo aférrase á Constitución para negarse a vetar o copagamento farmacéutico

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Non é certo que os pensionistas vaian pagar os medicamentos. O 87% dos pensionistas galegos pagarán como máximo 8 euros". O Ministerio de Sanidade sementou a leira durante a última semana coa súa reforma sanitaria e o presidente da Xunta recolleu deste xeito este mércores a intensa controversia creada pola reforma do copagagamento farmacéutico e a introdución do repagamento en prestacións sanitarias como a ortopedia ou o transporte sanitario non urxente. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, e a voceira do BNG, Ana Pontón, trasladaronlle a Alberto Núñez Feijóo a mesma esixencia durante a sesión parlamentaria de control. "Rexeite a condena a enfermos e pensionistas", reclamou o socialista, "néguese a aplicar os recortes que van xerar desigualdade e pobreza", esixiu a nacionalista. Pero, como era de agardar e alén da estratexia dialéctica o xefe do Goberno galego ratificou que a nova taxa se implantará en Galicia e alega unha razón: o cumprimento da Constitución.

Os grupos da oposición propuxéronlle dúas vías ao presidente para frear a reforma. O líder do PSdeG faino a través dunha proposición de lei para "blindar os servizos públicos básicos", cuxo texto lle entregou na propia sesión á presidenta da Cámara para facerlla chegar ao Feijóo. Esencialmente, a iniciativa socialista rexeita que a crise "sirva de pretexto" para que as "prestacións esenciais sufran consecuencias irreparables" e compromete a Xunta a investir cada ano en servizos sanitarios e educativos fondos dabondo para acadar en oito anos as medias europeas en ambos ámbitos, garantindo en todo caso a "natureza e titularidade pública" e garantindo ademais que se cumpriría a Lei de Estabilidade -que obriga a equilibrar ingresos e gastos-. Trátase, di Vázquez, de evitar "unha dobre inxustiza", que "paguen todos os pensionistas, todos os que enferman", puntualízalle ao presidente, e que o fagan, no caso galego, os pensionistas cos subsidios máis baixos do Estado. Para o BNG o camiño do veto ao copagamento debe comezar por recorrer ante o Tribunal Constitucional o Real Decreto que o ordena, xa que "lamina as competencias galegas". O presidente, di Ana Pontón, non pode limitarse a actuar "como delegado do PP". 

Feijóo: "Non é certo que os pensionistas vaian pagar os medicamentos; o 87% dos pensionistas pagarán como máximo 8 euros"

Segundo Feijóo unha e outra proposta son, simplemente, "anticonstitucionais", porque implicarían "incumprir lexislación básica do Estado". En medio das xa habituais críticas ao Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero por "falsear as contas públicas" o líder popular apela á "responsabilidade" da oposición porque o Goberno central está a "pagar o que deixou a deber" o PSOE. Isto, di, faino con medidas "dolorosas" pero "rigorosas" e que ademais só lle piden "un esforzo" aos "pensionistas con maior renda -pagarán todos os que gañen máis de 18.000 euros ao ano-" para que "poidan seguir indo ao médico gratis, para que poidan ir a un hospital gratis".

"Non é de recibo a frivolidade que demostra nun asunto tan relevante", censurou Ana Pontón. "A sanidade non é gratis, págana os cidadáns cos seus impostos", lembra a nacionalista, quen ademais esixe a convocatoria dun pleno extraordinario no Parlamento para abordar o recorte sanitario. "Isto non é neutral, significa unha política para xustificar o desmantelamento do Estado do Benestar", afirma, ademais de amosarse convencida de que "é falso" que a Xunta "teña que aplicar" o recargo farmacéutico a "quen non pode chegar a fin de mes". "Ten fórmulas para non ter que aplicalo, porque son competencias propias e podemos paralizar esta cuestión", di.

As vías para evitar o novo copagamento

Ramón Veras: "Feijóo pode dicir que aquí é doutro xeito e que os medicamentos os vai pagar a comunidade autónoma"

Pero, alén dos reproches ao PSdeG pola vía da lembranza de Zapatero e ao BNG pola política sanitaria de CiU en Catalunya -"se eu fose nacionalista ao mellor estaría poñendo un euro por receita como poñen os seus socios", razoa o presidente-, e máis alá tamén das dúas vías propostas por socialistas e nacionalistas para evitar o recorte, na propia mañá deste mércores a Xunta recibía unha proposta adicional, lanzada pola plataforma SOS Sanidade Pública e que en ningún caso colisionaría coa Constitución nin con ningunha outra norma do Estado ou de Galicia. Nunha rolda de prensa conxunta das responsables de sanidade de PSdeG e BNG con membros do colectivo o seu voceiro, Ramón Veras, detallou o xeito en que Feijóo "pode dicir que aquí é doutro xeito". Simplemente, anunciando que "os pensionistas non van pagar" porque o 10% dos medicamentos que lles cobra o Estado "os vai pagar a comunidade autónoma".

Pero "polo visto, non vai actuar", lamenta tras presenciar a sesión de control parlamentario, aínda que a reforma do Ministerio supoña unha "invasión de competencias" que non só trae consigo o copagamento sanitario, senón un pagamento "sen límites" en servizos como a dotación de "cadeiras, bastóns e próteses" para persoas maiores. En opinión de Veras o presidente "toma por parvos" o conxunto da cidadanía afirmando que a sanidade "é gratuíta" ou que "non se lles cobra" aos pensionistas. "Os que non van pagar -lamenta- son os que defraudan" a Facenda.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Os xubilados galegos non toman cafés"

 Minutos despois de que PSdeG e BNG lle esixisen ao presidente durante a sesión de control que non aplique o recorte sanitario representantes da plataforma SOS Sanidade Pública, que seguiron a sesión como convidados, fixeron o propio no propio Parlamento. No segundo acto da lexislatura auspiciado conxuntamente por socialistas e nacionalistas -o primeiro foi o rexeitamento á lei antiabortista impulsada polo Foro Español de la Familia- o colectivo presentou o escrito co que emprazou formalmente a Alberto Núñez Feijóo a vetar o novo copagamento. "A Feijóo pedímoslle que non sexa tan obediente e a Rajoy, que non mire tanto os mercados e máis á cidadanía", resume o voceiro de SOS Sanidade, Ramón Veras, nun contexto no que o Goberno central vén de "atentar contra a universalidade da sanidade pública".

A entrega deste escrito forma parte dun conxunto de accións que inclúen a tamén a elaboración dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) a prol da sanidade pública que xa leva recollidas máis do dobre das 15.000 sinaturas que esixe a lei e a convocatoria dunha manifestación en Santiago para o vindeiro 3 de xuño. Trátase, explican, de apelar á "mobilización social" nun contexto no que os representantes de SOS Sanidade -plataforma apoiada polos tres sindicatos maioritarios e outros grupos- se amosan especialmente preocupados pola repercusión dos recortes no peto dos pensionistas galegos, os que reciben as prestacións máis baixas do Estado.

Neste sentido, explican que o límite de copagamento anunciado polo Ministerio -8 euros ao mes para as pensións de menos de 18.000 euros ao ano e 18 para o resto- non se aplicará no momento das compras de menciñas. Todos os pensionistas, lembran, terán que achegar o 10% de todas os medicamentos que consoman e será seis meses despois cando se lles reintegre a diferenza. Isto, detallan dende a plataforma, implica que por exemplo un doente que precise un broncodilatador, que ademais "padeza do corazón, teña hipertensión e sexa diabético" teña que deixar na farmacia "entre 50 e 60 euros". 

Estas achegas, aínda que despois poida existir devolución, supoñen para o colectivo unha nova "fenda social". "Volveremos á beneficencia", di Lola González, de CC.OO., que prevé un escenario con máis persoas maiores "soas" e enfermas nas súas casas por "medo" a non poder pagar. "É unha lei vengativa", di Javier Martínez, de UGT que ademais, engade María Xosé Abuín, da CIG, afecta especialmente ás mulleres e "criminaliza" a poboación inmigrante.

Ramón Veras: "Que Feijóo non sexa tan obediente"

CC BY-SA Praza Pública

O pleno da Deputación luguesa pide derrogar "o medicamentazo"

O pleno da Deputación de Lugo acordou este mércores transmitirlle formalmente aos Gobernos galego e central unha petición de "derrogación do medicamentazo". Cos votos en contra do PP, que apela a "apertar o cinto", socialistas e nacionalistas déronlle luz verde a un acordo que, especifica o voceiro do PSdeG, Manuel Martínez, chega pouco despois de que "antes das eleccións xerais", os conservadores lles dixesen á cidadanía "que non ía haber copagametno sanitario, e agora hai repagamento, que non ía haber recortes en políticas sociais nin suba de impostos, pero fixéronos". "Hoxe o problema non está en ter que tomar medidas para saír da crise senón no labor dos Gobernos do PP e na súa ideloxía de dereita coa que están a machacar os que menos recursos teñen e a enganar á xente deste país”, censura.

Na mesma liña, dende o BNG Mario Outeiro sinala que "a sanidade pública non ten un problema de sostibilidade, senón de financiamento". "Os recursos nos Orzamentos son insuficientes e isto é debido á xestión política que está a facer o Partido Popular, delatando as súas prioridades". Dende o punto de vista do deputado lugués "existen outras alternativas que non impoñen máis gastos aos cidadáns", como "a distribución de medicamentos a través de unidoses para non converter as casas en auténticas farmacias”.