Luz verde á subvención pública para estudar en castelán na escola privada

Wert, reunido con conselleiros autonómicos de educación © Ministerio de Educación

"Procedimiento para reconocer la compensación de costes de la garantía de enseñanzas en castellano y sus lenguas cooficiales". É o nome elixido polo Goberno de España para subvencionar con fondos a asistencia do alumnado a colexios privados para estudar en castelán se as súas familias ou responsables legais consideran que, nas autonomías con outro idioma oficial, a lingua propia ocupa unha proporción demasiado elevada do horario lectivo. Este precepto materialízase a través dun decreto que vén desenvolver a LOMCE e que fixa garantías e fondos adicionais para o ensino en castelán, pero ningunha para o galego, o catalán ou o euskera.

Aínda que a información difundida polo gabinete de Mariano Rajoy alude en todo momento a "garantir o dereito do alumnado a recibir o ensino en ambas linguas oficiais" o certo é que, na práctica, só o español ten un procedemento de protección e un importe económico: ata 6.057 euros. É os cartos que pon sobre a mesa "se a programación anual da Administración educativa competente non garantise oferta razoable sostida con fondos públicos na que o castelán sexa utilizado como lingua vehicular". Nese caso, "previa comprobación desta situación", o Ministerio imporalle á comunidade autonóma a obriga de sufragar os "gastos efectivos de escolarización deste alumnado en centros privados nos que exista dita oferta".

O Goberno contempla un financiamento de ata 6.057 euros anuais, que terá que asumir a comunidade autónoma

Nun contexto no que o ministro, José Ignacio Wert, non aclara en que consiste exactamente unha "oferta razoable" de castelán o seu departamento si avanza que o procedemento para subvencionar a escola privada se iniciará "a instancias do interesado" e será instruído pola Alta Inspección de Educación. Ata que a autonomía correspondente non "adopte as medidas axeitadas para garantir" o que o Executivo español denomina "dereito lingüísticos individuais" haberá cartos públicos para "compensar" gastos de "matriculación, escolarización, transporte, comedor e internado" ata os devanditos 6.057 euros por ano. "O período que se compensa -especifica- abrangue dende o inicio do curso en que se recoñeza ata o remate do ensino obrigatorio".

Sen garantías para o resto de linguas

Para evitar estes pagamentos o Ministerio presenta senllas "alternativas" xunto á propia norma, concibida pensando esencialmente en Catalunya. As autonomías, di o departamento de Wert, teñen dúas vías posibles: "implantar sistemas nos que se garanta a impartición de materias non lingüísticas integrando a lingua castelá e a lingua cooficial en cada un dos ciclos e cursos das etapas obrigatorias" ou "establecer sistemas nos que as materias non lingüísticas se impartan exclusivamente na lingua cooficial, sempre que exista oferta alternativa de ensino sostido con fondos públicos no que se utilice a lingua castelá como lingua vehicular nunha proporción razoable".

O Ministerio subliña o "dereito" a "recibir ensino en castelán", pero non en galego, catalán ou euskera

No segundo caso, que sería semellante ao sistema de vías de Euskadi, a Administración debe "evitar que o castelán fique excluído", garantindo "unha oferta docente sostida con fondos públicos na que o castelań sexa utilizado, xunto coa lingua cooficial, como lingua vehicular". "Os pais ou titores legais terán dereito a que os seus fillos ou pupilos reciban ensino en castelán nesas condicións dentro do marco da programación educativa", reitera. E, que pasa se o que reclaman esas familias ou titores é unha garantía mínima de ensino en galego, catalán ou euskera? O Ministerio non di nada ao respecto.

Wert, reunido con conselleiros autonómicos de educación © Ministerio de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.