Cantos votos vale un presidente galego?

Electorado agardando para votar nun colexio electoral de Lugo CC-BY-SA Merixo

Cando menos polo momento o electorado galego, igual que o do resto do Estado, non ten a capacidade de votar directamente as persoas que ocupan a Presidencia da Xunta, a do Goberno central ou a das corporacións locais. O sistema electoral que se asenta na Lei de Réxime Electoral Xeral está asentado na elección indirecta, isto é, a cidadanía inscrita no censo electoral elixe un Parlamento ou unha corporación municipal e estas, á súa vez, designan a persoa á que lle corresponderá a Presidencia ou a Alcaldía. No caso galego, por exemplo, a persoa titular da xefatura do Goberno, en sentido estrito, recibe os votos dos deputados e deputadas que depositan nela os votos que, eles si, recibiron do electorado a través dos seus partidos ou coalicións, que os integraron previamente en listas pechadas.

Estas evidencias do sistema electoral vixente cobran actualidade por mor da reactivación do debate a respecto dunha eventual reforma electoral que impida a formación de gobernos de coalición municipais, unha iniciativa resucitada polo PP de Mariano Rajoy que, en opinión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debera estenderse tamén aos demais comicios, polo tanto, tamén aos autonómicos. Neste contexto cabe preguntarse cantos votos vale un presidente galego ou, cando menos, cantos sufraxios tiveron por tras cada unha das persoas que dirixiron a Xunta dende o seu nacemento e ata a actualidade.

Como é posible observar na infografía o presidente que tivo tras de si un maior número de votos foi, precisamente, un que dirixiu un Goberno de coalición. Os deputados e deputadas de PSdeG e BNG que elixiron a Emilio Pérez Touriño en 2005 aglutinaban o aval de 867.557 persoas fronte aos 756.562 votos que tivera daquela o PP de Manuel Fraga. O segundo maior apoio cidadán dun presidente foi o acadado polo propio Fraga en 1997, con máis de 832.000 votos. A actual Presidencia da Xunta, a elixida polo Parlamento en 2012, conta con 661.281 votos, máis dos acadados por Fraga en 1989 e máis dos que tivo no seu momento Gerardo Fernández Albor, pero menos dos recadados polo propio Feijóo en 2009 e menos tamén que Fraga en 2001 e 1993.

González Laxe chegou á Xunta tras unha moción de censura con deputados que mudaron de grupo

Non é posible incluír neste rexistro o único presidente galego que, ata o momento, chegou ao cargo a través dunha moción de censura. Fernando González Laxe desbancou a Albor en 1987 grazas aos deputados do seu grupo, o PSdeG, pero tamén co aval de cinco deputados que se presentaran ás eleccións por Coalición Popular e despois pasaron a Coalición Galega, da que marcharon os dous deputados que formaron o Partido Nacionalista Galego. O devandito sistema de listas pechadas impide saber cantos votos sustentaban aquel Goberno que tiña, non obstante, a maioría dos escanos da Cámara.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.