A Xunta eloxia o imposto bancario que rexeitou cando o propuña a oposición

Feijóo, na sesión de control © Conchi Paz

Resulta difícil contar as ocasións en que os grupos da oposición parlamentaria galega propuxeron a posta en marcha dun imposto sobre os depósitos bancarios en Galicia. Proposicións de lei, debates de orzamentos, ou sesións de política xeral foron só algunhas das oportunidades nas que PSdeG, AGE e BNG, confluíron nunha proposta presentada por algún deles para, con diferentes matices, impoñer un tributo que tiveron en marcha autonomías como Andalucía (PSOE-IU), Extremadura (PP) ou Canarias (CC) ata que o Estado llelo anulou. Tamén Asturias, Valencia e Catalunya deron pasos para poñelo en marcha, pero o Goberno central demandounas. Agora é o Estado quen se dispón a aplicar este tributo e é a Xunta quen o celebra.

Segundo avanzou o pasado venres a vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, o imposto estatal suporá un 0,03% dos depósitos bancarios e substituirá o que o propio gabinete de Mariano rajoy ten en vigor dende xaneiro de 2013 cun tipo do 0%, isto é, sen repercursión ningunha pero creado para "garantir a unidade de mercado", isto é, para impedir que as autonomías puidesen cobrar polo mesmo concepto. Dado que algunhas autonomías xa o facían o Estado ten que compensalas polo que deixaron de cobrar. Esta compensación non chegará, obviamente, a Galicia, se ben Alberto Núñez Feijóo eloxia a nova figura tributaria porque, asegura, servirá para "incrementar o noso financiamento".

Feijóo di agora que Galicia ingresará 17 millóns co tributo, que o Estado fixa no 0,03%

Ese eloxio lanzouno o presidente no marco da bronca sesión de control deste mércores, na que o BNG o interpelaba pola reforma fiscal que prepara o Goberno de España. "Imos reclamar que o impsoto sobre os depósitos bancarios veña ás arcas autonómicas", asegurou o presidente, antes de cifrar en 17 millóns os que "chegarán a Galicia" grazas á reforma. "A comunidade autónoma -retrucou Francisco Jorquera- vaise beneficiar dun imposto que vostedes se negaron a implantar".

As razóns para rexeitalo

O PP auguraba que o imposto implicaría redución dos depósitos, despedimentos e peches de sucursais bancarias

Feijóo pon o acento na capacidade recadatoria dun imposto que o seu grupo parlamentario vía inconveniente ata hai poucos meses. Así, por exemplo, hai escasamente un ano o voceiro parlamentario dos conservadores, Pedro Puy, argumentou o rexeitamento do seu partido non só aludindo a unha cuestión de competencias, senón tamén a que, ao seu xuízo, "dificultaría a recuperación do sistema financeiro galego", xa que afectaría á clientela das entidades financeiras e mesmo, aseguraba, provocaría despedimentos nos bancos e peches de sucursais.

Un gravame coma este, profundaba daquela Puy, motivaría "que se reduzan os depósitos" bancarios, especialmente en Novagalicia Banco -actualmente Abanca- e implicarái unha "restrición do crédito a familias e pequenas e medianas empresas". Aínda que con diferenzas nas porcentaxes ou repercursións últimas, Alternativa, Bloque e PSdeG apoiáronse mutuamente cada vez que pediron aplicar o imposto.

Feijóo, na sesión de control © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.