"Propoñemos un proceso liderado pola cidadanía para gobernar Ames"

Algúns dos e das integrantes de Ames Novo Dominio Público Ames Novo

O vindeiro sábado 19, Ames Novo organiza unha romaría no Parque do Ameneiral en Bertamiráns que busca ser "un lugar de encontro da veciñanza de Ames" e ao mesmo tempo "un espazo de encontro de todos os movementos que apostan por un tempo novo na política municipal". A pasada semana a formación lanzou unha proposta para conformar unha candidatura cidadá aberta para concorrer ás eleccións municipais do vindeiro ano, que se dirixía "de forma expresa a todas as forzas transformadoras que operan politicamente en Ames, en concreto: Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Equo, Podemos e Bloque Nacionalista Galego".

"Trátase de confluír cada quen desde a diversidade, onde se dean a man activistas sociais e políticos xunto a unha infinidade de cidadáns e cidadás que queren mudar a realidade", destacábase, nun proceso realizado dende abaixo e liderado pola cidadanía, co obxectivo de gañar as eleccións. O chamamento pedía "non frustrar as expectativas dunha sociedade que pide cambios de verdade, primeiro na oferta das alternativas políticas e logo nos gobernos". Nas eleccións municipais de 2011 o Partido Popular foi a formación máis votada, obtendo 11 concelleiros, por 6 do PSdeG-PSOE e 4 do BNG. Populares e socialistas sumaron o 83% dos votos, unha proporción que caeu ao 56% nas eleccións autonómicas de 2012 e até o 40,8% nos comicios europeos do pasado mes de maio. AGE (17,2%), Podemos (17,2%), BNG (7,5%), CxG (1,8%) e Equo (1,3%) sumaron o 45% dos apoios.

"Estamos afeitos a que sexan as organizacións políticas as que propoñan, as que elaboren candidaturas. O que nós propoñemos é un proceso liderado polos cidadáns e cidadás, que fagan a súa proposta para gobernar Ames"

A proposta presentarase publicamente na Romaría a partir das 13 horas, nun acto no que intervirá Pilar Candocia por Ames Novo, xunto con representantes de AGE en Europa, Anova, Compromiso x Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista e Esquerda Unida. Quique Costas, coordinador de Ames Novo, destaca que a romaría quere servir como presentación en sociedade dese proxecto de candidatura cidadá: "Estamos afeitos a que sexan as organizacións políticas as que propoñan, as que elaboren candidaturas. O que nós propoñemos é un proceso liderado polos cidadáns e cidadás, que fagan a súa proposta para gobernar Ames, e que sexa apoiado polas forzas políticas", destaca. Xa pola tarde, a partir das 18 horas, celebrarase un coloquio sobre o papel dos concellos na transformación política, coa participación dos representantes das forzas políticas presentes.

A romaría combina o debate político cunha importante parte lúdica, na que destaca, ás 20.30 horas, a actuación de Uxía e Narf co seu concerto As baladas da Galicia imaxinaria, que vén de colleitar un enorme éxito na súa xira por diversos países latinoamericanos, xunto co xantar de confraternidade e aos xogos e divertimentos variados que haberá ao longo da tarde para grandes e pequenos e pequenas.

 

A recepción da proposta

"A nivel de rúa notamos un gran recibimento á proposta, que foi recibida mesmo con entusiasmo"

Ames Novo propón "construír unha alternativa maioritaria que reúna a pluralidade das forzas da esquerda e que asuma a alcaldía como unha forma de facer partícipe á cidadanía no goberno de Ames". "A nivel de rúa notamos un gran recibimento á proposta, que foi recibida mesmo con entusiasmo. Sobre todo a idea de que se poida construír un espazo de unificación, no que non se produza un fraccionamento das propostas e das alternativas electorais da esquerda. A xente reclama novas políticas e novas formas de representación", salienta Costas.Tamén foi positiva a reacción dos partidos políticos. "Xa tivemos contactos formais con todas elas, agás o BNG, que se producirá nos vindeiros días. E por parte de Anova, Equo, Espazo Ecosocialista e CxG houbo respostas positivas, o mesmo por parte de EU, pero neste caso o seu Consello Nacional adoptará un posicionamento xeral para as candidaturas en toda Galicia", explica.

Costas fai unha valoración moi negativa da xestión municipal nos últimos tres anos: "A inmensa maioría da cidadanía de Ames ten unha sensación de absoluto desgoberno", destaca. O grupo de goberno, despois da escisión sufrida polo grupo de PP, está formado por 5 concelleiros de 21, "pero eles seguiron actuando coma se tivesen maioría absoluta. Non hai vontade ningunha de diálogo, de escoitar propostas dos grupos da oposición, hai desorganización e sectarismo", subliña Costas.

Costas fai unha valoración moi negativa da xestión municipal nos últimos tres anos: "A inmensa maioría da cidadanía de Ames ten unha sensación de absoluto desgoberno"

O coordinador de Ames Novo pon como exemplo desa "desorganización" a situación do servizo de augas e saneamento: "O contrato da empresa que o xestiona vence o 2 de setembro. Dende marzo vimos sinalando que é preciso tomar unha decisión ao respecto, e que é un momento perfecto para tomar a decisión de remunicipalizar este servizo, atendendo entre outras cousas aos evidentes beneficios económicos que xera, uns recursos que poden servir para prestar uns determinados servizos á cidadanía. Chegan ao pleno, propoñen asignarlle o servizo a unha empresa privada durante dous anos, e todos os concelleiros agás os do equipo de goberno votamos en contra, botando abaixo a proposta. E o único que se lle ocorre ao alcalde é encargarlle un informe á secretaria no que se advirte que aqueles concelleiros que voten en contra da proposta terán que responder co seu patrimonio das perdas que lle xere ao concello non contar cun contrato de saneamento".

Algúns dos e das integrantes de Ames Novo Dominio Público Ames Novo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.