Varios manifestos políticos anticipan o 25 de xullo

Imaxe do 25 de xullo CC-BY-SA Dorfun

O 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, é tempo de actos políticos e de manifestos. Nos últimos días viñemos coñecendo distintos documentos políticos, que anticipan os actos que se realizarán este venres.

 

BNG

O BNG presenta un manifesto en defensa "da soberanía de Galiza como a alternativa necesaria para afrontar a resolución dos graves problemas que padecen os galegos e galegas, como persoas e como pobo"

Este mesmo mércores, o BNG fixo público, xunto con outras organización políticas, sindicais, xuvenís e estudantís, un manifesto "de libre adhesión" en defensa "da soberanía de Galiza como a alternativa necesaria para afrontar a resolución dos graves problemas que padecen os galegos e galegas, como persoas e como pobo".

No texto, asinado tamén por Causa Galiza, Comités, CIG, FRUGA, Liga Estudantil Galega ou NOS-UP, entre outras organizacións, sinálase que "na carencia de soberanía radican a inmensa maioría dos graves problemas que padecemos todas as persoas que conformamos este pobo e como nación" e afírmase que "o Estado responde con recentralización ás demandas de maior soberanía dos pobos, utilizando a crise económica como coartada para aplicar todo tipo de recortes en servizos públicos, benestar social e dereitos e liberdades".

“É evidente que a situación económica e social do pobo galego será outra se posuírmos un sistema financeiro propio, se tivermos capacidade para decidir directamente as políticas agrarias, pesqueiras ou as que teñen a ver coas potencialidades da nosa industria naval, se dispormos de capacidade para decidir a ordenación do noso territorio, e se acreditarmos na nosa lingua e cultura”, conclúe o manifesto.

 

Anova

Anova chama a "estender a fronte ampla no político, mais sobre todo no social" e pide ser "honestos e participativos nas iniciativas cidadás"

Pola súa banda, Anova publica na súa web o texto Na fronte unha estrela, no que reclama "a liberdade para o noso pobo", unha liberdade "para unha nación periférica que se afirma na vontade de existir e de exercer, na práctica cotiá, a autodeterminación camiño cara á independencia". No manifesto, a formación reafirma a súa aposta pola construción dunha fronte ampla e de AGE: "Anova continúa con honestidade a tarefa iniciada coa fórmula de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), ergueita como bastión de denuncia e de loita das clases populares". Chama a "estender a fronte ampla no político, mais sobre todo no social" e pide ser "honestos e participativos nas iniciativas cidadás que se argallan polo país como fórmulas alternativas ao bipartidismo e á corrupción sistémica".

 

Esquerda Unida

EU fai un chamamento a converter o proceso electoral das municipais e xerais de 2015 en espazos de encontro da esquerda política e social

Esquerda Unida presenta un Manifesto pola Rebelión Democrática no que se destaca que nos atopamos nun "momento decisivo que require da audacia da esquerda rupturista para crear un bloque político e social que convirta a esperanza en realidade". "É o momento de construír proxectos que están chamados a ser motor da nosa sociedade". No texto, Esquerda Unida fai un chamamento a converter o proceso electoral das municipais e xerais de 2015 en espazos de encontro da esquerda política e social e da concreción de candidaturas populares coordinadas en toda Galicia para artellar unha fronte popular contra o sistema".

 

Outros posicionamentos

Tamén Espazo Ecosocialista Galego ou Compromiso por Galicia, nas súas convocatorias para os actos organizados os 25 de xullo inclúen posicionamentos políticos. Espazo Ecosocialista Galego reclama Novas axendas para o 25 de Xullo, destacando que "a construción da nación comeza na defensa do Ben Común natural". Sinala que "durante moitos anos a esquerda galega ten situado o 25 de xullo arredor de elementos identitarios illados das axendas sociais, ambientais ou democráticas concretas", que "para algúns o dereito a decidir se ten convertido nun totum factótum alleo ás demandas cidadás en lugar de ser a expresión da máxima radicalidade democrática" e que polo tanto "necesitamos ligar a soberanía  ás demandas cívicas é así poder referenciar o soberanismo cívico como un elemento clave para o cambio". "Por todo isto, o 25 de xullo non só temos que falar de patria, de nación, de galeguidade namentres asistimos impertérritos á destrución dunha parte fundamental destes conceptos: a terra" rematan dende Espazo Ecosocialista.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia celebra o 25 de xullo demandando "Autogoberno e democracia”, xa que "a situación política e socioeconómica que estamos a vivir no contexto galego, español e europeo da conta dun deterioro institucional evidente e dun alonxamento cada vez maior da cidadanía ao respecto das institucións públicas". Bascuas cre que para recuperar a confianza cidadá, “os partidos debemos ser máis abertos, con procedementos coma as primarias abertas á cidadanía, e os procesos electorais con menor control partidario”.

Imaxe do 25 de xullo CC-BY-SA Dorfun

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.