Quebra democrática: cinco visións dun proceso en marcha

Imaxe do comezo do debate CC-BY-SA Praza Pública

A Facultade de Filosofía da USC acolleu o Foro pola quebra democrática e o dereito a decidir, organizado por AGE, e no que participaron Xosé Manuel Beiras (Anova/AGE), Eudald Calvo (CUP), Gerardo Pisarello (Procés Constituent/Guanyem), Ander Rodríguez (Alternatiba/EH-Bildu) e Alberto Garzón (IU). A aula principal da Facultade de Mazarelos ficou pequena para escoitar estas cinco maneiras de entender e levar a cabo procesos de quebra democrática dende a esquerda rupturista, nun contexto de "esgotamento do réxime emanado da II Restauración Borbónica" e dun "brutal proceso de destrución material do xa precario benestar da cidadanía comandado pola dereita neoliberal acompañado dunha deriva recentralizadora", segundo a enmarcación do debate realizada por AGE

O debate foi presentado polo decano de Filosofía, Rafael Martínez Castro, que destacou a oportunidade de que este foro se realizase nesa facultade, pois "hai poucos conceptos tan importantes na filosofía coma a decisión, entendida como escolla realizada en liberdade". Antes de dar paso ás cinco intervencións da tarde, Martínez Castro tivo un momento de recordo para Carlos Calvo, na cadea dende hai dous anos.

Xosé Manuel Beiras comezou destacando que a xuntanza dos cinco representantes destas cinco forzas de esquerda para poñer en común os seus puntos de vista constituía un "momento dunha gran felicidade". Beiras enmarcou o actual momento de confrontación política na confluencia de crises de varios dos conceptos clave da modernidade, coma o estado nación "que en España nunca existiu, polo que esta crise a arrastra dende sempre", ou o estado de benestar. E, especificamente en España, na crise do réxime da segunda restauración borbónica, unida á crise económica "situada xa na fase da gran depresión subseguinte á crise" e a unha crise de valores en todos os ámbitos da sociedade.

Beiras sinalou a necesidade de que se leven a cabo procesos simultáneos de quebra política en cada unha das nacións do Estado, no Estado no seu conxunto, en na Unión Europea

O portavoz de AGE sinalou a necesidade de que se leven a cabo procesos simultáneos de quebra política en cada unha das nacións do Estado, no Estado no seu conxunto, e na Unión Europea, un proceso de quebra "que sempre combina un proceso destituínte cun proceso constituínte". Beiras destacou a existencia de varios suxeitos políticos no Estado, que deben exercer a libre decisión, e despois fixar como obxectivo a derrota do réxime. Lembrou que o nacionalismo galego "debe entender que a nación galega é o conxunto dos cidadáns e non unha elite iluminada". E concluíu que o motor deste proceso "é a cidadanía que se autoorganiza e exerce a acción política", unha cidadanía empoderada con quen as forzas de esquerda rupturista deben establecer unha alianza.

Pola súa banda, Alberto Garzón (IU), que agradeceu o bo recibimento e a "calor malagueña" que ía a tarde do xoves en Compostela e no interior da sala, destacou que os cinco grupos representados na mesa "compartimos moitos elementos comúns" e "facemolo dende o debate e coa vista posta no futuro". O deputado no Congreso salientou que "xa non hai a alternativa de ser conservador", pois o mundo mudou e hai "unha minoría, unha oligarquía que ten moi clara a sociedade que queren para o futuro" e, mentres, "o resto, as vítimas, aínda non temos un horizonte de futuro consensuado".

Garzón salientou que "xa non hai a alternativa de ser conservador", pois o mundo mudou e hai "unha minoría, unha oligarquía que ten moi clara a sociedade que queren para o futuro"

Garzón sinalou a este respecto que "xa estamos vivindo un proceso constituínte dominado pola troika", unha reforma política e dos dereitos sociais motivada polo "esgotamento do modelo de acumulación das economías do sur". "Hai un problema de hexemonía política que fai que a dereita interprete a Constitución ao servizo dos intereses da troika", engadiu. Alberto Garzón pechou a súa intervención apostando por unha República, "entendendo republicanismo como unha democracia participativa e radical e unha economía ao servizo dos cidadáns", federal e co recoñecemento do dereito de autodeterminación.

Eudald Calvo (CUP): "O proceso non nace do despacho dun político", dixo, "nace dunha confluencia de factores, de moitas crises que se cruzan e que estoupan tras o portazo ao Estatut"

Eudald Calvo (CUP) centrou o seu tempo no proceso soberanista aberto en Catalunya, do que subliñou que "pouco ten que ver con CDC ou con Artur Más: "O proceso non nace do despacho dun político", dixo, "nace dunha confluencia de factores, de moitas crises que se cruzan e que estoupan tras o portazo ao Estatut". Calvo sinalou que o referendo do 9 de novembro, "que se vai celebrar si ou si", supón "o inicio doutra etapa". "O referendo vai abrir unha porta, un novo proceso que rematará coa soberanía de Catalunya", explicou, e advertiu que "está habendo en resposta un proceso de recentralización para os que queden dentro de España queden para sempre". O representante das CUP apostou pola ruptura de España e concluíu que "o novo non sempre é mellor, pero en algo novo si se abre a oportunidade de crear algo mellor".

Gerardo Pisarello (Procés Constituent/Guanyem) destacou o feito de "estarmos falando de cousas que hai poucos anos parecían impensables, coma de procesos constituíntes ou ruptura democrática"

Gerardo Pisarello (Procés Constituent/Guanyem) destacou o feito de "estarmos falando de cousas que hai poucos anos parecían impensables, coma de procesos constituíntes ou ruptura democrática, conceptos convertidos na linguaxe do sentido común e en contrapoderes cidadáns". Pisarello sinalou que ante a crise de réxime, os partidos do sistema ofrecen unicamente "gatopardismo". "Nós, pola contra, pedimos unha ruptura", engadiu. Lembrou que nas últimas décadas o "marco constitucional foise pechando en sentido autoritario", dende o 23F, a entrada na OTAN, ou o Tratado de Maastricht ou a última reforma constitucional. Rematou apostando como "única alternativa" por "procesos constituíntes, só posibles dende abaixo" e lembrando que en Catalunya "só haberá referendo se pobo o arrinca nas rúas", o mesmo que no resto do Estado. Considerou, ademais, "fundamentais as candidaturas cidadás, como Guanyem Barcelona ou a Marea Atlántica", dixo e pediu "atopar a linguaxe axeitada para o 99%". "Se non, o proceso controlarano outros. Ou o réxime ou nós", engadiu.

Ander Rodríguez (Alternatiba/EH-Bildu) abriu o debate destacando que nós "queremos soberanía pero non para cambiar uns opresores por outros, senón para librarnos de toda opresión" e que "a esquerda e a dereita non constrúen nación do mesmo xeito". Dixo que "saudamos con ilusión o proceso catalán" e afirmou que "calquera grupo de esquerda rupturista debería velo asi" e salientou que dende EH-Bildu "sempre buscamos procesos de confluencia".

Imaxe do comezo do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.