Anova aposta forte por listas "de base cidadá" e unitarias de cara ás municipais

Acto político de Anova polo Día da Patria Dominio Público Praza Pública

Anova aposta forte por candidaturas de "base cidadá" de cara ás vindeiras eleccións municipais. A formación nacionalista defendeu unha política de alianzas para eses comicios na que "cada forza política" non pretende "manter fixos os marcos da súa leira". Así o manifestou o seu voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, no acto celebrado na praza 8 de marzo de Compostela ante medio milleiro de persoas. O portavoz cre que estas listas non deben partir de "acordos por arriba, senón que deben ser candidaturas de base cidadá, de unidade popular, nas que sexa o pobo quen máis ordene".

Beiras ve a cidadanía "máis preparado" cás forzas políticas para "cambiar o réxime actual"

Para Beiras, é a cidadánia quen está "máis preparada", incluso que as forzas políticas, para "cambiar o réxime actual en descomposición". E na procura desta "quebra democrática", segundo Anova, as organizacións políticas "deben funcionar como ferramentas da maioría social agredida para orientala e apoiala, pero sen controlala".

Así, Beiras fixo incluso referencia a movementos como a Marea Atlántica da Coruña, ao que saudou "con fraternidade" e puxo como exemplo. Segundo dixo, as municipais precisan que se inicie "un proceso de impulso e apoio a todos os focos activos da cidadanía; candidaturas de cidadáns de base, na que nos incluímos sen pretensións de pór por diante cabeceiras de lista", dixo.

Ante a situación actual, Beiras lamentou tamén que as organizacións da esquerda rupturista e nacionalista galegas non logren "poñerse de acordo en reivindicacións comúns" e lamentou o "minifundismo" que leva a "preocuparse por que non se movan os marcos ou manter o tabú de fronteiras que nós xa rompemos hai dous anos con AGE e volvemos romper nas europeas".

Por iso fixo fincapé na necesida de que Galicia acade máis soberanía, pero tendendo a man a outros sectores populares que, sen ser propiamente galegos, defenden un espazo propio para Galicia, en clara referencia a EU ou incluso a Podemos. "Para ser fortes hoxe en día como nacionalistas temos que combater no espazo español, que é o que nos fode, e por iso hai que facer alianzas entre iguais", insistiu un Beiras que no seu discurso obviou as diferenzas internas nunha organización entre os que apostan por fortalecer AGE e ampliar as alianzas e os que prefiren centrarse na cooperación co soberanismo.

Noriega aposta por unha "fronte popular" e "candidaturas populares" nos concellos para parar a dereita

No mesmo sentido falou Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova, que apostou por unha "fronte popular" contra as políticas da dereita. "Desde Anova fixemos un chamamento a configurar candidaturas populares nos concellos de Galicia, baixo un programa de mínimos e cunha metodoloxía aberta e participativa por definir. Porque nos entendemos parte da loita, e non a totalidade", proclamou.

No acto de Anova tomaron a palabra representantes de varios colectivos como da Plataforma Gaelga polo Dereito ao Aborto, PAH Vigo ou Plataforma pola Auditoría da Débeda. Ademais das palabras destes, Beiras tamén tivo tempo para criticar a presenza dos resi de España en Compostela e o forte despregamento policia que provocou a súa visita á capital galega.

Acto político de Anova polo Día da Patria Dominio Público @frentepg
Acto político de Anova polo Día da Patria Dominio Público @Anova_irmandade

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.