Besteiro entra na dirección do PSOE pactada con Susana Díaz e controlada polos baróns

Besteiro no congreso do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

José Ramón Gómez Besteiro será un dos baróns territoriais con posto na nova Executiva do PSOE, que vén de proclamar a Pedro Sánchez como o seu novo líder tras a vitoria nas primarias. O novo secretario xeral cumpriu co previsto e sacou adiante o equipo co que dirixirá a formación tras lograr un 86% do voto a favor do equipo de dirección pactado con Susana Díaz e ao que se opuxo un 14% dos delegados, que expresaron a súa disconformidade coa escasa integración con 136 votos en branco.

A nova dirección de Pedro Sánchez foi apoiada polo 86% dos delegados

A porcentaxe obtida por Sánchez é máis que suficiente para validar o equipo que sae deste congreso, pero non logra evitar a imaxe de malestar interno pola falta de consenso arredor da integración de todos os que concorreron ás primarias nas que venceu o madrileño.

Besteiro será o único representante galego nesta nova dirección, logo de que o líder dos socialistas galegos amosase -máis explícita ou implicitamente- o seu apoio a Sánchez. Nesta nova dirección, baseada de novo na influencia decisiva dos baróns territoriais, Galicia contará co seu, aínda que o seu peso será moito menor ao de federacións como a andaluza, a madrileña ou a catalá.

A importancia da presenza dos actuais líderes territoriais é evidente. Cinco baróns terán un cargo de secretario (La Rioja, Canarias, País Valenciano, País Vasco e Navarra) e outros catro (Madrid, Castilla-La Mancha, Galicia e Baleares) estarán como vogais. Besteiro será un destes vogais.

Galicia contará co seu barón na Executiva, pero terá moito menos peso que Andalucía, Madrid ou Cataluña

O secretario xeral do PSOE configurou unha Executiva cun importante papel de Andalucía, que asume a coordinación da Política Federal en diferentes niveis. O novo equipo recibiu as queixas dos candidatos perdedores na consulta aos militantes, Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias, que denunciaron falta de "integración", ben como malestar da federación asturiana, cuxo presidente, Javier Fernández, recoñeceu que non se cumpriron as súas "expectativas", aínda que finalmente sinalou que o resultado é "bo" e que agora xa aplica "amnesia inmediata".

O principal problema que salvou Pedro Sánchez foi precisamente a oposición amosada pola federación asturiana. O novo líder do PSOE quería desfacerse de Javier Fernández, até o de agora coordinador dos baróns no consello territorial. Pero o feito de que Fernández sexa a día de hoxe o único presidente electo dos socialistas obrigou a nova dirección a reaccionar, creando para o asturiano unha responsabilidade á medida, nun órgano que se dedicará á xestión de políticas relacionadas co sector industrial.

Blanco, Cancela, Carmela Silva e Barcón serán os representantes galegos no Comité Federal

Ademais da Executiva, a lista para o Comité Federal, que encabeza José Antonio Griñán, foi apoiada polo 87,44% dos delegados e nela figuran catro galegos: o eurodeputado José Blanco; a secretaria de Organizaicón, Pilar Cancela; a deputada no Congreso e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva; e a voceira do PSOE na Coruña, Mar Barcón.

Delegación galega no congreso do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.