"A Marea Atlántica quere gañar e non conseguir un ou dous concelleiros simbólicos"

David Lareo e Marta Paz, da Marea Atlántica © Marea Atlántica

O manifesto da iniciativa Marea Atlántica, que pula por "recuperar María Pita para o 99%", supera xa as 1.100 sinaturas de apoio na Rede, logo de dúas semanas desde o seu lanzamento público con 99 firmas iniciais e unha semana despois da súa presentación en sociedade. O proxecto que busca a confluencia cidadá na procura dunha candidatura para as eleccións municipais de 2015 procura agora o aval a súa proposta "dunha outra Coruña" alcanzando os 2.500 apoios o 1 de outubro. Polo momento, a súa irrupción está a rachar os marcos do parcelado panorama político local. E non só na súa cidade. A maré di que chega "para gañar". "E para gañar, hai que unirse", advirten Marta Paz e David Lareo, voceiros e dous dos asinantes impulsores que falan con Praza deste proceso de "empoderamento cidadán".

Agardaban esta respota á iniciativa? Están satisfeitos cos apoios acadados até o de agora pola Marea Atlántica?

Marta Paz: Estamos satisfeitos, si. O que era previsible era o descontento da xente e a falta de alternativas. No contexto actual, a xente está desexando que xurdan iniciativas que superen as dinámicas da política tradicional. Estamos contentas e satisfeitas de ter esta resposta, pero tamén esperabamos que podía pasar algo así. Cando nos puxemos a camiñar nesta idea tiñamos claro que o noso obxectivo era gañar e confiabamos que podiamos ter esta acollida. Aínda así, os resultados sempre sorprenden para ben.

David Lareo: Esperabamos unha boa resposta porque sabiamos que o momento no Estado era o que era. Noutros lugares están funcionado iniciativas semellantes, pero tamén sabemos que A Coruña é unha cidade un pouco particular en canto á resposta cidadá, polo que si estamos sorprendidos, tanto polo apoio dos cidadáns como dos partidos políticos, asociacións e colectivos.

"Iniciativas como a Marea Atlántica xorden dun proceso continuo de insatisfacción e de empoderamento da cidadanía"

O 15M, o descontento xeral, os múltiples movementos sociais e cidadáns... Xorde a Marea por unha mestura de todos estes procesos?

MP: É unha mestura de todo, si. Os tempos van cambiando e a política tradicional foise afastando da sociedade e situándose moi lonxe da xente de a pé. Secuestraron a política e as institucións, que están divididas da sociedade, e é inevitable que xurdan iniciativas que pretenden recuperar esta política para a cidadanía.

DL: Agora están a cristalizar unha serie de movementos que maduran despois dun proceso que comeza no 15M, pero á súa vez o 15M foi produto dun malestar que comezou moito tempo atrás. Non sería eu quen de situar a orixe do movemento acutal nunha data concreta, senón nun proceso continuo de insatisfacción e de empoderamento da cidadanía.

Os despachos están moi afastados da rúa; é a súa intención que a rúa chegue ás institucións, a eses despachos?

MP: Vimos dunhas dinámicas nas que en moitos casos non queriamos participar. Para nós a política é diaria, cotiá e faise nos ambientes máis achegados a nós, pero hai cousas que nos veñen dadas desde arriba, como as leis que recortan os nosos dereitos, polo que se non incidimos ou facemos algo para quebrar iso tampouco lograremos nada. O noso plano de acción é a rúa pero así non chegamos a todo. Tal e como están as cousas e tal e como actúan os gobernos, é inevitable que teñamos que intentar poñer un pé nas institucións.

"Hai cousas que nos veñen dadas desde arriba, como as leis que recortan os nosos dereitos; é inevitable intentar poñer un pé nas institucións"

DL: Está claro que hai unha crise de lexitimacion do poder político coa estrutura actual dos partidos. A xente reclama outro xeito de participar e de facer as cousas e tamén tomar a palabra nas decisións que lle afectan á súa vida privada.

BNG, EU, Anova, Compromiso... Todos estes partidos saudaron a iniciativa da Marea Atlántica, confían en que acaben apoiando o proceso de cara a unha candidatura cidadá e unitaria? Poderase artellar iso sen preponderar as siglas?

MP: O que queremos é rachar coas dinámicas da política tradicional. Cremos que a política ten que xurdir dos barrios, das mareas que promovemos... E a partir de aí construír un espazo político. Isto entra en conflito coas dinámicas de partidos de esquerda, de estrutura piramidal, porque nós cremos que deben ser espazos máis horizontais. Veremos o que ocorre, pero agora estamos máis preocupadas na composición do noso espazo que na acollida que teñamos. Supoñemos que se son partidos de esquerda apoiarán calquera iniciativa que fomente a participación cidadá e a unidade.

DL: Desde o principio procuramos xerar un proceso de confluencia. A nosa vontade é que o resto da esquerda política ou social e os movementos en xeral se inclúan neste proceso. É positivo que valoren a nosa existencia e nacemento, pero temos moi claro que o proceso de adscrición debe ser sempre individual.

Podemos parece decidido a non presentar candidaturas en todo o Estado e apoiar candidaturas cidadás. É esa unha boa nova para a Marea Atlántica?

MP: É algo lóxico. Nós non somos un partido e somos froito das circunstancias. Vexo normal que esas estruturas máis territorializadas de Podemos deixen o paso ou apoien estes movementos porque teñen o mesmo espírito.

DL: Coa xente de Podemos sempre hai diferenzas porque é unha organización moi nova e en cada círculo hai posicións diferentes. Co círculo da Coruña non hai relación institucional, pero está claro que compartimos cuestións e que o noso manifesto pode ser asinado por calquera deles. Estariamos encantados de que se unisen a título individual, pero non nos plantexamos nin unha fusión nin apropiarnos da marca Podemos porque somos dous procesos diferentes.

"O que queremos é gañar e por iso promovemos un espazo de confluencia; sabemos que para gañar hai que unirse"

Insisten en que o obxectivo é "gañar".

MP: O obxectivo é chegar a María Pita. Rachar con políticas clientelares, acabar con orzamentos absurdos, con todo tipo de corrupción no Concello... E todo iso non podemos facelo desde a oposición, obviamente.

DL: Temos claro que se facemos este esforzo por adoptar unha forma distinta da loita á que moitos de nós faciamos nos movementos sociais, se nos mergullamos nesta política desde as nosas vidas normais é porque queremos gañar. Non queremos unha representación simbólica de un ou dous concelleiros. O que queremos é gañar e por iso promovemos un espazo de confluencia, porque somos conscientes de que para gañar hai que unirse. Logo as cousas ocorrerán como sexa, porque a nosa vontade actual é preparar o Foro Social e debater os problemas das cidades nas mareas. Logo, nese Foro, será onde se decida o da candidatura, pero antes hai que sentar as bases para, chegado o outono, organizar unha candidatura cidadá.

A Marea Atlántica semella vir tamén a rachar numerosos tópicos sobre A Coruña...

MP: A Coruña alimenta unha imaxe que non é real, unha imaxe precociñada en despachos. Queremos ensinar A Coruña participativa, de barrios e que se move. Esa cidade que fai propostas, máis en positivo e proactiva.

"A Coruña alimenta unha imaxe que non é real, unha imaxe precociñada en despachos; queremos ensinar A Coruña participativa e que se move"

DL: Loitamos desde o local e queremos unha Coruña diferente. Somos conscientes de que a cidade ten unha casuística e historia particular e sobre ela hai que traballar, pero queremos poñer en valor a nosa localidade respectando a súa identidade, pero superando tópicos e lecturas erróneas que se fixeron da vontade dos seus habitantes e da súa historia. Aquí hai referentes de loita e de procesos de empoderamento cidadán que se ocultaron. Queremos poñer en valor os aspectos da cidade que cremos positivos e que non se puxeron en valor por diferentes intereses.

Pode ser a Marea Atlántica un exemplo para outras cidades galegas?

MP: A idea é aprender conxuntamente entre os diferentes movementos. Temos coñecemento de que hai outros procesos semellantes noutras localidades galegas e xa estamos a manter algún contacto. Isto é un experimento e cantas máis iniciativas deste estilo xurdan, mellor para todas. A experiencia compartida axuda, sen dúbida.

DL: Cremos que se poden espallar outros movementos e de feito xa está sucedendo. Hai réplicas, aínda iniciais, nalgúns puntos de Galicia e a nosa vontade é que a Marea Atlántica sirva de exemplo, pero no sentido de poñer todas as nosas ferramentas, coñecemento e corpus teórico que produzamos á disposición de calquera proceso que vaia na mesma dirección.

"Temos coñecemento de que xa hai outros procesos semellantes noutras localidades galegas e a experiencia compartida axuda"

O que é evidente é que están a cambiar moitas cousas en Galicia e no Estado...

MP: En Galicia, no Estado e no mundo a nivel global. Esta especie de ditadura das elites sobre o pobo segue aí e desde o local estase a expandir unha forma de revolución que sae das prazas... A xente está a saír á rúa por todas as partes do mundo e é o momento de compartilo e de aprender xuntos.

DL: Á marxe de que se gañen eleccións municipais ou de que se presente candidatura cidadá ou non, está a emerxer algo importante. O cambio está en que se xunta xente que estivo traballando en eidos totalmente diferentes para un proxecto de cidade. No caso da Coruña, o proceso de reflexión e o traballo que estamos levando a cabo xa é un logro importantísimo, á marxe de que se traduza nun proceso electoral ou non.

Presentación pública da Marea Atlántica © Marea Atlántica
Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.