O Estado recúa e manterá os 45 partidos xudiciais de Galicia

Núñez Feijóo e Ruiz-Gallardón © Xunta

O Goberno recúa. O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, vén de anunciar en Compostela que o Executivo introducirá cambios no anteproxecto de reforma da planta xudicial, aquel que prevía eliminar partidos xudiciais e concentralos en capitais de provincia e que tantas críticas levantara en Galicia pola posibilidade de deixar grandes localides sen tribunais propios ou sen sede dos devanditos partidos.

Vigo, Compostela e Ferrol manterán un tribunal de instancia propia e Galicia, os seus 45 partidos xudiciais

Agora, e segundo aclarou o ministro, o texto que irá ao Consello de Ministros no vindeiro mes de setembro admite máis dun tribunal de instancia provincial e manterá os 45 partidos xudiciais de Galicia. Aínda así, e tal e como aclarou Gallardón, estes partidos xudiciais estarán sometidos a un "criterio de flexibilidade" que permitirá o traslado de asunos dun a outro, sempre dentro da área do mesmo tribunal de instancia. Refírese o responsable da carteira de Xustiza, nomeadamente, a casos nos que haxa sobrecarga de traballo. De feito, puxo como exemplo o que tivo que asumir o xulgado de Corcubión coa causa do Prestige.

O Ministerio de Xustiza responde deste xeito ás peticións formuladas pola Xunta de Galicia e por outras comunidades autónomas, e rectifica así antes as numerosas críticas ao anteproxecto. Todos coincidían na necesidade de manter os partidos xudiciais como modelo "tradicional" de Xustiza, máis próxima ao cidadán e moito menos custoso para a xente.

Deste xeito, Galicia non perderá ningún dos 45 partidos xudiciais que hai actualmente no país, que de levarse a cabo a reforma serían substituídos por tribunais provinciais de instancia. Teríase acabado así cos de cidades tan importantes como Compostela, Ferrol ou incluso Vigo. Pero tamén se acabaría cos catorce da provincida da Coruña, os nove nos que se dividen Lugo e Ourense e os trece de Pontevedra. Betanzos, Ortigueira, Muros, Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Verín, Xinzo, O Carballiño, Vilagarcía, Cambados, Marín ou Tui serían algunhas das vilas que quedarían sen estas unidades territoriais xudiciais que integran diferentes municipios limítrofes. O Goberno reaccionou a tempo.

Feijóo agradeceu que o Goberno central "recoñecese a realidade territorial de Galicia"

Logo da reunión entre Feijóo e Gallardón, o presidente da Xunta agradeceu estes cambios e presumiu de que Galicia non só "manterá os xulgados", senón tamén todos os partidos xudiciais e sete tribunais de instancia nas principais urbes. Xa que logo, Vigo, Compostela e Ferrol -que coa reforma prevista quedaban sen tribunal- uniranse aos xa previstos para cada capital de provincia.

Estas sedes xudiciais de localidades que non sexan capital de provincia "deixarán de chamarse tribunais provinciais de instancia para ser simplemente tribunais de instancia e tomar o nome da cidade onde teñan a súa sede", segundo aclarou Gallardón. "Era necesario recoñecer a realidade territorial de Galicia e hai un Goberno que entendeu os feitos", celebrou Feijóo.

A modificación do Executivo popular terán que ser agora reflectida no texto definitivo que entrará en setembro no Congreso para a súa tramitación. O cambio chega logo de fortes mobilizacións, tanto a nivel social como político, pasando por xuíces ou fiscais. Todos eles criticaban que non se tivese en conta o asentamento poboacional de Galicia, así como o caso de cidades como Santiago, Ferrol ou Vigo. No caso desta última, por exemplo, malia non ser capital de provincia, multiplica por cinco o número de asuntos de Pontevedra.

Núñez Feijóo e Ruiz-Gallardón © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.