O alcalde de Ourense desafía a Pachi Vázquez e presenta un candidato para dirixir o partido na provincia

Pablo López Vidal © PSdeG-PSOE

A dirección socialista galega encabezada por Pachi Vázquez volve a enfrontarse a un novo desafío. O parlamentario autonómico, Pablo López Vidal, presentou este xoves a súa candidatura á secretaría xeral do PSdG ourensán. López Vidal, instrumento do alcalde de Ourense, non dubidou en proclamarse sucesor do movemento liderado por Elena Espinosa que disputou en marzo a secretaría xeral ao político do Carballiño.

Pachi Vázquez coñeceu a decisión de López Vidal o pasado mércores e, segundo puido saber Praza, non lle fixo ningún reproche. Á presentación da candidatura acudiron militantes e algúns dos concelleiros da cidade de Ourense que apoiaron a Espinosa, aínda que non asistiu o rexedor por estar nunha comida. Tamén faltaron catro concelleiros da capital que xa se enfrontaron ao alcalde no congreso galego.

A pesar de que os comentarios en privado suxerían que esperaban a inevitable derrota, o candidato López Vidal explicou que “o partido estaba vivindo un momento de encefalograma plano e non está presente na rúa”

A presentación moi coidada e con representación dos distintos estratos da militancia non logrou espertar con todo a emoción dos asistentes, que non dubidaron en sinalar que “este movemento facémolo porque non temos nada que perder”. A pesar de que os comentarios en privado suxerían que esperaban a inevitable derrota, o candidato López Vidal explicou que “o partido estaba vivindo un momento de encefalograma plano e non está presente na rúa”. O deputado autonómico recolleu os adxectivos empregados por Elena Espinosa no discurso de Compostela e falou de “falta de ambición, discurso de resistencia mentres o PP está a desmantelar os servizos públicos”.

Na sede socialista non abundaron os alcaldes que a formación política ten na provincia de Ourense, salvo o de Parada do Sil e o de Entrimo, nin deputados autonómicos, nin a deputada nas Cortes, nin o senador, Miguel Fidalgo

A pesar de criticar a falta de implantación territorial, na sede socialista non abundaron os alcaldes que a formación política ten na provincia de Ourense, salvo o de Parada do Sil e o de Entrimo, nin deputados autonómicos, nin a deputada nas Cortes, nin o senador, Miguel Fidalgo. Como veu ocorrendo na fase previa do congreso galego acudiron ás frases tópicas sobre a necesidade de ideas a pesar de que os argumentos solapaban unha crítica feroz á actual Comisión Executiva Nacional. Porén López Vidal evitou criticar a Vázquez publicamente aínda que lle reprochou que “debería terse en conta que o congreso gañouse por só 30 votos”.

Pola contra a dirección provincial prepara un congreso de reafirmación en torno a Pachi Vázquez e un documento político para o debate cheo de referencias á situación actual da provincia. Os socialistas ourensáns escolleron o lema  Sabemos Gobernar. Segundo puido saber Praza Pública, o equipo de redactores traballou coa idea de que o PSdeG-PSOE está cada vez máis cerca do poder autonómico.

O equipo de redactores traballou coa idea de que o PSdeG-PSOE está cada vez máis cerca do poder autonómico

As propostas están formuladas en positivo e recóllense ideas do socialismo clásico como a defensa da sanidade e a educación públicas ou o sistema do benestar. A ponencia socialista recolle unha reivindicación expresa da lingua e a cultura galega e insta aos cargos socialistas a evitar que a identidade cultural e política de Galicia sexa monopolizada por outras formacións políticas.

Pablo López Vidal © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.