Anova pon en marcha as súas 'xeiras' para "fomentar o debate coa cidadanía activa"

Asemblea deliberativa de Anova © Anova

Anova celebra este sábado as súas dúas primeiras xeirasxornadas abertas de debate nas que poden participar militantes e non militantes, e que buscan precisamente fomentar o debate no seo da formación e coa sociedade civil activa, procurando "espazos de confluencia entre a esquerda social e a esquerda política". A primeira, correspondente á comara de Compostela, terá lugar en Teo, na Casa Común dos Tilos, de 11 a 14 horas. Pola tarde, celebrarase outra en Betanzos, no Liceo, entre as 17.30 e as 20 horas, abranguendo as comarcas da Coruña, Ferrol e Bergantiños.

Para Noriega, as xeiras teñen a virtude de estaren "desvencelladas da tensión propia da adopción de acordos, son un espazo no que non tes que ir pelexar por unha tese política ou unha emenda"

As xeiras organízanse en catro bloques temáticos: "Que principios político-organizativos comúns defendemos?", "Esquerda e nacionalismo. Porque movemos os marcos?", "Municipais. Frontes amplas cara a creba democrática?" e "Como debullamos a relación movementos/partidos?". Nas vindeiras semanas celebraranse novos encontros, que xa están programados en Ourense e Pontevedra. O obxectivo é que as conclusións que se tiren de cada unha destas xuntanzas sirvan de base para a asemblea deliberativa que Anova celebrará dúas semanas antes da súa segunda Asemblea Nacional (que terá lugar os días 11 e 12 de outubro).

Para Martiño Noriega, coordinador da formación, as xeiras teñen a virtude de estaren "desvencelladas da tensión propia da adopción de acordos, son un espazo no que non tes que ir pelexar por unha tese política ou unha emenda". Deste xeito, para Noriega, facilítase "o debate coa militancia e coa cidadanía activa" e recoñece que este xeito de traballar toma como referencia en boa medida o traballo realizado polas trobades populars das CUP.

"A idea de Anova é volcarse neses procesos de acumulación cidadá, sen ánimo de tutela e si con ánimo de achega"

As xeiras desenvolveranse en paralelo cos demais procesos, máis clásicos, que conforman a Asemblea Nacional de Anova, e nos que a militancia da formación debate e vota propostas e definicións políticas e organizativas. Tamén discorren en paralelo co traballo que, con metodoloxías semellantes, se comeza a facer nas mareas e outros procesos de conformación de candidaturas populares para as eleccións municipais do vindeiro ano. Noriega destaca que "a idea de Anova é volcarse neses procesos de acumulación cidadá, sen ánimo de tutela e si con ánimo de achega" e lembra que a Coordinadora Nacional da formación aprobou a pasada fin de semana un novo documento no que apoia a construción destas candidaturas e aposta pola sua "confluencia" para "dar a batalla polas Deputacións, administración notoriamente reforzada tras a reforma local".

Asemblea deliberativa de Anova © Anova

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.