O BNG abre as portas para tentar "mudalo todo"

Vence, na presentación de 'Construíndo futuro' CC-BY-NC-SA BNG

Entre as moitas incógnitas que arrodean o intenso calendario electoral que o país ten por diante -en apenas dous anos a cidadanía galega será chamada ás urnas, segundo o previsto, en tres ocasións- unha das primeiras que, por forza, terá que resolverse, é o xeito en que o nacionalismo galego concorrerá aos comicios municipais do derradeiro domingo de 2015. Tras dous anos de convulsións e mudanzas mudanzas e de xeito paralelo a varios procesos en marcha o BNG olla tamén cara a ese horizonte partindo da premisa de que "vivimos nun momento no que é preciso mudalo todo", un principio que a formación frontista aposta por canalizar a través dun ciclo de asembleas abertas por todo o país que nestes últimos días de setembro entran nun ciclo relevante, o das cidades.

Compostela, este xoves; Vigo, Ourense e Lugo, a vindeira semana e A Coruña contra o remate do mes son datas especialmente sinaladas nun calendario no que o Bloque agarda fixar arredor de 60 datas baixo o lema Construíndo futuro, título do manifesto que inspira o proceso. Avalado na súa presentación por representantes do mundo da cultura e do activismo social este proceso parte do convencemento de que "nunca nas últimas décadas se amosara tan claramente que o actual réxime político está esgotado", así como o seu "soporte partidario, en forma e PP e PSOE", partidos aos que ven "incapaces de xesitonar un modelo que eles mesmos crearon".

Nesta segunda metade de setembro están convocadas as principais asembleas abertas das cidades

A crise económica e os procesos soberanistas en Escocia ou Catalunya, "que unen a procura dun Estado propio coa mellora das condicións de vida" son as "conviccións" que están na base da "acción política do BNG" e tamén deste proceso", explican, nun contexto no que "para lograrmos este obxectivo é preciso que o proxecto nacionalista avance, apliando o seu espazo e incorporando sectores que comparten o ideario nacionalista de esquerdas". A todas estas persoas, manteñen, non se lles vai pedir "o carné" se desexan participar das asembleas.

"Non valen opcións miméticas, válidas para outras latitudes", din

Estas premisas, explica o manifesto, deben aplicarse xa nas municipais do vindeiro ano, de cara ás que nada está pechado, nin sequera as siglas. Trátase, sinalan, de "ensanchar e fortalecer a presenza institucional do nacionalismo" para "xerar políticas que combatan a desfeita social que os gobernos do PP están a provocar no noso país" e "pór os concellos ao servzio da maioría social". A loita contra a corrupción, o rexeitamento do localismo, a defensa do servizos públicos ou o financiamento local son outros dos aspectos que levan o BNG a concluír que en Galicia "non valen opcións miméticas, válidas para outras latitudes" pero que son "inútiles para nós e os nosos concellos". 

"Precisamos dunha expresión política propia, adaptada á nosa nación e comprometida coa súa defensa e liberación", abonda o manifesto, no que o Bloque sinala que, precisamente "por iso promovemos asembleas abertas": "O desafío que emprendemos necesita do compromiso e da participación popular". "É tempo de sumarmos esforzos" para lograr ese propósito de "mudalo todo e mudalo dende nós", conclúen.

Vence, na presentación de 'Construíndo futuro' CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.