Seis normas do novo código ético da Xunta que xa existían

Feijóo e a conselleira de Benestar, este luns nunha escola infantil de Meira © Xoán Crespo

"O impulso da transparencia, a rendición de contas ante a cidadanía e a vocación de servizo público constitúen compromisos indisolublemente unidos ao autogoberno en Galicia". "O seu pleno exercicio e efectividade, no entanto, non debe ser entendido nunca como un horizonte xa alcanzado senón como un proceso permanente de procura, cuxo empeño debe ser continuamente renovado e ampliado". Así comeza o código ético da Xunta, o texto que, aprobado presentado en marzo e aprobado en xullo, é publicitado dende pasada semana polo Goberno galego como ferramenta para "o correcto exercicio das responsabilidades públicas" e "reforzar os estándares de conduta dos servidores públicos, o seu compromiso único co interese xeral e a garantía". Á hora de concretar estes principios xerais o código ético reitera, en boa medida, preceptos xa incluídos en leis vixentes tanto estatais como galegas.

1. Respecto á Constitución e ao Estatuto

O código comeza explicando que aposta por "promover especialmente, pola súa vinculación cos obxectivos perseguidos" a "observancia" de "principios" como o cumprimetno dos textos constitucional e estatutario e "do resto de normas que integran o ordenamento xurídico". Os membros do Goberno galego xuran ou prometen este cumprimento ao tomaren posesión dos seus cargos e os tribunais perseguen as súas actuacións se non o fan.

2. Prohibición de agasallos

A medida estrela do código, presentada en pleno escándalo polas revelacións do caso Pokémon, veta que os membros do Goberno e o persoal da Xunta en xeral poida recibir "agasallos e dádivas" e só permite "As atencións enmarcadas nos usos habituais e costumes sociais de cortesía". Esta prohibición está vixente en Galicia dende o ano 2006, cando a Lei de Transparencia estipulou, no seu artigo 15, que o presidente, os conselleiros e demais cargos gobernamentais "non aceptarán regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condicións vantaxosas que poidan condicionar o desenvolvemento das súas funcións". O código ético cifra o límite da cortesía en 90 euros e agrega un protocolo para devolver eses agasallos.

Os agasallos alén da cortesía están prohibidos dende 2011 e as accións arbitrarias están tipificadas no Código Penal

3. Non prevaricar

Ademais dos contidos da Lei de Transparencia o código ético evidencia a imposibilidade de realizar condutas que poidan ser constitutivas de delitos como a prevaricación, tipificada no Código Penal. Así, o novo código explica que "as autoridades e demais persoal ao servizo do sector público autonómico absteranse de toda acción arbitraria que implique facultades non amparadas por fundamentos legais ou non motivadas por un interese público. Do mesmo xeito, "non caberá influír na axilización do curso dun trámite ou procedemento administrativo ou na liberación de cargas e sancións a particulares ou empresas sen xusta causa e cando isto comporte un privilexio en beneficio do seu contorno familiar e social inmediato". En síntese, non prevaricar.

4. Non defraudar á Facenda pública

O código ético sinala que os membros do Consello da Xunta e altos cargos "non poderán ser titulares de contas en países ou territorios con cualificación de paraíso fiscal segundo a regulación estatal de aplicación". Así as cousas, evidénciase que o presidente, as conselleiras ou conselleiros ou as persoas titulares de secretarías ou direccións xerais non poden defraudar á Facenda pública, isto é, non poderán cometer un delito de fraude fiscal e se o fan, serán cesados.

5. Non utilizar información privilexiada

Na liña do artigo 285 do Código Penal o código ético explica que "as autoridades e demais persoal ao servizo do sector público autonómico non poderán empregar para beneficio propio calquera dato, información ou documento obtido en razón do posto" e "baixo ningún concepto poderán obter lucro persoal pola utilización de información privilexiada de carácter financeiro, bolsista ou fiscal á que teñan acceso". Do mesmo xeito, nos exames de oposición e demais procesos selectivos "non se poderá proporcionar información ningunha" fóra das canles legais, como é preceptivo por lei.

O código impide as inauguracións na emigración en período electoral, a lei prohíbeas dende 2011 tanto no exterior como no interior

6. Cumprir a lei electoral (no exterior)

O código ético que agora se publicita inclúe no seu texto outro anterior, o presentado para regular as viaxes oficiais. Neste apartado o Goberno explica que "dende a convocatoria das eleccións ata a data de celebración a Xunta deberá absterse de organizar ou financiar calquera acto no exterior que conteña alusións ás realizacións ou logros obtidos ou que empregue imaxes ou expresións coincidentes coas empregadas nas súas propias campañas con algunha das formacións políticas que concorran ás eleccións". Asemade, o código indica que "durante a campaña a Xunta deberá absterse de realizar no exterior calquera acto de inauguración de obras, proxectos ou servizos públicos" aínda que estas "poidan entrar en funcionamento no dito período". Esta prohibición está vixente dende o ano 2011, cando a reforma da Lei Electoral prohibiu este tipo de actos en período electoral tanto no exterior como no interior do país. Durante a campaña electoral de 2012 Alberto Núñez Feijóo e outros membros do Goberno infrinxiron reiteradamente este precepto.

Feijóo e a conselleira de Benestar, este luns nunha escola infantil de Meira © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.