0 Gardados para despois

Camilo Nogueira: "A autoestima é a base para que un goberno de esquerdas poida defender os intereses de Galicia"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Iniciamos con Camilo Nogueira unha serie de entrevistas para conmemorar os 30 anos de autonomía e de actividade do Parlamento galego. Nogueira foi o deputado máis activo nas dúas primeiras lexislaturas (militando en Esquerda Galega e no PSG-EG), un período no que se construíu boa parte do entramado institucional e simbólico do autogoberno de Galicia, comezando pola Lei de Normalización Lingüística, a CRTVG ou as primeiras transferencias de competencias. Falamos con el deste traballo, do actual proceso de recentralización do Estado e da actualidade política galega. Nogueira continúa a militar activamente no BNG.

Ti fuches o deputado máis activo do Parlamento galego nas dúas primeiras lexislaturas e mesmo da terceira. Como valoras o traballo realizado neses anos?

Hai que falar das circunstancias nas que se escolleu ese primeiro Parlamento, e da forma en que se acada o autogoberno en Galicia. A diferenza do que sucedeu en Catalunya e Euskadi, o PG foi disolto nos anos 50, e polo tanto ao chegar a Transición nós non tiñamos un partido nacionalista con prestixio, que levase con el a tradición e a lexitimidade da Segunda República e que se fixese visible diante da sociedade galega, creando ese campo de xogo político. Polo tanto, nos anos sesenta nacen varias organizacións nacionalistas, con dúas correntes diferentes: unha que pertencía ao campo da esquerda democrática europea, e outra corrente que se inspirou nos procesos de descolonización deses anos. E estas correntes tiñan ademais un desencontro sobre como tratar a autonomía.

Nos anos setenta e oitenta os únicos que eramos conscientes das vantaxes dos instrumentos do autogoberno e o Estatuto eramos os nacionalistas

E a pesar de todo iso, nos anos setenta e oitenta os únicos que eramos conscientes das vantaxes dos instrumentos do autogoberno e o Estatuto eramos os nacionalistas. E nesa primeira lexislatura había tres deputados do Bloque-PSG, un de EG e catro deputados procedentes dos galeguismo cultural, nas fileiras do PSOE, que tamén contribuían a avanzar. E ao resto, digamos que a autonomía lles caeu do ceo e non sabían ben que facer con ela. Nese contexto a nosa participación como EG na primeira lexislatura e despois como PSG-EG na segunda e na terceira foi decisiva.

Boa parte desas leis, moitas delas iniciativas do PSG-EG, aínda están vixentes, aínda que están postas en cuestión por esta nova xeración do Partido Popular ignorante da realidade e máis españolista que a xeración dos seus pais

Ese Parlamento, entre 1981 e 1989, constrúe boa parte do entramado legal e institucional do autogoberno de Galicia; leis fundamentais coma a Lei de Normalización, a Lei de Símbolos, a Lei da CRTVG, ou as transferencias de Sanidade e Ensino... Digamos que constrúe a nación...

Si, boa parte desas leis, moitas delas iniciativas do PSG-EG, aínda están vixentes, aínda que están postas en cuestión por esta nova xeración do Partido Popular ignorante da realidade e máis españolista que a xeración dos seus pais. O Estatuto non era a nosa reivindicación final, pero era unha forma de recoñecer o tempo republicano e ao tempo o feito nacional galego. É certo tamén que houbo personalidade na propia dereita, como Albor, que recolleron algunhas cousas, certas tradicións, coma o uso da bandeira e o himno.

Todo iso está en perigo hoxendía, polos procesos recentralizadores iniciados ou apuntados?

Tivemos que loitas estas últimas décadas, e seguimos loitando, contra unha visión españolista de Galicia que predominaba daquela e que aínda tinxe algunhas posicións políticas sinceramente contrarias a ese españolismo. Esas ideas de que Galicia é un país pobre, de que Galicia é un país excéntrico -e excéntrico de Madrid, pero non de Londres ou de Nova York-, de que o galego é unha lingua de aldea, de que os galegos somos submisos... Son ideas que nós combatemos moito, pero que seguen aí e ás veces tollen a actividade do propio nacionalismo, que non é quen de ver esas novas realidades da riqueza da economía galega ou de que a nosa lingua se fale en Rio de Xaneiro.

Se houbese un goberno consciente, poderíamos actuar coma se fosemos independentes. Hai moita marxe de actuación

Vivimos, ademais, un renacemento do españolismo no Estado español. Só cando nas nacións sen Estado se acade un autogoberno forte, poderá haber plurinacionalidade en España, por iniciativa do centro iso nunca vai ser posible. Se houbese un goberno consciente, poderíamos actuar coma se fosemos independentes. Hai moita marxe de actuación. Tamén en canto á lingua. Sempre se vai falar castelán en Galicia, pero non é o mesmo o castelán imposto contra o galego, que o inglés que se fala en Holanda. En Holanda todo o mundo fala neerlandés e fala inglés, pero o inglés non é contrario ao neerlandés. O castelán non pode estar presente como unha institución agresiva contra o galego. E tamén en canto ás relacións internacionais de Galicia con Portugal e coas áreas lusófonas, por exemplo.

Se hai un certo senso común entre o PSOE e o BNG podería gobernarse de novo e creo que neste goberno habería máis posibilidades de entendemento ca no bipartito

Que grandes retos ten Galicia para os vindeiros dez ou vinte anos?

O primeiro reto é que non goberne o PP. E se hai un certo senso común entre o PSOE e o BNG podería gobernarse de novo e creo que neste goberno habería máis posibilidades de entendemento ca no bipartito. Hai que traballar dende a autoestima, dende a consciencia da capacidade de Galicia para autogobernarse. Un país coma o noso, que temos o 90% da renda media da UE, non necesita a Madrid para nada. Temos que facer propios retos económicos, apoiando as actividades produtivas, tendo unha visión de transformación da sociedade, e actuar dende a non-dependencia. Hai que concordar a idea da UE como un novo espazo nacional-galego, iso é fundamental. Para min a autoestima é a base para que un goberno de esquerdas poida defender os intereses de Galicia.

Como ves a situación política en Galicia, nomeadamente a que se abriu no campo nacionalista?

Eu axudei a que houbese no BNG unha alternativa á forza política dominante, para equilibrar a situación. E para min o resultado da asemblea de xaneiro foi un éxito total, porque as forzas políticas alternativas lograron case o mesmo resultado que a UPG e os seus aliados. Triunfou o programa da UPG, que estaba endurecido porque había un programa alternativo e quixeron reafirmarse, pero había unha situación de empate que a min me parecía moi favorable para unha transformación do BNG e unha ósmose entre as dúas tendencias de cara ao futuro.

Triunfou o programa da UPG, que estaba endurecido porque había un programa alternativo e quixeron reafirmarse, pero había unha situación de empate que a min me parecía moi favorable para unha transformación do BNG

Pero dende entón produciuse unha explosión incomprensible para min entre as forzas que para min gañaran a asemblea e ademais nun momento moi inoportuno, porque vai haber eleccións en poucos meses. Eu vou traballar para que o BNG acade o mellor resultado posible. Ademais, creo que en moitas forzas dentro do BNG, despois de todo isto que pasou, compréndese mellor que non se pode traballar coma se estivésemos na guerra fría ou coma se o centro de todos os nosos problemas fose a UE.

Como analizas a situación económica? Que respostas cres que se lle poderían dar no seo do espazo político europeo?

A crise económica en Europa é basicamente unha crise política. Un continente tan desenvolvido como Europa, se en lugar de crecer ao 3% crecer ao 1%, iso non ten importancia ningunha. Só ao Capital, que sempre busca o máximo beneficio, lle preocupa que crezamos o 3%. O problema de Europa é a ausencia dun goberno económico da Unión; pídeselles aos gobernos que cumpran boamente uns criterios de débeda, déficit e inflación, pero en realidade ninguén controla isto. No momento en que haxa un goberno económico que asegure o cumprimento destas normas, non haberá crise. Se nos países da UE hai cambios políticos, pódese utilizar a propia UE para defender, dentro e fóra de Europa, as ideas do Estado do Benestar. Espero que o resultados das eleccións francesas faciliten ese proceso.

O problema de Europa é a ausencia dun goberno económico da Unión

E despois a crise do Estado español non ten nada que ver, é consecuencia do proceso obsceno de basear a economía na construción con cartos pedidos no exterior. O Goberno de Zapatero tiña que recoñecer que España se trabucara e que ía mudar o modelo. E este novo goberno segue igual, e así non vai haber solución. Ademais, hai que advertir que o PIB de España é igual que cando comezou a crise, e se hai sectores máis pobres que antes, hai outros que se enriqueceron. E en Galicia pasa algo semellante, con algo menos de desemprego, e agora estamos sufrindo as consecuencias da crise española.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos
CC BY-NC TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.