Debilitar e dividir: A estratexia do Goberno de España para Catalunya

Mas saúda e Rajoy observa irónico, nunha xuntanza oficial © Goberno de España

A estratexia do Goberno de España pode semellar inconsistente. De certo, sobre Catalunya dixéronse, nunha sucesión de tempos sen control aparente, moitas e contraditorias cousas. Ben sexa culpabilizar a Artur Mas pola súa ansia de perpetuarse na Generalitat; ou ben, afirmar que o President é un perigoso insurrecto, e, de contado, un home do que se presume, sen máis coñecemento ás veces que a intuición ou o off the record, que cumprirá a lei. Afirmar que o pobo catalán, un suxeito esquizofrénico para os medios e o Goberno, resulta ser quen de quitarlle 10 puntos ao órdago independentista de Mas, ao tempo que se deixa manipular polos poderosos tentáculos da Generalitat. 

O Estado tratou o proceso independentista de tres xeitos:

Primeiro: Mas é o converso independentista, irresponsable e ambicioso, que condena o seu pobo á incerteza e a un futuro de miseria. Despois de perder 10 puntos nas eleccións do 2012, que el mesmo convocou, en Madrid afiaron as navallas: por riba de ser un converso independentista non é recoñecido polo seu pobo. A intención desta mensaxe foi desprestixiar e debilitar a Mas e, ao mesmo tempo, reducir o proceso independentista a unha manobra de CiU, coa finalidade de diluír e  borrar da axenda o proceso soberanista. Dise entón... As posicións independentistas de Mas son cortinas de fume que enmascaran o seu fracaso e desgoberno. E a iso se reduce, en definitiva, toda a argumentación do PP catalán. 

O “Espanya ens roba” ou as declaracións do President dicindo que en Catalunya non se durme a sesta xustifican estas mensaxes.

A segunda fase comeza coas primeiras enquisas: o pobo vive enganado pola Generalitat e a súa eficaz maquinaria de manipulación. Case ao mesmo tempo comeza a afirmarse que Mas é dominado pola Assemblea Nacional Catalana e ERC. Inesperadamente, emerxe no discurso a expresión “a burguesía catalá”, da que pode pasar a formar parte, por arte de maxia, un pobo enteiro. Cando a implantación social do proceso, demostrada polas enquisas e a forza das mobilizacións, impiden responsabilizar só a Mas, o Goberno cambia a estratexia: agora o proceso é unha nova manifestación do “nacionalismo excluínte”, egoísta e antidemocrático. O “Espanya ens roba” ou as declaracións do President dicindo que en Catalunya non se durme a sesta xustifican estas mensaxes. Hai que concentrar o ataque no Govern por tres razóns: para agochar as reclamacións sociais articuladas no proceso independentista; para responsabilizar o elo fráxil do proceso, que é CiU e o Govern da Generalitat, ao mesmo tempo que se mina a súa autoridade con referencias constantes a ERC e a ANC; e, finalmente, xustificar normativamente a negación do voto sobre os argumentos da sociedade manipulada e a sociedade excluínte cara o resto dos españois.  

Coa Constitución por diante, o escándalo de Pujol e o argumento da crecente tensión, as mensaxes teñen un ton novo, máis duro e institucional.

Por fin, na terceira etapa, a cousa ponse seria: fálase do desafío soberanista, do ataque ao estado de dereito, ás leis e ás institucións; mentres, en Catalunya estoura o escándalo Pujol. O proceso xudicial é para algúns unha sorprendente coincidencia. Porén, a oportunidade do momento e as conexións directas que lle atoparon ao goberno nese sarillo suxiren o contrario. Coa Constitución por diante, o escándalo de Pujol e o argumento da crecente tensión, as mensaxes teñen un ton novo, máis duro e institucional. A intención é opoñer ao caos independentista a orde e seriedade do Estado. Se o Goberno estivese limpo de escándalos de corrupción o argumento tería sido moito máis potente. O goberno teima na presión sobre CiU que agora, despois dos pasos atrás de Unió, funciona como Convergència Democrática de Catalunya. A intención final é dividir os actores implicados no proceso soberanista, aumentando as friccións entre eles, con todos os instrumentos dos que dispón o Estado.

Agora que baixou un pouco a tensión despois do anuncio do President, entramos nunha nova fase na que aínda está por ver que dirá cada un e, máis importante, que fará cadaquén. Polo momento, o Goberno español cala e, tanto nos seus círculos como nos do PSOE, comeza a falarse da terceira vía.

"Contrario a la constitución” e “choque de trenes”

“É contrario á Constitución.”: este foi o principal argumento de Rajoy para dicir non ao pacto fiscal de Artur Mas. Desde aquela reiterouno unha e outra vez. Máis alá da calidade do argumento, podémonos preguntar a quen beneficia esa insistencia? Pois ben, agocharse detrás da Constitución beneficia só ao Goberno. Para o PP de Catalunya a negativa a negociar de Rajoy é mortal, déixaos nunha posición extrema, marxinal, sen capacidade de manobra; non teñen nada que ofrecerlle á sociedade catalá. O Goberno central é o único beneficiado.

Cando quen ten a iniciativa non actúa, arredor súa todo o mundo se pon nervioso e, nun asunto como o catalán, iso significa, case con toda probabilidade, cometer erros. A oposición non ofrece, nin ten capacidade para ofrecer, nada máis que a reforma constitucional (federal din eles), da que non se sabe en que consiste e que ninguén, por agora, quere mercar. Este é o principal erro que o Goberno central fixo cometer ao PSOE.

A unión arredor da consulta e do proceso está suxeita a ficción de que a consulta é o final, pero non o é.

Ao non actuar, o Goberno deixa os partidos cataláns sós. A unión arredor da consulta e do proceso está suxeita á ficción de que o final é a consulta, pero non o é. Fóra da consulta, que  agora sabemos non se vai celebrar como tal, só hai tensións. En canto Artur Mas fixo as súas declaracións sobre a cancelación da consulta, comezou un combate de judo entre ERC e CDC. Este combate é tanto pola hexemonía na posible candidatura unitaria conformada coa axuda da ANC e Omnium, como por coñecer quen terá o poder na Catalunya independente.

Unha unidade sen conflitos para unhas eleccións plebiscitarias non é moi probable; acontecerá despois dun duro combate táctico. A ANC non poderá inclinarse cara a ERC ou cara a CDC se quere manter a súa cohesión interna. A unidade require doses de sacrificio que ninguén parece estar disposto a pagar. A fragmentación dos partidos cataláns e a debilidade de CDC son os talóns de Aquiles que identificou o Goberno de España dentro do proceso soberanista. As reticencias de Duran i Lleida sobre unha lista unitaria que teña como obxectivo a declaración unilateral de independencia e a incerteza sobre o que fará Unió obedecen a esa dinámica.

A negativa reiterada do Goberno a negociar coloca a CDC nunha situación a que non está acostumada, sempre foi un partido máis pactista e catalanista ca independentista. O bloqueo do Goberno e o escándalo de Pujol mataron a CIU e a CDC como marca electoral; seguramente non vexamos esas siglas nunca máis nunhas eleccións. Os converxentes, que nunca foron un partido en fricción co Estado, entraron nun terreo no que teñen todas as de perder; Pujol cuspiu contra o vento cando dixo iso de: “Que coño es eso de la UDEF?”, (Unidade de Delincuencia Económica e Financieira). CDC non pareceu decatarse, ata o escándalo de Pujol, que a quen ten enfronte non é só o PP, senón tamén o Estado e os seus instrumentos.

Por unha banda, a orde do Estado; pola outra, o caos secesionista.

A última das razóns pola que o Goberno español se ampara, literalmente, na Constitución, e a intención principal pola cal fala a miúdo de “choque de trenes” é dar a aparencia de ser o único sólido a man. Por unha banda, a orde do Estado; pola outra, o caos secesionista. A idea de “choque de trenes” é unha imaxe cargada de tensión: sobre ela só pode construírse unha escalada de tensións ou unha freada súpeta. A freada non é unha opción probable.

O Goberno fuxe, coma do demo, de falarlle directamente aos cataláns ou incluír no seu discurso o proceso e a sociedade civil. Polo tanto, eses trens que disparados un cara o outro a toda velocidade son Goberno e Govern, PP e Convergència. Esta escalada de tensión interésalle ao Goberno só ata un punto determinado. Se o Estado se mantén firme na súa pasividade activa (que é a marca de Rajoy), a tensión. a partir de certo punto, vai ser causa de dous feitos: a división dos partidos a favor da consulta e, especialmente, do catalanismo moderado (coas plebiscitarias cada vez máis preto, xurde xa a tensión entre ERC e CDC); e, por outra parte, o aumento da resistencia á independencia das clases medias que votaron tradicionalmente a CiU e non están dispostas a un proceso con grandes doses de fricción, incerteza e custos elevados (que é, basicamente, a estratexia de cerre soberanista).

Catalunya non gañou aínda o apoio da comunidade internacional. Apoio que, seguramente, nunca tivo a oportunidade de disputarlle ao Estado cos súas capacidades actuais. Europa está por unha saída negociada e por evitar que os estados se fraccionen, Merkel deixouno ben clariño. O Goberno quere evitar o momento decisivo no que en Catalunya non exista punto de non retorno. Porén, este punto de non retorno acontecerá cando o proceso implique definitivamente todas as institucións, e isto vai suceder nas eleccións municipais, e cando a tensión supere o limiar da desobediencia civil xeneralizada, tan temido polo Goberno. A fricción é a estratexia do Goberno. Debilitar e dividir o proceso, que se desfaga por esgotamento. Pechar o proceso, illar a Catalunya e encerrar os independentistas en si mesmos e, finalmente, abrir a negociación e recolocar o catalanismo moderado no pacto sobre a Constitución española. Evitar, por todos medios, o momento constituínte.

Manifestación a prol da consulta pola Diada en Barcelona Dominio Público @araeslhora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.