A Xunta evita revelarlle ao Parlamento por que tivo pechado o Pazo de Meirás

Interior do Pazo de Meirás © Xunta

Catro preguntas, catro respostas practicamente idénticas e unha moi escasa información. O Goberno galego segue a apostar pola escaseza de transparencia á hora de informar sobre a súa relación coa familia do ditador Francisco Franco para abrir ao público o Pazo de Meirás, tal e como é obriga da Xunta por ser o complexo situado no Concello de Sada un Ben de Interese Cultural (BIC). Tramitado durante o Goberno bipartito, a culminación da declaración como BIC e o conseguinte programa de visitas tiveron que ser realizados polo actual Executivo que, tal e como vén informando Praza Pública, xa leva gastados máis de 32.000 euros en asumir os gastos de seguridade no canto de facer que repercutan nos petos da familia Franco, que sigue empregando o pazo como lugar de vacacións. Ese goce do monumento por parte dos, en verbas da Xunta, "propietarios do pazo", é precisamente o que motivou as preguntas de PSdeG e BNG que, concretamente, cuestionaron ao Goberno polos motivos do pechamento do edificio durante varios meses.

O Goberno obvia que pactou non permitir as visitas cando os herdeiros do ditador estean de vacacións no pazo

As catro cuestións, dúas formuladas pola socialista Concepción Burgo e outras dúas pola nacionalista Ana Luisa Bouza obtiveron respostas escasas en extensión e en contido. No caso da nacionalista, a Consellería de Cultura e Educación remítese á comparecencia na cámara do seu secretario xeral, Anxo Lorenzo, a mediados de abril, para lembrar que o programa de visitas "guiadas e gratuítas" a Meirás está activo de novo dende o día 6 dese mes, "ao abeiro do convenio asinado" entre a consellería "e os propietarios". Ademais de pasar por riba do custo e contido dese convenio, a Xunta sinala que "cómpre recordar que o pazo permanecía pechado ao público no momento do inicio da actual lexislatura -basicamente, polas reticencias dos herdeiros do ditador-" e apunta que, dende marzo de 2011, recibiu 1.240 visitantes.

Non recibe moitas máis explicacións a deputada do PSdeG, á que a Xunta lle achega os poucos datos que tamén lle relata ao BNG e, ademais, lle detalla as horas ás que é posible visitar Meirás -"catro quendas, os venres de cada mes"- e o itinerario que se percorre no seu interior. O que non revela a Consellería é o que si lle tivo que contar ao Valedor do Pobo tras unha queixa da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Como ten relatado Praza, a Xunta si recoñeceu ante o Valedor que unha cláusula do convenio asinado cos Franco inclúe a posibilidade de "dispensar do cumprimento da obriga de apertura para visitas públicas, de forma puntual e excepcional, en atención ás circunstancias concorrentes". Unha desas circunstancias son "as visitas durante os días en que a familia [Franco]" está "aloxada no pazo pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma”.

Interior do Pazo de Meirás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.